Marín sae dunhas eleccións municipais recentes e da constitución dunha nova corporación. Pasados os primeiros cen días cómpre analizarmos o acontecido ata hoxe pero por riba de todo planificar a seguinte batalla que terá lugar no 2027, e non, non queda tan lonxe. En menos tempo do que pensamos as formacións políticas comezarán a vestir as súas mellores galas.
O punto de partida é traducir as cifras a letras porque iso finalmente, mal que pese, é o feito básico a estudar para armar os vimbios que permitan exiliar ao Partido Popular do goberno municipal.
Doce concelleiros para o Partido Popular, que perdeu tres; cinco para un PSOE que queda como estaba; e catro para o BNG que sube 3 actas de golpe. A cuestión é o número de votos, e aí é onde observamos por unha banda que o Partido Popular permanece prácticamente inamobible e que o BNG ascende de xeito espectacular case 1.300 votos. Do PSOE mellor non dicir nada por aquelo de non querer facer leña da árbore caída.
Se observamos os resultados de convocatorias anteriores non existe trasvase de sufraxios de dereita a esquerda, e iso significa que María Ramallo ten un voto fiel e estanco. Difícilmente mobible e que lle perdoa e xustifica cualquera das súas accións.
Por tanto, é Ramallo invencible?
Radicalmente non. Ten debilidades e ela coñeceas. Precisa un Marín que durma e non se axite. Que nada se mova.
Esa precisamente, e tendo en conta que o PP de Marín vive en campaña electoral todos os días do ano, é a forma que ten de tapar as súas debilidades.
O tecido asociativo de Marín foi fulminado, a actividade cultural reducida ao mínimo e únicamente se potencia aquelo que, ou ben lle aporte publicidade, ou ben pertence ao seu sesgo ideolóxico.
A xuventude foi expulsada da vila por falta de alternativas laborais, culturais e de ocio. A única política para a mocidade é traer ao orquestra de turno, cando non veñen os “Paquirrínes” a meterlle medo no corpo ao persoal. Porque claro, outras cousas poden facelos pensar, e non queremos mentes pensantes, queremos mentes que acaten, pensa o goberno municipal.
Isto todo ten que ver cos números? Cuestionarase o lector. Pois si. Ten que ver e moito.
Se a esquerda marinense,neste caso o BNG, porque o PSOE non se sabe onde está e proba dela foi o seu voto activo para reducir a presenza do BNG nos órganos municipais e sobrerrepresentar ao PP (véxase o acontecido na constitución das comisións informativas), pero como dicíamos benquerido lector, se a esquerda real quere acceder a alcaldía, debe observar os datos de participación. A consecuencia de alonxar á cidadanía marinense da política real e do día a día, e que a porcentaxe de participación nas eleccións municipais supera por pouco o cincuenta por cento. Por tanto hai un segmento de poboación inmenso que entende que a política municipal nin lle vai nin lle afecta.
Toca axitar pois a eses segmentos, incorporalos, actívalos e sobre todo darlles a proba de que si lles afecta a política municipal.
Non vai haber trasvase de votos, débese traballar para sacar da abstención a toda esa cidadanía que despois si vai votar cando hai eleccións no Estado ou ao parlamento galego. Estamos a falar de vinte puntos porcentuais de diferencia entre un proceso electoral e os outros.
Aí a xuventude xoga un papel crucial, porque está a ser ese o sector máis abstencionista nas eleccións municipais.
Ollo ao piollo.
Sacar a 1000 persoas do abstencionismo mudao todo.
Sacar a un 4% da poboación de Marín da casa e da calma catastrófica é o principio do final para eles. É a saída cara a luz para nós.
A análise de como facelo quedará para outra entrega.