O individuo e o ben común

1.000 primaveras máis para o IEM.

Hai algúns meses acudín cun compañeiro de traballo á cafetería dun Centro Cultural dunha parroquia un tanto afastada do casco urbano do concello ao que pertence esa aldea, de cuxo nome non quero lembrarme.

O taboleiro de anuncios do local informaba de distintos concertos de grupos musicais da Vila nas próximas datas. Eses grupos no cobran pola actuación máis que uns petiscos e algunhas cervexas de balde. Porén, os días de concerto o hostaleiro aumenta a cantidade recadada na caixa pois ten máis clientes que consumen no seu local.

O meu compañeiro e eu propuxémoslle ao dono do local que colaborara con ANP inserindo de cando en vez algunha publicidade do seu negocio no noso medio de comunicación. El dubidaba, e nós argumentabamos que somos un medio moi lido no centro urbano da súa localidade e que a súa publicidade podería servir para atraer clientes da vila ao seu local.

Finalmente o home non aceptou a nosa proposta. Unha decisión moi lícita, lexítima e absolutamente respectable. Pero o que xa non me gustou tanto foi o motivo que nos espetou. Díxonos que el non colaboraba con ninguén, pois pensaba que se lle daba algo a alguén algunha vez estaría na obriga de darlle a todo o mundo todas as veces.

Claro,a xente dálle igual cando lle piden que colabore el. Pero non lle dan igual cando é el o que pide colaboración a distintos grupos musicais da vila, e que lle veñan tocar de balde ao seu local para atraer máis clientes sexan de onde sexan.

Ese modus operandi de non colaborar con nada nin con ninguén da sociedade que nos rodea, e en cambio procurar que os demais si colaboren contigo, é unha forma de entender a realidade que eu non comparto en absoluto. Non é nin a primeira nin a será a última vez que o percibo. Probablemente estea motivado por pulsións humanas moi profundas, e moi básicas tamén, que teñan que ver co egoísmo ou incluso co instinto de supervivencia.

Os seres humanos non vivimos sós nunha illa deserta, e ninguén podería sobrevivir se non recibe a colaboración doutras persoas ao longo da súa vida. Quen só persegue o ben propio sen preocuparse polas necesidades de quen se cruce no camiño da vida non achega nada á sociedade. É máis, contribúe a facer peor á humanidade, posto que unha civilización que se basee na competición na procura do ben propio, trae consigo inevitablemente vitorias e derrotas. Todo para quen gañe e nada para os derrotados.

Eu creo nunha sociedade diferente: unha sociedade de colaboración na que todos nos axudemos a todos.

Cando os individuos traballamos en colaboración buscando o ben colectivo podemos apreciar a outra cara da realidade: A cara máis amable, lúcida, solidaria e comprometida. A cara da tenrura entre as persoas e os pobos.

Un deses colectivos que practica esa forma de relacións sociais é o Instituto de Estudos Miñoráns, o IEM. Eles están situados fisicamente en Gondomar, alí está o seu local. Teñen por obxecto o estudo da comarca do Val Miñor en campos moi diversos como por exemplo : arqueoloxía, ecoloxía, patrimonio, memoria histórica, toponimia, lingüística…

O IEM naceu en 1999.Levan 27 anos de actividade ininterrompida. A calidade humana das persoas que o compoñen é tan elevada que non se limitan ao estudo, senón que son activistas. Practican o activismo social de maneira constante en todos os campos que antes mencionei cun rigor e unha solvencia intelectual de tal magnitude, que non é esaxerado dicir que algunhas dos máis terribles intentos de depredación contra o seu territorio foron derrotados grazas ao traballo e ao talento das persoas que forman parte do IEM.

A súa loita contra os disparatados intentos de chantar un campo de golf na Serra da Groba( semellante estupidez só se lle podería ocorrer ao PP), ou o seu inmenso talento e esforzo posto ao servizo do común na procura de evitar que ducias de muíños de máis de 100 metros de altura estraguen para sempre algunhas das paraxes de máis elevado valor do sur de Galicia, como as Serras da Groba ou do Galiñeiro, son memorables e merecedoras de todo tipo de recoñecemento.

As persoas que estiveron e xa non están, os que están na actualidade e os que oxalá poidan estar no futuro do IEM, son das que paga a pena compartir un anaco de camiño con eles, porque quen traballa activamente polo ben común, incluso comprometendo ás veces o seu propio benestar persoal, fai mellor á humanidade.

Dedicado con recoñecemento e respecto a todos aqueles homes e mulleres que algunha vez tiveron algo que ver no marabilloso traballo do IEM.

Primer comentario

Deixa a túa opinión