Segundo ataque e… Salvaterra de Portugal, por 16 anos.
Lembremos que na primeira parte relatabamos como o Xeneral portugués, Conde de Castel-Melhor, a instancias do Rei, reuniu un grande exército de uns cinco mil homes, agochados na feligresía dos Milagres. Dirixíuno de noite con sixilo, até o Castelo de Lapela, fronte a parroquia de Porto, fortemente defendido por mosquetería e artillería. De madrugada iniciaron a atravesía do río por etapas, atacando con brío ben mesurado a atalaia de Porto, pobremente defendida e, se cadra, peor dirixida polo Xeneral alemán Torresón.
Continuación;
Os galegos desesperados continuaron a marcha para Salvaterra confiando no número de efectivos a esperanza de defender a praza, esta estaba gobernada polo Sarxento Maior Don Diego Donis, posto polo Conde de Torresón trala morte de Don Gregorio López de Puga, no primeiro ataque semanas antes. Conscientes da importancia da posición estratéxica da fortificación de Salvaterra, que de cair en máns portuguesas, amenazaría a seguridade de Tui e de todo o séu distrito.
Tui era a chave do reino da Galiza e concentraron nesa Vila o maior número posible de efectivos humanos e materiales, tirados de Baiona, da Coruña, de Monterrei, etc. tal vez pensando inxenuamente que o ataque sería deica aí.
Pronto sairían do seu erro, porque atravesando as parroquias de Porto e Arantei e, xa en Salvaterra, os lugares do Lodeiro, da Fraga e Fontoura, chegaron sobre ás tres da tarde a vista do convento de San Francisco , sen esperar a que máis xente se incorporase, avanzou Antonio de Queiroz sobre as trincheiras. Seguírono os demáis e, superando os primeiros atrancos, con resolución entran na vila, a pesar da resistencia dos galegos. A dilixencia con que o tenente Luís de Oliveiros Famel ordenou o ataque, a bravura con que se acometeu os galegos, obligaron a estes retirarse dentro da fortificación. Nas casas do Conde de Salvaterra e outros a lugares próximos fixéronse fortes.
O mestre de campo Viole d`Athis, non querendo dar cuartel, envestiu a fortificación pero atopou tan perigosa resistencia que obrigou aos soldados a que se cubrisen tras unha trincheira, que corría dende a vila até a fortificación, levantada a primeira vez que se atacou Salvaterra, e que os galegos non desfixeran, por non recelar un segundo ataque. Viole d`Athis, tendo a xente a cuberto, desprezando o propio risco, querendo recoñecer a forma como se podía atacar o Castelo, descubriuse para recoñecer a fortificación, con tan infeliz sorte que acertándolle unha bala no peito, caiu do impulso do golpe e en breve espazo morreu, con xeral sentimento de tódolos soldados merecido polos moitos e bos servizos prestados na defensa do Reino. Nesa ocasión outra bala matou tamén a Manoel de Abreu da Rocha, mozo noble.
O capitán Antonio de Queirós, estimulado por esta desgraza, investiu as trincheiras con grande valor, facendo o mesmo o Conde de Castel Melhor, seguidos da maior parte dos soldados. Cúpolle a este capitán a envestida por unda o mosteiro de San Francisco, lugar descuberto, que facía barreira ás balas. Para expor menos os soldados ás balas, mandou que se extenderan e anchearan o ataque pasando así as balas entre eles con menos peligro. Chegou entón o Conde a cabalo que non cesaba de animar, ordenar e dispor, pero visto o grande peligro o que se expuña, dí a lenda que Antonio de Queirós lle preguntou, “Senhor, quem traz aquí Vossa Senhoria?”, respondeulle o Conde, con grande sosego e igual valor, “ninguém me traz, eu venho”. Antonio de Queirós, facéndolle ver que non era aquel lugar para a súa Señoría, fixoo retirar.
O poderío da batería enemiga era notable naquel lugar, entón resolveu o capitán Queirós ser de menos perigo tomar as trincheiras, que esperar a peito descuberto tantas balas, así, seguido polos soldados e oficiais, caindo uns feridos e outros mortos, gañaron por esa parte e protexénronse nelas.
Nesa altura, vendo a nosa cabalería tropas enemigas o lado esquerdo unda o monte do Facho, (este chamado monte do Facho, ten que ser necesariamente ou ben o alto do lugar de Fontoura ou o alto da Fonte), fórona envestir e fixérona retirar con algunhas perdas. Baixou logo a cortar a retirada de xente que fuxía da vila con presteza, ficaron os nosos cabaleiros por fora facendo alarde de conter o empuxe da cabalería e infantería contraria, que unha e outra vez procuraba acometernos.
Sentiron tanto os nosos soldados a morte do Mestre de Campo Datis que se embraveceron para a súa venganza, tal que rompendo as formalidades da guerra, arremeteron contra a porta principal con arroxo e coraxe que a pesar da mosquetería e pedras que del se expedían fixéronse señores dela. Mandara aviso o Conde os acuartelados para que se rendiran, o que non quixeron facer pero, ante a evidencia da derrota, apareceu Don Francisco Soutelo de Montaos, Alcaide Maior con un lenzo en sinal de rendición, foi respondido con unha bala que lle entrou polo pescozo, pediu logo cuartel o Gobernador das armas ó capitán Antonio de Queiróz quen llelo otorgou. Vendo infructuosa a defensa, rendíronse, sendo dos primeiros que subirán o alto das casas, o axudante João Cardoso e João da Cunha Soto Maior.
