
Quen canta, o seu mal espanta

Dicía nunha entrevista hai xa algún tempo un dos nosos cantores máis senlleiros, o guardés Tino Baz, que o canto ten un algo de terapéutico e que “a amargura ten de ser reciclada”. A relación do canto co alivio das dores reflíctese tamén no noso refraneiro con ese dito popular tan coñecido que di que “Quen canta, o seu mal espanta”, refrán empregado en todos os pobos da Península Ibérica. Algunhas investigacións contemporáneas arredor deste “dito” afirman que o canto axudaría á relaxación e tería un efecto positivo na nosa frecuencia cardíaca, alén de múltiples beneficios para o noso sistema inmune. Nestes tempos de virus achegarémonos ás dúas grandes pandemias sufridas nos últimos 100 anos (1918-2020) e ao papel que xogou nelas o canto en xeral e a regueifa en particular.

O virus da “grippe” (préstamo recollido do francés) de 1918 e as súas consecuencias foron un auténtico pesadelo para a poboación galega da época. As páxinas dos xornais, sobre todo a partir do mes de outubro (2ª vaga da doenza) fálannos de localidades enteiras, coma Soutelo de Montes, onde a totalidade da veciñanza caeu infectada e onde morrían entre cinco e dez persoas diariamente. Coma neste 2020, o virus afectou máis ás vilas có rural e moi poucas esquivaron o azoute da epidemia, cuantificándose numerosas mortes nas catro provincias, con algo máis de incidencia nas atlánticas debido á súa maior densidade de poboación. Desde Vigo a Pontevedra, pasando por Marín, Ribeira e Rianxo ata chegar a Compostela, A Coruña ou Ferrol; esta prensa permítenos coñecer moitas consecuencias daquela epidemia (desinfección de rúas, protocolos de limpeza individuais e colectivos, peche de cines e espectáculos, prohibicións de reunións “tumultuosas”…), non moi distantes das que vimos de sufrir estes últimos meses.
[…] A regueifa está na mesa E no medio ten malvela Pídoche meu compañeiro Que non escapes con ela Recollida en San Juan de Calo (Padrón 1918) | Que non escape con ela Iso si, meu queridiño Se non escapo con ela Roubareicha no camiño […] |
Á parte da desfeita da “grippe”, na prensa deses anos abundan referencias a festas populares e ás súas “performances”, coma os cantos da regueifa, que, aínda que xa entraran en decadencia (pois xa se iniciara o transvase destas porfías dos casamentos cara ás tabernas), continuaban a ser unha das maiores e máis coñecidas tradicións da nosa terra. De feito, atopamos algún exemplo onde regueifa e pandemia van da man, nunha especie de tentativa de animar a poboación, promovendo o canto naqueles tempos tan duros. Neste senso, é sintomática a primeira páxina de El Correo de Galicia (21.01.1919) onde se mestura unha columna relacionada co número de mortos que provocara a grippeata ese momento con outra onde se presenta unha recollida na comarca de Padrón. Semella que a prensa da época aproveitaba estas regueifas e o seu contido histriónico para aliviar as penas dxs seus/súas lectorxs.
Neste 2020, a pandemia da COVID-19 e a corentena á que se veu abocada a maior parte do mundo está facendo mudar o noso modo de vida en todos os ámbitos. Porén, nos dous últimos meses o Estado de Alarma e o confinamento provocou un remuíño de creatividade, en especial, entre o sector cultural. Dende as redes sociais aos balcóns, as iniciativas individuais ou colectivas do mundo das artes chegaron ás nosas casas a golpe de clic, facendo máis levadía a situación para a xente con video-chamadas, contacontxs, cancións interpretadas en coro… E a regueifa non podía ser menos. Dende os primeiros momentos deste andazo o mundo da regueifa mantívose en primeira liña contra o virus con actividades coma as propostas pola páxina “Regueifando pola vida”, que nos animaba a facer “regueifing”, é dicir, improvisar coplas ao mesmo tempo que se practica algún exercicio. Outras propostas veñen dende o concurso “Enreguéifate”, que nos incita a enviar regueifas a este certame de vídeos organizado por terceiro ano consecutivo. E non só, pois tamén puidemos gozar de cursos de regueifa, como o impartido pola cantora e regueifeira Alba María; ou regueifas on-line, como as realizadas polo proxecto educativo “Regueifesta”, onde regueifeirxs como Manolo Maseda ou Josinho da Teixeira botaron as súas “Regueifas contra a pandemia”; ou mesmo as promovidas dende a web “Músicas galegxs en concerto”, a través do Instagram, onde participaron xs regueifeirxs Lupe Blanco e Kike Estévez.

Desde estas humildes páxinas animámosvos a facer regueifing, a enregueifarvosou a cantar unhas regueifas coa vosa familia, parella ou compañeirx de confinamento. Porque, segundo din, “Quen canta, o seu mal espanta”.
Kike Estévez […] Non me estaba maquillando Que non che son Belcebú Estaba no Mercadona Mercando papel do cu Instagram (24/3/2020 | Lupe Blanco Eu non quería dicire Que a cousa te convenza Para limpar aí embaixo Ben che valía unha verza |