Digna Rivas alcaldesa de Redondela

Digna Rivas alcaldesa de Redondela

Tiña gañas de poder falar coa alcaldesa de Redondela, pois despois da ruptura do goberno municipal tras a decisión dos concelleiros de AER de abandonalo aínda non tivera ocasión de facelo. Velaí vai o que deu de si a nosa ampla conversa, na que tratamos unha ampla gama de temas da actualidade política local

O PP está paralizando voluntariamente o funcionamento de Redondela, e que quede claro non me boicotea a min, boicotea a Redondela”

O primeiro que me chama a atención, Digna, e a enorme enerxía e entusiasmo co que nos atendes. Recórdasme a unha atleta a piques de comezar unha carreira que está decidida a gañar?

Ha ha ha ha ha. Ben, eu sempre fun unha muller moi traballadora e a verdade é que lle poño moito entusiasmo a todo o que fago. E se o meu traballo é, como nesta etapa da miña vida, algo tan importante como o servizo ás veciñas e veciños do meu pobo pois moito máis.

Teño un súper colega en Chapela, que está moito máis á esquerda do que estás ti, que me di que alucina coa túa capacidade de traballo pois seica se ten cruzado contigo moitas veces en moitos dos camiños da parroquia. Ti es das que patean o concello?

Non tanto como me gustaría. Pero fágoo todo o que podo, que insisto sempre é menos do que me gustaría. Teño a intención de recuperar as xuntanzas abertas coa veciñanza que por desgraza a pandemia obrigounos a suspender.

Ben, malia que en aparencia se che ve contenta, supoño que non podes estar satisfeita de como o inicial goberno bipartito converteuse nun goberno en minoría do partido socialista?

Non claro que non. Pero se nalgún momento do meu mandato hai colisión entre a estabilidade política do meu goberno e a atención adecuada á veciñanza eu vou escoller, sempre, á veciñanza, por moito coste político que me supoña

Pero o asunto das algas era tan relevante como para retirarlle as competencias a Roberto?

Para a veciñanza si. Era moi importante e nós debémonos aos nosos veciños e veciñas

O paso do tempo, que soe mitigar os episodios de tensión, fixo que reafirmes ou cuestiones a túa decisión de retirarlle as competencias a Roberto?

Eu aviseino con antelación e díxenlle que se non retiraba as algas tomaría medidas, que foron quitarlle só as competencias de limpeza de praias , nada máis. O resto de competencias da súa concellería mantíñaas.

Entón antes de tomar esa decisión avisáchelo?

Si

E el non che fixo caso?

Non, pero xa está. El tiña a súa opinión, pero claro non podemos facer o que a nós nos gusta sen contar coas opinións dos demais

Volvo coa pregunta anterior: no momento presente segues considerando que quitarlle as competencias de limpeza de praias a Roberto foi unha decisión acertada?

Si, por suposto. Penso que no pleno no que lle expliquei a Roberto as motivacións desta decisión quedou acreditada a súa pertinencia

Como foi a recollida das algas que fixestes?

Manual. O tractor só se utilizou para transportalas como se fixo toda a vida

Cando tomaches a decisión que tomaches con Roberto valoraches a posibilidade de que AER abandonase o goberno?

Si, claro. Incluso valorei a posibilidade dunha moción de censura

A túa comodidade na alcaldía é agora maior sen AER, malia que esteas en minoría?

Non, é exactamente igual que antes. Eu non tiña ningún problema con AER. Traballabamos moi ben e non tiñamos ningún problema ata que aconteceu o episodio das algas

Pero supoño que a situación aritmética na que estás agora, cun goberno de 7 de 21 , fai que non sexa nada fácil a acción de goberno?

É moi complicado si. E a actitude da oposición faino terriblemente difícil. Cousas tan importantes como os contratos SAF ou os de Limpeza bótannolos abaixo e non me deixan máis opción que sacalos por xunta de goberno

Xa, pero a oposición fai oposición, igual que a fixeches ti no seu momento?

Cando nós estivemos na oposición nunca boicoteamos temas importantes para a cidadanía

Ese suposto boicot do que falas fano, ao teu xuízo, os 3 grupos de oposición por igual?

O PP.É resulta chocante porque por exemplo eses contratos que antes che mencionei nos 8 anos que eles gobernaron os fixeron da mesma forma ca nós.

Entón aquel slogan de “Ante todo Redondela” que tiña o PP local, para ti era mentira?

Non vou entrar aí. O que si quero dicir é que o PP non me está paralizando a min, senón a Redondela

Pois mudo a pregunta logo; ti cres que hai unha vontade explícita do PP de Redondela de boicotear o funcionamento normal do Concello de Redondela?

