Tino Lago
César Mera foi unha figura de enorme relevancia política na nosa comarca. El foi alcalde da Cañiza durante 35 anos, arrasando elección tras elección, presidente da deputación de Pontevedra e senador do PP en Madrid. Durante décadas participou de todas as batallas internas importantes nas mesmas tripas dos populares galegos. E hoxe é un xubilado de conversa moi amena con moitas historias interesantes que contar, e outras que non pode facelo, ao que foi un pracer escoitar.
“Non sei sei o conseguiría pero nos meus 35 anos de alcalde sempre procurei ser xusto e tratar a todo o mundo por igual”
“A primeira vez que cheguei á deputación tiven moitos problemas co resto de deputados e incluso chegaron a tacharme de comunista”
Ti desenvolviches unha moi longa carreira política. Lembras como comezou?
Si, claro que si. Eu tiña unha academia para alumnos de bacharelato na Cañiza. Un compañeiro impartía as materias de letras e eu facía o propio coas de ciencias.
Gustábache a docencia?
Gustábame moito si. E a academia funcionaba moi ben, chegamos a ter cerca de 80 alumnos. Tamén preparabamos as oposicións de diplomados en maxisterio. Os meus alumnos adoitaban aprobar. E ese momento da miña vida coincide no tempo coa miña voda, caso en decembro do 75, e cunha convocatoria de eleccións municipais que fai Fraga, ministro da gobernación. Acababa de morrer Franco e esas eleccións a alcalde non eran por voto popular senón polo voto dos concelleiros que había nese momento na corporación.
Ah eran os concelleiros quen escollían ao alcalde?
Si. E o meu irmán, que era funcionario do Concello, e outro funcionario municipal trataron de convencerme para que eu presentara a miña candidatura á alcaldía. Fun de lua de mel e despois de darlle moitas voltas decido presentarme.
Contra a persoa que estaba de alcalde nese momento claro?
Si; Antonio Romero que, ao igual que todos os alcaldes naquel momento, fora posto a dedo polo gobernador civil. Aquelas foron as eleccións máis difíciles da miña vida. Date de conta de que tiña que obter os votos dos concelleiros que levaban moito tempo con el.
Que perfil tiña Antonio Romero?
El era o director da sucursal de Caixa Pontevedra. Era un bo xestor e un home co que cheguei a ter unha extraordinaria relación. Se cadra tiña un carácter non demasiado dialogante. Pero tamén os tempos eran diferentes e non había moito costume do diálogo nas relacións políticas.
Exactamente cando foi esa votación?
O 25 de xaneiro do 76, arredor dun mes despois da miña voda.
Como fai un mozo de 30 anos , nos estertores do franquismo, para convencer a 9 concelleiros franquistas para que o voten?
Con dúas desas persoas foi misión imposible. Quedábanme 7.Tratei de convencelos na necesidade da apertura democrática tamén no noso concello. Había un desexo enorme de liberdade e democracia en toda a sociedade española .A Cañiza non era ningunha excepción e o noso concello non podía seguir esclerotizado no franquismo
E chegan as votacións?
Si. Foron no salón de actos do concello. Presidíaas o xuíz comarcal da Cañiza. A votación foi pública, secreta e en urna. Aquel día cerca de 1.000 persoas atafegaban o concello e a contorna da casa consistorial. Respirábase un extraordinario ambiente, unha imperiosa necesidade de cambio de liberdade e de democracia. A verdade foi moi emocionante. Un dos concelleiros non puido vir e eu confiaba en gañar 6-2.Pero o resultado foi 5 a 3.O xuíz xa me proclamaba alcalde pero eu, que me lera a lexislación, sabía que en primeira votación era necesario obter 2/3 co que erguín a man e pedín por favor repetir a elección. Fíxose, o resultado foi o mesmo, e alí si, nas eleccións máis difíciles da miña vida , coas emocións a flor de pel e coa xente berrando:” acabou a ditadura, acabou a ditadura” fun proclamado alcalde.
Nas primeiras eleccións municipais democráticas preséntaste por UCD e arrasas, creo que gañaches 12-1?
Eu gañei 12-1 durante catro mandatos, 16 anos seguidos.
Obxectivamente: por que?, facíalo moi ben? ou había caciqueo?
