Aínda non saimos da crise pandémica e xa estamos a entrar nunha sistémica. Fálase de desabastecemento, de apagón e doutras milongas que evitan falar de crise do sistema capitalista. Os eternos eufemismos propagandísticos cos que os medios queren seguir enganando á clase traballadora internacional. O caso é que non saimos dunha crise e xa entramos noutra e levamos case todo o século XXI encadeándoas. Estas crises levan dende hai anos marcando un mapa político galego que até hai pouco era moi estábel e até anódino. Nestas breves notas imos examinar os últimos movementos neste terreo de xogo –actualmente tan marcado polas crises– e a súa tradución no campo da esquerda.
Tío Tom en Galiza
1) O 21 de outubro de 2012 ese taboleiro electoral galego xa sufrira un terremoto no campo da esquerda da man dun electorado castigado pola crise comezada en 2007/08. Fora esa unha resposta madurada, porén, o 12 de xullo de 2020 estabamos baixo a falsa “desescalada” dunha pandemia. O 12 de xullo de 2020 a peste mundial que padeciamos contaxiou tamén un sistema autonómico galego xa de por si caduco e doente. A dous espazos políticos víñalles moi ben votar nese momento e os poderes fácticos que os apoian –a un, a perpetuidade, e ao outro, cando convén– comezaron a mover os fíos para que se votase si ou si.
2) Como era de agardar, a pandemia escitou as posturas políticas máis temerosas no electorado. Nese 12 de xullo tiraron proveito do medo, da confusión e das conseguintes pulsións conservadoras e de refluxo as posicións máis autonomistas: a dereita que se di tal sendo centralista e españolista (PP) cunha nova maioría que tiña practicamente perdida antes da pandemia, e a “esquerda” tamén autonomista que se di “soberanista” (BNG) recuperando ese estatus político-electoral co que se conforma de xeito gatopardista con tal de seguir mantendo chiringuitos e liberacións.
3) Que unha forza intrinsecamente “sipaia” e ancilar sexa rescatada polos poderes fácticos (prensa, banca…) é algo habitual nos contextos coloniais coma o noso. A recente XVIII Asemblea Nacional “á búlgara” do BNG confirmou o que xa afirmaramos hai tempo os que denunciabamos a farsa do “xiro independentista” [sic] da noutrora “fronte patriótica”. A autocrise controlada do pontonismo, o “novo quintanismo” de xinia upegalla, reforzou os posicionamentos cada vez máis electoralistas da formación. “Imos a polo electorado galeguista do PP”, afirma sen lacha ese slogan con pernas chamado Ana Pontón.
4) A travesía no deserto fora dura, pero dende anos antes, os que realmente gobernan nesta vella nación sen estado non podían permitir que esmorecera o BNG e que o seu lugar fora ocupado por un espazo político-social que, malia se atopar en fase embrionaria, daba por superado o réxime autonómico apostando por avanzar cara a soberanía nacional e popular dende coordenadas inequivocamente republicanas e anticapitalistas, como de feito estaba a acontecer dende a irrupción, primeiro de AGE, e despois dun municipalismo de base con vontade de se constituír en suxeito nacional de ruptura.
A esquerda real a velas vir
1) Fixeron falla 40 anos de agresións, enganos e traizóns –cun colofón de tres folgas xerais, un 15M e unhas Marchas da Dignidade– para que o pobo traballador, castigado e subalterno decidiramos darlle as costas ao bipartidismo en España (PP-PSOE) e ao tripartidismo en Galiza (PP-BNG-PSOE) e comezaramos a votar por novas opcións: Anova, AGE, mareas… Porén, abondaron tan só 4 ou 5 anos para que, cautivos das mentiras e manipulacións dos poderes fácticos e escravos de erros propios, volveramos a sucumbir á Síndrome de Estocolmo política e electoral caendo de novo nos brazos dos seus partidos sistémicos e dando por esgotadas, sen se poderen consolidar, as novas opcións emancipadoras.
2) Tras os nefastos resultados do 12 de xullo tanto, pepeiros coma bloqueiros coincidiron en afirmar que “O tempo pon a cada quen no seu sitio” referíndose aos 50 mil votos insuficientes para que a coalición de unidade popular acadase representación no Parlamentiño. Alén do tempo –breve, por certo–, foi tamén a barreira do 5% que impuxo o PP nos inicios do fraguismo para rematar cos restos da dereita galeguista e que o BNG, xunto do PSOE de Touriño, non quixo eliminar durante a xeira do bipartito (2005-2009) pechándolle o paso ao espazo situado á súa esquerda –independentismo galego, federalismo estatal– e marxinalizándoo eternamente.
3) A afirmación “O tempo pon a cada quen no seu sitio” posta en boca das dirixencias e bases blocallas, dese nacionalismo homeopático e azacotado polos poderes fácticos, significa a aceptación por parde dese “mundo-Bloque” dun estado das cousas predeterminado para cada espazo político en Galiza. Significa, en definitiva, que o BNG acepta que o PP sempre gañe, que eles e o PSOE se vaian turnando na oposición e que o resto de opcións político-ideolóxicas (dereita nacionalista, federalismo, esquerda independentista, ecoloxismo…) non existan, que non teñan espazo. Pura reacción subconsciente disfrazada de “esquerda” e falso “soberanismo”.
4) A sucursal galega do PSOE, ao que non podemos chamar esquerda pero con cuxo espazo político hai que contar para rematar coa hexemonía do PP, vive nunha eterna transición. O espazo federalista de Galicia en Común xa hai tempo que decidiu desprezar ao municipalismo galego, rachar co independentismo e ser sucursalista con Unidas Podemos. As mareas ou candidaturas municipalista movidas polo “sálvese quen poida” apostan por resistir en cadanseu ámbito sen intentar unha coordinación nacional. E a esquerda independentista caeu nun colapso tras a caída en picado dunha Anova que nunca se deu consolidado e a disolución organizativa das comunistas: Xeira e FPG.
Que facermos?
Como acabamos de ver nestas notas, o panorama é desolador. A década dos ´10 foi unha montaña rusa para a esquerda galega na que primeiro se viviu unha fase politicamente ilusionante pero organizativamente inmadura e despois unha precipitación incontrolada que significou unha trituradora de carne para novas militancias, novos liderados e novas alternativas. Na nova década cómpre, logo, mudar a fracasada guerra relampo pola guerra de guerrillas, reconstruír organizativamente o comunismo galego de praxe independentisata e dotalo dunha nova expresión partidaria, volver traballar no sindicalismo de clase e nos movmentos sociais, e crear novas alianzas para construír dende a base a necesaria Fronte Ampla.