O 25 de xaneiro de 2011 Exipto súmase cunha manifestación multitudinaria á onda de protestas que, iniciadas en Tunisia, se espanden por todo o mundo árabe dando lugar á Primavera Árabe. O día escollido coincide coa celebración anual do “Día da Policía”, e xente de toda condición social xúntase na céntrica praza Tahrir do Cairo para protestar contra a brutalidade policial, a falta de liberdades, a corrupción, a pobreza, o desemprego, os baixos salarios, o aumento do prezo dos alimentos e a intención do Presidente Hosni Mubarak de converter ao seu fillo máis novo, Gamal, no seguinte líder do país.
A multitude esixe a renuncia de Mubarak, quen chega ao poder en 1981 tras o asasinato de Anwar Sadat, de quen fora Vicepresidente desde 1975. As protestas gañan forza, axiña se espanden por todo o país, e millóns de manifestantes desafían o réxime, que reacciona cunha brutal represión que causa 850 mortes e milleiros de persoas feridas. Mais nin a represión nin as posteriores promesas de reformas conseguen aplacar as protestas, e finalmente o 11 de febreiro prodúcese a agardada dimisión do dictador, de 82 anos, tras 30 anos no poder.
O Consello Supremo das Forzas Armadas (CSFA) asume o control. No período que transcorre até o verán de 2012 aumenta o temor a que os militares tenten perpetuarse no poder, polo que as manifestacións sucédense en varias cidades (Cairo, Alexandría, Suez…) reclamando mudanzas e unha maior celeridade no desmantelamento do vello réxime, cun saldo de decenas de mortes.
Nas eleccións parlamentarias de 2012 arrasan as forzas políticas islamistas, cun claro triunfo da Alianza Democrática (44,9% dos asentos no Parlamento), unha coalición de partidos liderada polos Irmáns Musulmáns, seguida do Bloque Islamista (25%), unha coalición de partidos salafistas cunha concepción untraconservadora do islam. Así as cousas, o 70% do Parlamento fica en mans do islamismo, o que supuxo un monumental movemento na política exipcia.
O mes de xuño de 2012 ven cargado de importantes acontecementos. O 2 de xuño Mubarak é sentenciado a cadea perpetua pola matanza nos 18 días de revoltas que forzaron a súa saída do poder; o 14 de xuño o Tribunal Constitucional Supremo (formado por xuíces próximos aos militares) disolve o Parlamento; e o 24 de xuño Mohamed Morsi (Irmáns Musulmáns) é declarado vencedor nas eleccións presidenciais, converténdose no primeiro islamista elixido líder dun estado árabe.
Morsi, membro do Parlamento entre 2000 e 2005 como independente e detido varias veces por desafiar o réxime de Mubarak, convértese no quinto presidente de Exipto e no primeiro elixido democraticamente. Mais a loita entre os militares e os Irmáns Musulmáns (prohibidos na época de Mubarak) estaba lonxe de rematar.
Ao pouco de tomar posesión do cargo, un ataque na rexión do Sinaí deixa 16 soldados mortos e Morsi forza a renuncia de varios oficiais, incluído o presidente do CSFA Mohamed Hussein Tantawi, quen é substituído por Abdel Fattah el-Sisi, que se convirte no novo Ministro de Defensa e Comandante en xefe do Exército de Exipto.
O goberno de Morsi aplica unha política de claro corte islamista que provoca moito malestar nos sectores seculares e no estamento militar, adopta controvertidas decisións políticas e impulsa trocos importantes na política exterior de Exipto, que incomoda moito ao status quo: estreito aliado de Qatar e de Hamas (Palestina), reforza a relación con Irán, firme defensor da oposición siria e fortemente oposto á ocupación israelí de Palestina e ao papel de Israel na rexión. Amais, unha débil economía e a resistencia da vella garda de Mubarak socavan a súa autoridade, polo que apenas dura un ano no cargo.