Antonio de Queirós, defendeu piadosamente a vida dos soldados rendidos, de seren degolados, xa que os portugueses encoraxinados de veren morto o seu Mestre de Campo, non lles querían dar cuartel. Neste asalto resultaron vinteseis mortos e outros tantos feridos. Ficaron prisioneiros cento cuarenta galegos, entre eles o Alcaide Maior D. Francisco Soutelo, que foi levado ante o Conde de Castel-Melhor , levaron tamén uns doce prisioneiros de importancia, sendo con todos eles piadoso, concedéulle as vidas pero enviounos para Monção e dalí para Barcelos, nesa cidade morreu o Alcaide Maior Don Francisco Soutelo de Montaos das graves feridas de bala recibidas. En toda a xornada pasaran de cen os que perderan as vidas, dos portugueses morreran vinte e ficaran cuarenta feridos.
Os galegos reunindo a xente que se retirara e de cabalería, intentaron facer fronte o enemigo de novo pero, rendidos os da casa forte, saiu o Conde na procura deles no lugar que chaman do Rosario, cincocentos pasos diante da mesma vila, estes despois de matarlle dous e ferir moitos, desengañados da desgraza precedente xa non ousaron combatir, deixando un portugues ferido e morto o cabalo do Tenente Duquiné.
Rendida a praza o Conde mandou enterrar os mortos. O corpo do Mestre de campo foi levado a Monção, a Condesa de Castel-Melhor mandouno enterrar na igrexa das freiras de San Francisco desa Vila, coas honras e ceremonias que se debían á memoria do Mestre de Campo Viole Datis, que eles tanto amaban e que él tanto merecía, pola súa nobleza e grande afabilidade, así como polo amor e esforzo que amosou en adestrar nas armas a aquela xente, e pola vida ó servizo da súa Maxestade con tanta constancia como se fora natural portugués. Os demáis prisioneiros, que pasaron de cento cuarenta, foron postos en liberdade agás algúns que ficaron para servir nas fortificacións.
Sen perder tempo, promoveu o Conde a Diogo de Mello Pereira, Gobernador da Cabalería, ó cargo de Mestre de Campo e no que él deixaba, o seu Tenente Duquiné, eleción acertada e confirmada polo Rei. No goberno da praza nomeou o capitán André da Costa Alcamé, pero súa Maxestade poveeu nela a Lopo Pereira de Lima.
O enemigo, que de perto viu que non podía acometer os portugueses, perdidas as esperanzas, retirouse a unhas alturas a tiro de artillería da Vila, máis tarde con soldados as ordes de Diogo de Melho Pereira obligáronos a súa total retirada.
O día seguinte, 16 de agosto de 1643, comenzou o Conde a fortificar Salvaterra, tratando o asunto cos enxeñeiros Dupuncel e Avvers. Levantou primeiro unha trincheira capaz de aloxar dentro dela cinco mil infantes, e proveéndoa de todo o necesario para a defensa. Acabada a trincheira, mandou fabricar unha ponte de barcas, coa dificultade de ser o río moi fondo e levar as augas moito ímpetu. En canto a ponte ficou segura, concurriron por ela tódolos materiais para a fortificación. Deuse principio arrasando o arrabal (nese arraso destruiron o convento de S. Francisco), e ocupando un lugar de monte no que habería oitenta casas (poñamos que a zona que vai de Funtoura, A Forca, Alto da Fonte e Campo da Feira); levantáronse catro baluartes de canteiría e terraplanáronse, dispuxéronse fosos e estradas cubertas, toda a obra con pouco custo á facenda real.
Durante o traballo de fortificación, supo o Conde de Castel Melhor que o enemigo fortificava a súa vez a ponte da Fillaboa. Deu orde ó mestre de campo Diogo de Melo Pereira, quen sucedeo no empleo o falecido Viole d`Athis, que fora con dous mil infantes e cinconta cabalos, dos que era capitán Duquesne, a atacar na ponte a fortificación comenzada. Marchou el e, encontrando no camiño catrocentos infantes do enemigo e cen cabalos que camiñaban para a ponte, investiunos e desbaratounos fácilmente, matando a muitos e ficando prisioneiros cento vinte. Continuou a marcha, chegou a ponte e dividiu a infantería en tres partes, chegou primeiro a que gobernava o capitán Antonio Rodríguez, castelán, (o mesmo que axudara a fuxir da prisión de Cartaxena de Indias o Conde), asaltou valerosamente as trincheiras e gañounas. Chegaron os outros dous trozos e obligaron o enemigo a retirarse. Diogo de Melo, desfeitas as trincheiras e desmantelado un reduto, o que o enemigo dera principio e despois voltou levantar, queimou algúns lugares que estaban veciños a ponte e retirouse pra Salvaterra.
Salvaterra, Nadal do 2022
Fontes:
Historia do Portugal Restaurado. Biblioteca Penzol, Vigo.
João Salgado de Araujo, Abade de Pera. Biblioteca Nnal. Lisboa.