Polos feitos que acontecen si, está claro que si.

Cóntanos que pasou coa concelleira Marta Alonso?

Ben, houbo certas discrepancias en relación á policía municipal e ela decidiu retirarse. O único que debo dicir, ao respecto deste asunto, é que estou profundamente agradecida a Marta polo seu traballo. Estamos traballando para mellorar a situación da policía malia os atrancos que nos poñen os partidos da oposición

Entón a Marcha de Marta foi unha decisión voluntaria súa?

Si, si, foi un tema que se falou.

A policía local de Redondela ten o número suficiente de axentes para dar un servizo adecuado á veciñanza?

Ningunha policía local de ningún concello ten o número suficiente de axentes. O problema non ven polo número de axentes senón por certas reivindicacións laborais que nos fan ás que estamos tratando de dar resposta cun acordo plenario.

Cando estabas na oposición criticabas que o PP non trataba con equidade ás parroquias de Redondela en relación co casco urbano. Cales foron as accións de goberno máis significativas que fixestes nas parroquias de Redondela?

Bastante menos das que quixera. Teño moitos proxectos pendentes para humanizar e asfaltar camiños diversos

Xa, pero dime algo concreto que teñades feito?

A senda verde de Chapela que estamos humanizando e temos previsto que xa estea o próximo mes, o famoso semáforo de Cesantes que colocamos despois dunha longuísima reclamación veciñal….

Falando de Chapela que nos dis do edificio de Arealonga?

O problema é pola licencia. E ese non deixa de ser un asunto técnico no que nós puidemos chegar ata onde puidemos chegar. Non puidemos facer outra cousa

Ben un inciso antes de que me esqueza, alcaldesa, quero dicirche que para unha persoa, coma min, moi sensibilizada co idioma galego , é un pracer ver o ben que funciona o SNL do concello

Moitas grazas, esa é unha área que levo eu directamente xunto cun técnico, Xurxo, que é un profesional soberbio

Supoño que estarás moi orgullosa do colexio de Porto Cabeiro polo premio que gañaron o día das letras galegas?

Si claro, orgullosísima. En xeral toda a rede de colexios e institutos públicos de Redondela teñen un nivel sobresaínte e non só eu, toda a veciñanza debemos de estar moi orgullosos deles e facer o necesario para preservar e potenciar a educación pública.

Por fin imos ter o bacharelato de artes en Redondela?

Si, e eu encantada claro.

Di o PP que cando eles gobernaban erades o concello máis transparente e agora seica baixastes ao posto número 9.Que pasou?

Ao final só son cifras, pero o importante é que somos un concello transparente.

E sodes un concello transparente?

Si.

Ti es de Rande Digna, cando van rematar os cheiros fedorentos de Aucosa?

Por min sería marabilloso que remataran xa, agora mesmo. A competencia medio ambiental é da Xunta de Galicia que son os responsables de que ese problema non se solucione. A posición deste goberno e desta alcaldesa é firme e inequívoca a prol dos veciños e veciñas de Rande porque teñen razón

Que tal é a relación coa Xunta?

A Xunta trata de maneira inxusta a Redondela e para mostra está a situación da Avda Mendiño. Xa no 2.017 nos vendían que tiñan o proxecto e 4 anos despois seguimos agardando pola solución dun espazo tan relevante para Redondela. E a Xunta, por desgraza, de costas a Redondela, non a min, a Redondela

E coa DEP?

Pois fíxate a diferencia. Pronto nos achegarán 1.000.000€ que nos permitirán actuar no espazo da rúa Picota, que por certo require de actuacións urxentes

No ano e medio que queda para as eleccións temos algún proxecto que che ilusione que nos poidas adiantar?

Si claro; o da Picota que che comentei antes, o edificio da casa dos mestres para facer o museo etnográfico, o skate park que imos facer en Chapela, imos actuar na alameda de Chapela, imos humanizar Cidadelle

Hai un par de Peneiras fixemos un especial de Chapela e falamos con varios representantes veciñais. Todos coincidían en que o volume elevadísimo de tráfico pesado era un dos principais problema da parroquia. Coincides na diagnose?, que solución ten?

Coincido si. A solución é complicada e o adecuado é que se deseñe unha solución desde logo

Rematamos Digna, que vos pasa no PSdeG que non parades de cargarvos líderes?

O que nos pasa é que somos demócratas, así de sinxelo, e é a nosa militancia a que decide quen debe dirixir o partido. E agardo que o PSdeG salga forte e unido coa capacidade de deseñar un proxecto solvente para gañar a maioría social de Galicia.