
A concellería de Formación, dirixida por Rocío Goberna, e a Universidade de Vigo poñerán en marcha no municipio o programa “Mareas de coñecemento e experiencia”, dirixido a maiores de 50 anos e que se desenvolverá entre os meses setembro e outubro.
Gondomar 10 de setembro de 2020
O programa concrétase nun curso de 15 horas que se estruturará en tres seminarios, con sesión divulgativa e práctica, que abordarán cuestións como “Saúde e Benestar”, “Arte e Historia” e, por último, “Tecnoloxía: uso das ferramentas no teléfono móvil”, todos eles impartidos por profesorado da Universidade de Vigo.
O alcalde, Paco Ferreira, agradece este tipo de proxectos académicos como o da formación universitaria para os maiores de 50 anos porque “é fundamental que sigan activos e facilitarlles as ferramentas e medios para que sexa así, para que gocen da súa terceira mocidade e sigan achegando a nosa sociedade tanto como fixeron ata o de agora”.
Os interesados en matricularse, calquera maior de 50 anos, deberán facelo con inscrición previa no correo emprego@concellodegondomar.gal ou no teléfono 986 384 020. Os grupos, atendendo ás normas de seguridade hixiénico-sanitarias, serán reducidos e nas clases o uso de máscara será sempre obrigatorio.
O curso arrincará co seminario “Saúde e benestar”, que se desenvolverá os días 17 e 18 de setembro a cargo de profesorado da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, no que se dará nocións básicas sobre a actividade física para o día a día. Os día 24 e 25 de setembro, docentes do programa universitario de maiores da Universidade de Vigo impartirán o seminario “Arte e Historia” onde centráranse na arqueoloxía de Gondomar.
Pechará o curso o seminario “Tecnoloxía: uso de ferramentas no teléfono móbil” impartido por profesores da Escola de Enxeñería Industrial de Vigo e que en sesións teórico-prácticas achegarán o uso do teléfono móbil e o uso de redes sociais ou diferentes aplicacións nelas así como o seu uso.