É ben certo que o xeito de coñecer ás persoas, mesmo aos grupos de xentes, é polos feitos e non polas palabras. Hai moitos fala-baratos, capaces de vender fume en canados. Andan entre nós e son sobre todo capaces de falar cousas que despois non manteñen, andan alá polas redes do mentireiro social, entre parroquiais do contubernio, nos foros de sisudos e sedutores golfos, de solvencia retraída.

Aínda así, feitos e palabras, moitas veces se contradín na mesma persoa, na mesma boca, tras do mesmo rostro, ben porque falta á palabra, ben porque os feitos non se corresponden co que se dixo e o rostro finxe.

Son así as realidades que temos diante. A mentira campa en aberto. Moita xente fala melodías que non interpretan e están pre-gravadas. Estamos a conmemorar datas que veñen de lonxe para celebrar, para lembrar memorias que nos reconforten e nas que nos vemos asolagados pois ao longo do tempo se naturalizan en tradición, e son rituais de estima.  Vén aí a celebración da Patria Galega, non esqueceremos!

O día 19 deste mes de xuño, en Lugo, declarábase Espazo para a Memoria o Vello Cárcere. Lugar de crimes e torturas, lugar hoxe de silencio e respecto. Pero non, a nova corporación fixo o imposible para impedir que se celebrase dentro do edificio. A min, que estaba presente e quería presenciar un comportamento de sabia cordura, deume moita vergoña estar e ver en vivo ese vil comportamento de certos “demócratas de toda a vida”. Unha vez máis certifiquei que son herdeiros do crime. O mesmo que aconteceu no 36 e así o asumen, pasan en silencio pero impedindo a memoria. Tanto tempo de sufrimentos e non aprendemos. Quizais por iso, por falta de memoria!

Seguen naquel dicir de Franco que sabía deixar todo atado e ben atado. Esqueceron que hai que recuperar  a Xustiza no medio da insensatez, da multitude de actos vandálicos contra monumentos da Memoria Histórica, pedras e signos, debuxos e poemas, figuras que dan eco daquela barbarie da que, polo visto, quedan moitos seguidores que se ven e agora e afloran, nesta “ola ultra-reaccionaria” cargada de ameazas. Fano a plena luz do día e non teñen problemas, a Xustiza non ve estas ignominias e aínda quere ignoralas. Algo está a pasar e cheira que confunde!

A “Galiza Mártir” foi desde 1942 instaurada en Bos Aires pola Galiza do exilio. Escolleron o día do asasinato de Alexandre Bóveda para sementar arelas dunha xeración única que queiramos ou non, marcaríanos a todos. E Castelao -de quen reparten medallas e dubido xa que logo, vendo o visto, non sexa unha usurpación e pose para a galería- simbolizou así a revelación dun xenocidio que se sumaba á celebración dos ideais galeguistas, sempre esperanzados nun porvir que puidese curar as feridas e xunguirnos a todos. Algún ano, na Caeira, participaron xentes de todas as ideoloxías. Pensei na miña inxenuidade que asumiamos “a totalidade” esa esperanza de vencer, de vencer á mentira coa intelixencia do relato verdadeiro. Eran palabras, só palabras. Un novo desengano que me enchía de vergoña, unha vez máis, diante de toda esa xente que non quere recoñecer a evidencia, son moitos e gañan eleccións nos votos nun pobo aducido na mentira, nas promesas e mentiras, de palabras sen feitos. Que ben o fixo Amalia, a filla de Bóveda, non querendo facer con eles “o paripé”. Mil bicos resistentes!

En principio loitan contra todas as políticas de memoria. A memoria é perigosa, lembrar é un acto de resistencia e lembrar é bater contra o muro que eles inventaron. Son fotofóbicos: saben que a luz os delatará. Non queren que se mude o ficticio relato de silencios, viven na presunta impunidade, na que como herdeiros están envoltos. Estes feitos demóstrano unha vez máis, faltos de responsabilidades, herdeiros daquela usurpación que, a base de repeticións da mentira queren banalizar e que esquezamos.

Son beneficiarios do legado que no seu día se apropiou dun goberno legal e que  impunes barallan cos seus delirios de goberno, pero fano con odio e vinganza, eles mesmos se desacreditan. Toca “o revanchismo” capaz de sementar hostilidades e ameazas, medos. Detrás vén sempre o terror, como a historia conta.

Non pensan que poidan estar equivocados, coma no seu día estiveron, na pobre visión dun mundo arruinado en loitas e contabilidades monstruosas como se pode ver en calquera información.

Nós queremos lembrar, a memoria sérvenos para non diluírnos nos vomitivos actos que nos precederon e nos que se obstinan para imporse por riba de todo a calquera custo e con argumentos nefastos, sempre mentidos. Vomitivos actos daquela ditadura que -parece ser- os inspira, quizais porque non a sufriron debidamente, non recoñecía os abusos que aplicaron e que hoxe, xustifica guerras e mortes desde esa ideoloxía. Esa que vai contra a xente que non pode defenderse, a máis vulnerable.

Eran palabras, os feitos son outros porque a memoria de moitos resiste e sabemos que a Galiza Mártir é para a honra de tantas e tantos que morreron e loitaron por unha Galicia en propiedade e digna, unha Galiza redimida, sen inxerencias de alleados e alleadores, ridículos disimuladores do seu acento orixinal, tan desprezado na súa intimidade e inevitable signo de procedencia.

Evitan falar. Nós evitamos esquecer. Agora, cando mesmo faltan dous meses para o Día da Galiza Mártir, volven armarse de rancor. Mais nós, non esquecemos. Tampouco esqueceremos a Moncho Reboiras, asasinado polar hordas fascistas daqueles exércitos deturpados no desquite. A día de hoxe hai que ser ben miserables, acúsano, para axustar contas, nese revisionismo traidor, a el, que foi vítima e fano executor! Por arte de maxia, na abolición da intelixencia e a razón, convérteno en verdugo. Interpretan así os humanos dereitos e fan obra de malnacidos. Eses son os seus feitos!

Saben que é doado roubar “aquilo” que pensan non-é-de-ninguén. Están equivocados, tanto Bóveda coma Moncho son moi nosos, e O Vello Cárcere tamén é noso, e a Illa de San Simón, tamén é nosa, “…os muros que parcelan son vosos, pero as pedras son nosas”. Somos moitas e moitos, sabemos a verdade, non vendemos fume nin palabras estériles, imos no rigor e na consecuencia certa do ben común.

Lembramos os berros, non só das vítimas, senón de toda a xente abusada, asasinada e a que foi paseada por toda a xeografía do seu odio. A verdade que soñamos é certa e un día reporase a honra, farase por fin Xustiza.  Terán que responder dos seus abominables actos, antes hoxe que mañá.

Baldomero Iglesias Dobarrio, Mero.