
En xuño do ano pasado Verónica accedía a alcaldía de Salceda , despois de executarse o pacto de alternancia cos seus socios de Movemento Salceda. Poucos meses antes de cumprir o seu primeiro ano como alcaldesa achegámonos ata o seu concello para coñecermos de primeira man a súa valoración de como van as cousas polo seu pobo. E, como as outras veces que falamos con Verónica, atopámonos cunha muller moi vinculada, ata o máis profundo da súa persoa, co seu pobo e cunhas gañas enormes de facer ben as cousas para mellorar a vida das súas veciñas e veciños.
“O Problema do chamado catastrazo é que a oposición de Salceda, a diferencia da dos outros concellos afectados, está sendo absolutamente desleal. O que non din é que grazas ás nosas medidas hai 10.000 fincas que non van pagar“
Que valoración fas destes 8 meses como alcaldesa?
Moi positiva. Procurei darlle continuidade ao traballo que iniciaramos ao comezo do mandato e puxemos en marcha outros proxectos que tamén nos ilusionan. Intentamos mellorar os servizos para darlle mellor servizo á veciñanza, que ao fin e acabo é o que debe facer un goberno municipal.
O nivel de cohesión cos teus socios de Movemento Salceda como é?
Estou moi satisfeita, exactamente igual que antes de ser alcaldesa. Podemos ter algunha discrepancia como se pode ter con calquera outro socio, ou incluso con alguén do teu propio partido, pero todo se resolve de maneira moi civilizada e con moi boa vontade.
Antes mencionaches algún proxecto novo ilusionante. En concreto a cal te referías?
Á primeira fase da piscina que comezaron as obras a semana pasada,e ao centro social A Devesa que temos previsto iniciar as actuacións a principios de marzo .Esas dúas actuacións son moi importantes e insírense na nosa forma de entender o goberno que consiste en pór todos os instrumentos da administración pública ao servizo das persoas.
Fálanos do Consello de participación cidadá?
Agradézoche a pregunta porque o “1º consello de participación cidadá é unha actuación da que me sinto especialmente orgullosa”. Fixemos a asemblea de constitución en decembro. Participan 44 asociacións. Case todo o tecido asociativo do concello. Nas próximas semanas intentarei convocar as distintas mesas sectoriais
Cal é o obxecto do consello?
Escoitar as opinións do conxunto da poboación de Salceda,os seus problemas e necesidades, para tomar as decisións de goberno de maneira que permitan a súa atención dilixente, eficaz e sensible ás necesidades de todas e todos.
As túas relacións con MS son boas. E co PP?
Hai respecto institucional ,persoal e pouco máis. A súa oposición tanto en contido como nas formas é pobre.
Cando chegaches á alcaldía comentáchesme que a pandemia provocou un aumento das familias que precisaban da axuda dos servizos sociais do Concello para atender as súas necesidades. Esa situación mellorou?
Algo mellorou, pero segue estando peor que na época pre pandemia. En calquera caso eu son das que penso que as políticas de emprego son esenciais para evitar que alguén chegue ao extremo de precisar a axuda dos servizos sociais.
Como está a situación da policía local?
Ben, eu creo que como na maioría de Concellos temos carencia de persoal, que é un mal común aos distintos servizos municipais non só ao policial. Acabamos de contratar a dous auxiliares para reforzar a plantilla. E agardo que nos axuden a poder atender mellor as necesidades da xente.
Vós tedes un índice de natalidade moi elevado, sodes dos concellos con máis crianzas .As prazas da escola pública son as suficientes para atender ao volume de nenos e nenas?
O Partido Socialista leva moitos anos loitando para que Salceda teña uns servizos educativos adecuados á súa poboación infantil. E sigo tendo a mesma opinión. Os servizos educativos son insuficientes. A ampliación que se fixo do colexio Altamira é escasa. Seguimos necesitando un novo colexio. Hai que solucionar o tema do comedor escolar. E o bacharelato debe de chegar a Salceda xa. Non é xusto que os nosos mozos e mozas teñan que ir a outra vila a cursalo, pagando o transporte aínda por riba. É un agravio comparativo flagrante para a nosa mocidade. Seica van implantalo no curso 2022/ 23. Agardo que sexa así.
