“Licenciado en historia e profesor de música no Instituto de As Barxas de Moaña manifesta que ambas disciplinas son as súas dúas grandes paixóns. El é o compositor do disco SON DA MEMORIA ,un traballo moi implicado coa memoria histórica. O día 24 de outubro, poderemos gozar da súa música en Redondela, e nós conversamos con el
“EU SON GUITARRISTA POR JHONY MARR, O GUITARRISTA DE THE SMITHS”
Cando comezaches a escribir cancións?
No ano 1.993 e sigo desde entón, de maneira ininterrompida
Que é o máis importante para ti, no proceso creativo?
Aprender constantemente, nunca deixar de facelo
Ti dis que non es cantautor pero si rockanroleiro , como é iso?
En realidade, os distintos estilos musicais acaban definíndose como propios dun lugar xeográfico. Porén cada un deles non deixa de ser expresión dunha póla da cultura popular
Ti cres que hai estilos musicais superiores a outros?
Non claro que non. Ese criterio é radicalmente errado. Todos os estilos son susceptibles da excelencia.
O rock é un estilo de que ámbito xeográfico?
Americano, e inicialmente, o seu xenio creador é Chuck Berry. O máis interesante deste estilo é que converte á música nun medio de expresión prioritario da xente nova
Falando do teu traballo, o teu CD Son da Memoria ten unha enorme capacidade de penetración nas emocións, polo menos nas miñas. A min chamoume a atención o que dis de que o disco fixéchelo desde que tes uso de razón. Explícame iso?
Pois moitas grazas Marcos. Imos ver, o que quixen dicir con iso é que desde moi neno fun consciente de que viviamos nun espazo postbélico. A carón da miña avoa vivía a viúva dun dirixente do sindicato mariñeiro que fora fusilado xunto co alcalde de Marín. Esta persoa era estigmatizada pola veciñanza, era case como a bruxa do barrio. Alcumábana “ a bichona”.Eu era consciente, estabamos na década dos 70, de que esa era unha sociedade traumatizada por un relato que en realidade era a coartada dos asasinos fascistas. E sempre desexei contalo.
O disco poderiámolo definir como moi íntimo?
Si, porque as miñas dúas paixóns, a historia e a música conflúen nunha conexión total coa miña infancia
Algunha canción que teña especial conexión con esa época da túa vida?
Aquela muller
Canto tempo che levou facer o disco?
Escribino e maqueteino eu só en mes e medio
Caramba, voaches
Si, a verdade é que estaba tan entusiasmado que parecía posuído
Non es de Redondela, pero tiñas un interese especial por tocar na Illa verdade?
Si, claro. Teño a sensibilidade suficiente para conmoverme con todo o que pasou nese espazo, e tamén me interesa como historiador. Toquei no Festival Sinsal 2.018.Tocar nese evento é como un sono para calquera músico da zona polo nivel tan elevado que ten, e para min en particular polo que significa a Illa de San Simón foi absolutamente emocionante. Para min ese día foi dos mellores concertos que demos. E a xornada en xeral con todas as actividades complementarias que tivo foi xenial.
Parte da túa produción musical tamén ten relación íntima co teu fillo verdade?
Si, cando ao noso fillo diagnosticáronlle autismo comecei a escribir cancións con letras da miña parella con vontade de concienciar
Cando xurdiu a idea de escribir un disco sobre a guerra civil?
No ano 2.016.Estaba escribindo sobre a crise dos refuxiados e veume esa idea. Documenteime moito sobre o tema, lin a moitos historiadores como por exemplo Dionisio Pereira. Algúns dos temas teñen que ver coa miña experiencia persoal
Vamos ter disco novo, verdade?
Si, publicaremos o primeiro single en novembro
Tocades en Redondela agora xa, non?
Si, o 24 de outubro no multiusos ás 20,30 da tarde. Teño moitísimas gañas de tocar coa miña banda completa, sete persoas, músicos e músicas
Iso de escoitar rock sentado nunha cadeira, pois como que non pega moito, non?
Ben, estamos nun momento moi raro e non queda outra. Xa fixemos un concerto en Cangas así, e a verdade ver aos compañeiros con máscara foi bastante traumático
Que música é a que máis escoitas ti?
A clásica. Pero á hora de facer música o meu lugar é o rock
Algún grupo actual que che guste especialmente?
Los Saltimbanquis
E de clásicos , tes algún ídolo?
Jhony Marr, o guitarrista de The Smiths. El tiña unha forma de tocar moi bonita, madura e sutil. Era dos que tiña unha actitude non machista coa guitarra. A min toda a estética macho rock sempre me tirou para atrás