O alcalde de Baiona anula a subscrición deste concello á Nova Peneira

Jesús Vázquez Almuiña

O camiño de A Nova Peneira e o meu cruzáronse en maio do ano 2013.Ese mesmo ano fun ata o concello de Baiona, igual que aos 33 restantes da nosa área de influencia, a solicitar unha entrevista co seu alcalde, naquel momento Jesús Vázquez Almuíña do PP. A resposta foi pedirme o teléfono e un “ xa te chamamos nós”.A chamada nunca se produciu. No ano 2015 Baiona cambiou de alcalde , pero non de forza de goberno, Ángel Rodal do PP foi escollido nas municipais dese ano. De novo achegueime ata o concello a solicitar unha entrevista co alcalde e de novo a resposta foi idéntica “ xa te chamamos nós”. A chamada tampouco se produciu esta vez. En consecuencia entre os anos 2013 e 2019 aos nosos lectores e lectoras foilles imposible coñecer a opinión do alcalde de Baiona nas nosas páxinas porque non quixeron falar con nós.

No 2019 o socialista Carlos Vázquez chegou á alcaldía desta vila. Sempre nos atendeu con amabilidade exquisita, os catro anos do seu mandato, e asemade subscribiu ao Concello á nosa publicación como tamén están subscritos os outros dous concellos do Val Miñor.

En Maio deste ano o PP recupera a alcaldía de Baiona na persoa do ex conselleiro de Sanidade e ex alcalde Almuíña. De novo solicitei unha entrevista con quen os veciños e veciñas de Baiona decidiron que fora o seu alcalde e novamente Ohhh vaia sorpresa: “ Xa te chamamos nós”..Non me chamaron para a entrevista pero si para comunicarme a anulación da subscrición á nosa publicación, segundo me dixo o funcionario que se comunicou comigo “ di o alcalde que se anula porque estamos mal de cartos”. A subscrición ten un custe anual para o Concello de 60,50€ , 50€ +IVE ao ano…Alén do boicot a un medio que ten unha liña editorial diferente insúltanos cunha escusa nivel neno de tres anos.

A verdade non foi ningunha sorpresa, esperábamo. Ese é o modus operandi característico do PP: bipolarizar á sociedade en amigos e inimigos e só atender á parte da sociedade que identifica como amigos. O PP representa o cancro que ven sufrindo Galicia desde a noite dos tempos: o nepotismo. De feito son os seus axentes comerciais. Só será posible vivir nunha democracia real, cando o que representa esa forma de entender a xestión dos recursos públicos sexa derrotada de maneira abafadora nas urnas para sempre xamais.