A morte de Fran Teixeira en agosto do pasado ano , o histórico adestrador que levaba tantos anos ao fronte da nave do balonmán chapela, deixou un pouso emocional imposible de borrar na familia bereteira, e presumía que esta ía ser unha temporada moi dura para eles. Unha vez máis foi un pracer para nós conversar coa nosa amiga María, presidenta do equipo.
María González Lago
“Teño a convicción de que o primeiro equipo feminino poderá xogar a fase de ascenso, e o masculino conservará a categoría”
“O Balonmán Chapela é como unha gran familia”
Como afrontamos esta temporada María?
Esta temporada é emocionalmente moi complicada. A morte de Fran, o noso adestrador, alén de ser un golpe terrible, fixo que todo sexa máis duro e difícil. El faleceu pouco antes de iniciarmos a temporada, e claro, tivemos que buscar adestrador a toda presa. Por outra parte algúns xogadores, que estaban por el, deixárono e practicamente tivemos que armar un equipo novo.
Quen se encargou de formar o equipo?
O equipo técnico coa axuda de Pedro, o sobriño de Fran que xa estaba co tío e que nos botou unha man. Non foi nada fácil pois a esas alturas a maioría de xogadores do mercado xa tiñan compromisos con outros clubs. Tivemos que tirar de moita xente nova e de xente das categorías inferiores.
O primeiro equipo masculino está na 3º categoría do balonmán español. Que tal vai este ano?
Comezamos moi mal. O que era previsible pois como che dixen antes temos un equipo novo, con xente sen experiencia na categoría. No último mes do ano pasado puidemos fichar 4 reforzos con certa experiencia e creo que a súa achega xa se nota.
Hai risco de descenso?
Si, si que o hai. Agora comezamos a segunda volta e penso que xa se ve unha progresión en positivo moi importante. Creo que co equipo que temos na actualidade hai serias posibilidades de manter a categoría e eu, e toda a directiva apostamos por elo.
E o equipo feminino como vai?
Tampouco comezamos moi ben. Pero ao igual que o equipo masculino nótase unha progresión en positivo e teño a convicción de que nos meteremos na segunda fase que nos daría a opción de pelexar polo ascenso á división de honra B.
O público despois destes anos de pandemia como respondeu?
Moi ben. A verdade é que afección bereteira segue moi identificada co noso equipo e acode en gran medida a presenciar os partidos.
Teñen que ir con mascara claro?
Si, e aínda máis os equipos que compiten en ligas autonómicas teñen que xogar con mascara.
Vaia, debe de ser moi difícil xogar así non?
Xa, pero nótase na incidencia. Fíxate nas categorías autonómicas hai un índice de positivos bastante menor ao que se dá nas categorías estatais, o que supoño que terá relación co uso da máscara.
Ben, a afección responde. E os patrocinadores?
Tamén. Estamos moi agradecidos ás súa xenerosidade. Nada sería posible sen o seu apoio
En calquera caso imaxino que estes anos serían economicamente moi complicados?
Si claro, foron para todo o mundo. Nós temos unha rede de colaboradores nos pequenos negocios de Chapela aos que o ano pasado nin sequera visitamos. Como lle vas pedir colaboración, por exemplo. a unha cafetería que ten restricións horarias ou de aforo. Claro que o notamos desde logo. Pero fixemos igual que calquera outro; imaxinación, esforzo e pornos en modo resistencia.
No caso das nenas e os nenos que xogan no club, nestes anos de pandemia mantiveron as gañas por practicar o balonmán?
Si, sen dúbida. De feito nas categorías inferiores subimos arredor dun 50% de nenos e nenas que practican o balonmán con nós. Antes da pandemia tiñamos sobre 110 xogadores e xogadoras e agora estamos polos 170/180
Sabes cantas son nenas e cantos nenos?
Temos máis nenas. De feito nalgunha categoría poderiamos facer dous equipos femininos.
Cantos equipos tedes?
11 equipos en competición e 2 que de momento non poden competir. Dos 11 que compiten temos 6 equipos femininos e 5 masculinos.
Que tal están as relacións co Concello de Redondela?
Moi boas. Sempre tivemos moi boas relacións tanto con esta administración como coa anterior.
Cantas persoas estades na directiva?
Somos 5. 3 mulleres e 2 homes.
Ti levas toda a vida, case naciches e viviches a túa infancia nos parqués das pistas de balonmán. Non estás un pouco cansa?
Non, todo o contrario. Sigo estando moi ilusionada e gústame moito o que fago.
Caramba pois a xestión de 180 nenos e nenas debe de ser, entendo eu, un continuo fluxo de problemas?
Ha ha ha ha, si claro. Pero non o fago eu todo soa. Hai moitos adestradores, colaboradores colaboradoras e pais e nais que nos axudan a xestión do día a día. No que a min respecta pásoo moi ben coas nenas e cos nenos. O Balonmán Chapela é como unha gran familia.