O 28 de xuño de 2013 prodúcese unha multitudinaria manifestación na praza Tahrir do Cairo esixindo a dimisión de Morsi e o 3 de xullo é desaloxado do poder, e encarcerado, mediante un golpe de estado liderado polo Ministro de Defensa, o xeneral el-Sisi. Mais ao mesmo tempo que se producen grandes celebracións na praza Tahrir, decenas de milleiros de persoas erguen campamentos no Cairo para protestar contra o golpe militar, até que o 14 de agosto as forzas de seguridade atacan os campamentos das prazas al-Nahda e Rabaa onde máis dun milleiro de manifestantes son asasinados “na peor matanza na historia moderna de Exipto” (HRW). Un ataque premeditado e intencionado segundo as organizacións de dereitos humanos.
En setembro de 2013 os Irmáns Musulmáns son prohibidos e posteriormente declarados “organización terrorista”. Morsi, quen permaneceu en aillamento e negadas tanto as visitas do seu avogado e familia como tratamento médico até a súa morte en 2019, foi condenado a dúas cadeas perpetuas e sentenciado a morte en 2015, mais anulada pouco despois á espera de repetición do xuízo.
Tras o golpe, as mobilizacións en apoio de Morsi e el-Sisi son numerosas, mais tamén as de quen continuaban esixindo “Pan, liberdade e xustiza social”, aínda que só as favorábeis a el-Sisi poden facelo pacificamente, polo que seguen producíndose decenas de mortes e centos de arrestos.
O 26 de marzo de 2014 el-Sisi renuncia ao Exército para aspirar á Presidencia de Exipto nas eleccións de maio, das que sae vencedor co 97% dos votos, tras liquidar previamente a todos os seus opoñentes, e en 2018 acada outros catro anos no poder tras obter a mesma porcentaxe noutra comedia de eleccións.
Malia o golpe de estado, a represión e a limitación de dereitos humanos, a maioría das potencias mundiais acollen a el-Sisi como novo líder de Exipto. A chegada ao poder de quen fora Director da Intelixencia Nacional desde 2010 e parte da xerarquía militar (CSFA) baixo o goberno de Mubarak, dá nacemento a un forte estado militar represivo no que a discrepancia é criminalizada.
Tras 8 anos no cargo Exipto é hoxe un país máis pobre que en 2013, cunha economía ao bordo do colapso, en mans do FMI, que a cambio de préstamos esixe a adopción de medidas moi duras. As privatizacións masivas, o aumento de impostos, a redución de subsidios, a crecente inflación e a suba dos prezos do pan, auga, electricidade, gas natural e transporte provocaron un aumento da pobreza (32,5% en 2018). E a crise do coronavirus engade maiores dificultades á feble economía exipcia.
Esta nefasta situación ven provocando un crecente malestar social, ao que el-Sisi resposta cunha represión que nada ten que envexar á de Mubarak. En Exipto hai 65.000 opositores encarcerados e Amnistía Internacional (AI) asegura que “as autoridades en Exipto practicaron a tortura, as desaparicións forzosas de centenares de persoas e decenas foron executadas extraxudicialmente”. Mentres as ONG denuncian as trabas a súa actividade, críticos do Goberno, manifestantes pacíficos, xornalistas e defensores dos dereitos humanos son acosados, arrestados e centos condenados a morte ou a cadea perpetua en xuízos farsa.
Por outra banda, el-Sisi está moi lonxe de rematar coa crítica situación de seguridade provocada pola insurxencia islamista, nun conflito sen visos de solución que desde 2018 deixou arredor de 1300 mortos, e no ámbito internacional Exipto ve minguar o papel que xogou durante décadas como principal axente mediador entre Israel e o mundo árabe e a súa influencia política afúndense.
Malia todo, el-Sisi, “o meu dictador favorito” en palabras de Donald Trump, conta co apoio de Occidente, Israel, Arabia Saudita e os EAU. Exipto é un país moi importante xeopoliticamente como para arriscarse a que a democracia funcione e as urnas lle dean o poder aos Irmáns Musulmáns.
Para moitos exipcios a caída da Mubarak, que permaneceu encarcerado até a súa morte con 91 anos e xulgado por corrupción, abuso de poder e a morte de centos de manifestantes nas protestas de 2011, trouxo esperanza e promesas de mudanzas. Mais o pobo exipcio non acadou nin o progreso nin a liberdade prometidas, nin a fin da corrupción, e outro home forte fíxose co poder. Mubarak foise mais o seu legado perdura.