Non había nada raro en absoluto. Eu non vou presumir de min mesmo pero os datos están aí. Eu cheguei a quitar un 87% dos votos.
Xa , pero na Cañiza non hai, nin agora nin antes un 87%, de persoas de dereitas?
A min votábame todo o mundo; os de dereitas, os de esquerdas e ata os do bloque. Eu creo que a razón estaba en que sempre antepuxen os intereses da Cañiza aos do meu partido. E non é un tópico electoral que che diga para quedar ben, non o necesito. É a pura realidade, e eu penso que así o percibía a ampla maioría da sociedade do meu pobo.
Tratabas a todo o mundo por igual? Ou practicabas o mal endémico de Galicia de todo para os amigos e nada para os “inimigos”?
Eu procuraba ser xusto e tratar a todo o mundo igual. Non sei se sempre o conseguiría, pero a miña vontade e a miña intención era facelo sempre así.
Sempre quitaches maiorías moi amplas. O teu peor resultado foi no teu último mandato 8-5. Ese resultado foi o motivo de que marcharas?
Non. Eu marchei cando quixen .Nesas eleccións o ano 2007 eu mandara unha carta aos veciños pedíndolles o voto e dicíndolles que esa era a última vez que me ía presentar. E simplemente cumprín a miña palabra. Aínda que recoñezo que a política segue a gustarme moito.
Ao teu sucesor Miguel Domínguez captáchelo ti?
Si.
Por que tomas a decisión de pasar de UCD a AP?
Despois da vitoria de Felipe González en 1982 UCD desaparece. E dos alcaldes que tiña o partido na provincia algúns fomos para AP e outros, como por exemplo Serafín de Fornelos, ao PSOE.
E ti por que fuches a AP e non ao PSOE?
Porque eu xa estaba na deputación, e naquel momento pareceume máis interesante.
Falemos da túa relación coa Deputación?
A Dep representaba aos partidos xudiciais. Nós eramos un partido xudicial composto por A Cañiza, Covelo, Crecente e Arbo. Para a escolla de deputado provincial Cañiza tiña 3 votos e os outros 3 concellos un cada un .
No caso de empate a 3?
Era electo deputado o candidato de maior idade. E eu era moi novo.
Ti querías ser deputado provincial claro?
Si, eu si, pero Pepe Castro o alcalde de Ponteareas, non quería porque el era o presidente da mancomunidade do condado , e el quería dominar O Condado e A Paradanta, e apoiaba ao alcalde de Arbo
Ti non quedarías quieto ?
Non, desde logo que non. O primeiro que fixen foi ir falar con Pepe Costas o alcalde de Covelo. E el comprometeuse comigo a apoiarme.
Entón xa estaba claro, ías gañar 4( os 3 teus máis Pepe o de Covelo) a 2?
Non foi tan fácil. Fíxate que casualidade, que o día anterior á votación, nunha cea oficial con varios alcaldes, no gran hotel da Toxa coincidín con Pepe Costas e recordeille o da votación do día seguinte e mireino moi raro.
E logo que lle pasaba?
Falo con el e cóntame que está recibindo moitas presións tanto de Pepe Castro como de quen realmente mandaba na DEP que era Antonio Puig, unha persoa moi vencellada co franquismo, de feito foi xefe provincial do “ movimiento”
Que tipo de presións?
Seica presións fortísimas. Parece que o chamaban de todo e que o puñan entre a espada e a parede. Tes que pensar que Pepe Costas era un alcalde que inicialmente fora nomeado a dedo polo gobernador civil. Parece que as presións estaban facendo efecto e Pepe estaba asustado. Eu pedinlle con todas as miñas gañas e con toda a convicción que fun capaz de amosar que por favor cumprira o seu compromiso
Que emocionante ¡¡ E como foi esa votación?
A elección era en Pontevedra entre as 9,00 e ás 13,00 h. Nós chegamos ás 11,00h da Cañiza e xa estaban alí os alcaldes de Crecente e de Arbo, Pepe non. O primeiro en votar foi o de Crecente, polo de Arbo. Este non fai nada , está á expectativa do que faga Pepe cando chegue. Pero resulta que non chega e entón o de Arbo dáse de conta de que xa perdeu a abstense.
