Marta PP A Cañiza
Se existe un tema actual que acumula milleiros de horas en redes sociais, canais de Internet, espazos televisivos e artigos en decenas de revistas de todo o mundo e edicións e redicións de moreas de libros, é todo o relacionado coa orde e a limpeza.
De feito, os gurús deste tema insisten en que hai unha relación directamente proporcional entre a limpeza e o benestar mental e a produtividade das persoas que viven en contornas limpas e ordenadas.
Son varios os estudos que avalan estas teorías e profesionais da saúde mental que teñen escrito moito a favor desta percepción. De feito, son tamén moitos os testemuños de persoas que transitaron o camiño do cambio cara a un entorno máis ordenado e limpo, que afirman que experimentaron melloras no enfoque e no rendemento tanto na súa vida persoal coma na profesional.
Sen ir máis lonxe, podemos coller unha mostra moi clara para observala e analizala: se algo se puido comprobar no noso concello este verán (asemade do resto do ano) foron rúas noxentas, pistas de tenis escangalladas, un parque infantil inaugurado no 2021 sen ningún tipo de mantemento e cheo de buratos (hasta nacen herbas na fonte transitable!), un paseo sen limpar e cun cheiro nauseabundo que bota cara atrás. As rúas peonís nunca viron tan pouco a auga, nin os contedores do lixo arrecenderon coma neste último verán.
No digo que teñamos que ser coma eses que só limpan a casa cando veñen as visitas, pero sabendo que os meses de xullo e agosto son os máis concorridos neste noso lar, non estaría de máis ter tido algo de vergoña e facer unha posta a punto cun plan de mantemento. Xa que non se fai para os veciños durante todo o ano, polo menos facelo para a xente que deixa eses ingresos extra no comercio e na restauración tan desexados.
Estas son as observacións, pero se analizamos os datos e a realidade, podemos constatar a veracidade das premisas que relacionan un espazo desordenado cunha mente desordenada. E é que nada funciona neste concello como debería. Os únicos acertos da xestión municipal, parecen ser os que se herdaron dos gobernos anteriores, como poden ser as actividades culturais do verán, ás que lle mudaron o nome por “actividades de lecer” para que pareceran unha iniciativa propia e non unha copia do que viñan facendo os demais. Ata cambiaron no folleto informativo un xamón por un porco enteiro! En fin…
Nin sequera acertaron nas festas principais, nunca deron estas celebracións tan mala imaxe de abandono e desleixo por parte dos organizadores. Pareceron mais ben un mero trámite que había que levar a cabo e nada máis.
É por iso que queda constatado o que os que saben do tema afirman: que un concello limpo é o reflexo dunha mente tranquila. Así que xa sabedes, a do noso rexedor debe andar a fume de carozo, e tendo en conta os últimos acontecementos aínda máis (pero diso falaremos outro día).
A limpeza non é unha tarefa, é unha actitude (ou iso é o que se di) e polo visto de actitude vamos algo coxos neste consistorio, agás cando se pretende agochar toda esa porcallada detrás dun sorriso impostado e dunha falsa amabilidade que se pasea entre choques de mans. Esa mesmas mans que firma as subidas dos impostos que se empregan para calquera cousa, menos para ter a vila limpa, ordenada e ben posta.
Xa non se lle espera nada novo, pero que manteña o que había, estaría ben.
Aínda recordo aquela campaña na que o alcalde dicía que a Cañiza debería estar nunha mellor situación, e a realidade, vista polos ollos de todos, é que cada vez somos un pobo máis pantasma e máis abandonado.
Dentro de non moito, haberá que mudar o slogan de “adéntrate en Galicia” por “adéntrate….” Exacto! Niso que estades pensando!