Falemos de Sanidade. A atención primaria como está?
Temos grandes profesionais que fan todo o que poden. Pero a situación é moi deficiente. O noso novo centro de saúde foi moi importante pero só con cemento non se atenden as necesidades sanitarias da poboación Temos un déficit de persoal moi importante o que provoca deficiencias notorias na atención primaria. E repito, en absoluto son responsabilidade dos e das profesionais marabillosos que temos. O que acontece é que non é humanamente posible atender a centos de chamadas de cada día.
Como sabes Verónica, o noso medio de comunicación fai xornalismo de proximidade. Temos o costume de preguntar directamente á veciñanza. E o que percibimos polas rúas de Salceda é , en xeral, unha valoración moi positiva do teu goberno e da túa persoa en particular, con dous PEROS recorrentes:
1) Pero: O catastrazo?
Eu creo que o problema que temos en Salceda en relación a este tema é a deslealdade absoluta da nosa oposición, ao contrario que a do resto de Concellos afectados que actuaron lealmente cos respectivos gobernos municipais.
Quen foron desleais co goberno en relación a este asunto?
O PP e o BNG. fixeron unha campaña moi agresiva visitando as parroquias para pór á veciñanza en pé de guerra botando a culpa ao goberno municipal cando saben perfectamente que o problema deriva dunha lei estatal que estamos na obriga de aplicar.
Pero o teu goberno non fixo nada para atenuar o impacto desa suba impositiva?
E tanto que fixo. Así por exemplo: -Puxemos unha oficina de información para que todo o mundo puidera facer aquí as alegacións que estimase sen ter que desprazarse.
Baixamos o tipo impositivo, o que repercute nas arcas do concello nun momento en que temos que facernos cargo de competencias que deberan de ser da Xunta.
Aplicamos unha excepción dos recibos menores de 7€ que pasan a pagar 0.
Bonificamos as parcelas que non son edificables nun 90%
En total, grazas as nosas medidas, hai 10.000 fincas que non van a pagar
2) Pero: tes as parroquias desatendidas?
A miña vontade e tratar con equidade absoluta a todos os currunchos de Salceda, estean no sitio que estean. Seguro que se podían facer máis cousas, pero que cada lector ou lectora teña a certeza que, en todo o tempo que teña a inmensa honra de ser alcaldesa de Salceda, vou dar o mellor que teña para atender as necesidades de cada veciño e de cada veciña viva onde viva
Algunha actuación que teñades feito nas parroquias?
Fixemos saneamento en Parderrubias e San Xurxo. O arranxo de estradas creo que foi notorio. E temos actuacións co plan concellos para todas as parroquias. Fixemos actuacións de patrimonio en Entenza. En Vendanova puxemos en marcha o centro terapéutico do alzheimer. En Budiño rehabilitamos a aula anexa do colexio. E se cadra das cousas máis importantes que fixemos nas parroquias é recuperar as casas dos mestres para os colectivos que as precisen.
Vamos ter entroido este ano, non?
Si, non como nos gustaría pero si que vai haber Entroido. É necesario volver aos poucos á normalidade. Agardo que todo isto da Pandemia vaia pasando aos poucos ata desaparecer por completo das nosas vidas
Como está ti de ánimos e moral?
Estou moi ben, enormemente honrada por ser alcaldesa do meu querido pobo .E animadísima a dar o mellor de min mesma en prol do ben común
Supoño que volverás presentar a túa candidatura para tratar de revalidar á alcaldía?
Se os meus compañeiros e compañeiras da agrupación socialista de Salceda así o queren será unha honra para min.
E se é como parece e preséntaste a que resultado aspiras?
A mellorar moito os resultados do 2.019 e a facer do partido socialista un partido que mereza a confianza maioritaria da sociedade de Salceda.