Vaia, non imaxinaba que fose posible asustar a Pepe Costas. Que escusa puxo?, non diría que se lle pinchou unha roda na viaxe?
Exactamente iso foi o que dixo; que se lle pinchou unha roda.
Cal foi a reacción de Pepe Castro?
Non o sei. O que é certo é que Pepe Castro fixo toda a presión que puido para eu que non fora deputado provincial. Cando eu chego á DEP era a ovella negra, pois era o único dos 27 que non era do “ movimiento”.De feito no meu primeiro ano alí eu tiven moitos problemas co resto de deputados que incluso me chegaron a tachar de comunista.
Ao teu xuízo Pepe Costas era franquista?
Non , el era un demócrata.
E Pepe Castro?
Si, el sempre se sentiu orgulloso de proceder do franquismo. Pero hai que recoñecer que logo gañou moitas eleccións de maneira democrática.
Que relación tiveches con Xerardo Fernández Albor?
Moi boa. El era un home moi serio, moi boa persoa e un galeguista 100 por 100.
Que relación tiveches con Manuel Fraga?
Tiven boa relación. Era un home que a verdade impuña
Por que?
Porque era un intelectual de primeira liña
Fraga era un home co que se podía debater ou as cousas tiñan que ser como dicía el a narices?
El era unha persoa moi institucional. Se cadra aos conselleiros non os trataba tan ben, pero cando nos reuniamos, el como presidente da Xunta e eu como presidente da DEP, mantiña o debido respecto institucional.
Como viviches aquela pugna entre o que chamaban o PP da boina e o PP do birrete?
Vivina claro que si. De feito Xosé Cuiña que representaba ao chamado PP da boina, no que eu me incluía, foi o responsable, ao meu xuízo, de que eu perdera a presidencia da DEP.
Cóntame iso?
Cuiña e eu formaramos unha especie de entente porque considerabamos que a DEP levaba moito tempo gobernada por Pontevedra e por Vigo e entendiamos que iso non era xusto. Falamos con Mariano Rajoy para que Cuiña fose presidente e eu vicepresidente. Mariano, ao principio, non estaba moito pola labor pero finalmente acabou aceptando .Cando se concreta a presidencia de Cuiña el escolle tres vicepresidentes; a min a Mantilla de Vigo e a Cobián de Pontevedra. Iso a min non me gustou porque non foi ao que acordaramos. Entón falo con el para que me nomee vicepresidente primeiro
Cedeu?
si
Estamos falando de finais dos 80 verdade?
Si, do 87 ao 90.Nese ano chega Fraga e Cuiña implícase a tope en apoialo para que gañe as eleccións. Fraga gaña e Cuiña decide marchar para a Xunta. Estamos en xaneiro de 1.990 e eu son escollido presidente da Deputación
Só fuches presidente 5 anos?
Si. En 1995 eu quería seguir pero Cuiña xa non me apoiou
Por que?
Porque el quería que eu na DEP fose un monicreque seu. Quería na DEP un home ao que puidera manexar e eu para deixarme manexar non vallo. O que me molestou foi que non o fixo de cara senón que manobrou por detrás. De feito nun comité executivo en Santiago tiven unhas palabras moi fortes con el
A Cuiña porque lle acabaron cortando a cabeza?
Correu demasiado e Fraga enfadouse.
Como é Feijoo?
Un tipo duro e moi preparado. El ven dunha familia moi humilde e creo que esa circunstancia marcouno na vida.
Ti fuches, alcalde, deputado provincial, presidente da DEP e senador. Con que che quedas?
Coa alcaldía sen dúbida. Servir ao pobo no que un naceu é do mellor que lle pode pasar a alguén na vida.
Estás satisfeito co traballo que fixo Miguel , o teu sucesor na alcaldía?
Si.
Di o goberno actual que a xestión do teu sucesor arruinou ao concello. Ti que opinas?
Iso é un tema relativo. Miguel deixou algunha factura sen pagar porque deixou moita obra feita.
Acabamos. Valora de maneira sintética o goberno de Luis Piña?
Eu chameino cando acadou a alcaldía para desexarlle sorte porque goberne quen goberne eu quero o mellor para A Cañiza. Eu o que che podo dicir , a modo de valoración sintética, é que prometeu moito e de momento non fixo nada sobre todo no referente á creación de postos de traballo.