O BNG denuncia, máis unha vez, o abandono do GES por parte do goberno da Mancomunidade do Val Miñor

Manuela Rodríguez, concelleira e deputada provincial: “É imperativo acabar coa precariedade do servizo de emerxencias, tanto no laboral como nas instalacións. Mantelo nese estado é unha irresponsabilidade temeraria, xogámonos vidas.”

GONDOMAR, 20 agosto 2025.

O BNG, a través da concelleira e deputada provincial Manuela Rodríguez, denuncia, máis unha vez, o abandono do servizo do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) do Val Miñor por parte do goberno da Mancomunidade dos concellos de Baiona, Gondomar e Nigrán.

Critica que a xunta de Goberno, conformada polo tandem PP-PSOE cos tres alcaldes á cabeza, manteña a súa actitude de absoluto abandono e desleixo con respecto ao GES. Un servizo do que dependen vidas e bens dunha poboación habitual de 45.000 persoas que se ve triplicada no verán, cando tamén é maior o risco de sinistros.

Nese sentido lamentan que aínda non se executara ningún dos acordos contidos na moción do BNG que foi aprobada hai meses e que incluía medidas para a dignificación do servizo. Acordos fundamentais para rematar coa absoluta precariedade nas condicións de traballo do grupo de emerxencias supramunicipal, tanto no laboral como no que respecta ás dependencias da sede do servizo.

Así, no plano laboral acordouse actuar para resolver, con urxencia, o proceso de estabilización dos postos de traballo temporais e pular polo incremento de efectivos para evitar novas situacións de falla de persoal nas quendas do servizo de emerxencias. Unha medida imprescindible para evitar que en situación de baixas, permisos ou vacacións, as quendas cheguen a ser dunha soa persoa ou, no peor dos casos, o servizo peche por falta de persoal, como xa ten pasado moitas veces.

Outro dos acordos instaba a que, mentres non se dispoña dunha nova sede para o GES, se procedera, no inmediato, a realizar o adecentado da actual. Porque cómpre lembrar que esta leva anos sen lle facer nin o máis mínimo mantemento e está convertida nun espazo insalubre e incompatible cunhas condicións laborais minimamente dignas. Neste caso nin se fixo o arranxo nin sequera se procedeu a formalizar un convenio entre a Mancomunidade e o Concello de Nigrán que permita adecentar minimamente as instalacións actuais do GES cos escasos 5.000€ que consignaron no orzamento de 2025.

A moción tamén incluía a necesidade de dotar ao GES dunha nova localización que evite ter os vehículos á intemperie, que estea situada nun lugar axeitado que facilite a comunicación con todo o Val, que sexa deseñada funcionalmente para o seu cometido e específica para o servizo”. Porque o desaxeitado emprazamento da actual sede do GES, nun edificio compartido outros servizos do Concello de Nigrán e situada nunha rúa sen saída detrás dun instituto de educación secundaria, “pode dificultar enormemente as saídas de emerxencias”, apuntan.

Para as nacionalistas a consecución dun novo emprazamento “só poderá vir da man dun convenio entre a Mancomunidade e as outras administracións competentes”, Deputación de Pontevedra e Xunta de Galiza, “de aí que levaramos a mesma iniciativa ás distintas institucións”.

Unha iniciativa que foi aprobada unicamente cos votos a favor do BNG, xa que o “tandem PP-PSOE” preferiu poñerse de perfil absténdose tanto no pleno do concello de Gondomar como nos da Mancomunidade e da Deputación de Pontevedra. Lamenta Rodríguez que se cumprira “o que xa sospeitaba daquela, que a abstención se ía converter en inacción, como finalmente pasou”.

Desde o BNG instan aos integrantes da Xunta de Goberno da Mancomunidade, –Jesús Almuíña, alcalde de Baiona, Paco Ferreira, de Gondomar, e o actual presidente Juan González, alcalde de Nigrán–, a que, dunha vez por todas, deixen de mirar para outro lado e asuman as súas competencias. “É imperativo acabar coa precariedade do servizo de emerxencias, tanto no laboral como nas instalacións. Mantelo nese estado é unha irresponsabilidade temeraria, xogámonos vidas”, advirte Rodríguez Pumar.