

Neste mes de agosto o fútbol e a selección española trouxeron mais dunha polémica. Por unha banda a colocación de pantallas en Pontevedra para seguir os partidos da selección feminina abriu un debate que debía estar fechado fai moito tempo. Por outra, o escuro enramado futboleiro do estado español deixou ben claro que está dominado polos intereses económicos, as prebendas, o machismo e unha ideoloxía españolista rancia.
Debe darse cancha desde unha institución gobernada por nacionalistas aos símbolos es España? Que maior símbolo que unha selección de fútbol.
Debe sumarse ao entusiasmo patrioteiro polos triunfos de “la roja”, sexa masculina ou feminina?
Debe un goberno nacionalista deixarse levar polo posibilismo e o oportunismo e seguir a corrente españolizante do fútbol?
Debe promover unha selección e unha bandeira que non é a nosa?
Este tipo de actuacións só fan diminuír o sentimento nacional galego dun pobo que precisa de referentes propios. Se queremos construír, ou evitar que destrúan, a nosa nación non deberíamos fomentar e reforzar os símbolos e os discursos de quen pretende asimilarnos e desfacerse de nós.
Deberíamos preguntarnos se os que colocan as pantallas para ver á selección son nacionalista ou meros xestores dunha institución e a súa única finalidade é a de perpetuarse nela, aínda que sexa asumindo os modos e as formas propios dos partidos do réxime.
Xa comprobamos con as pantallas xigantes atraen enormes cantidades de bandeiras españolas, igual que a froita atrae ás velutinas. Ambas son unha especie invasora.
O inimigo xa se basta só para promover a cultura española, o deporte español, o cine español, a unidade de España. Non precisa que lle boten unha man desde gobernos nacionalistas. Iso provoca desorientación nunha sociedade cada vez menos politizada, e polo que se puido ler en redes sociais tamén no seo dese nacionalismo maioritario. Resulta moi triste ler as opinións de persoas que levan moitos anos de militancia defender a colocación de pantallas e, o que é peor, defender á selección española. Isto demostra un enorme desnorte ideolóxico, unha abdución mental por parte do adversario.
Estamos nunha batalla onde pretenden facernos crer que se seguimos as regras, a legalidade vixente imposta polo franquismo, se cremos nesta falsa democracia, poderemos chegar a independencia. As regras son para nós, para o estado español non as hai e pode incumprilas todas para seguir mantendo o status quo.
Se queremos que a nosa nación sexa libre temos que ter claro que ninguén nos vai agasallar nada, e menos o estado español. Como di La Polla Records: “España es una finca de los militares”. Unha finca chea de militares, políticos, empresarios, curas e unha familia real que viven moi ben espoliando os recursos das outras nacións do estado, que viven moi ben saqueando a plusvalía do pobo traballador. Vai sendo hora de poñer fin a esta situación.
PD: a garrafa de aceite a 9 euros e nós falando de fútbol.
Marín, 30 de agosto de 2023
Asdo.: Pedro M. Cortegoso Gago