
A concentración polas rúas de Ponte Caldelas evidenciou o rexeitamento unánime da poboación do municipio e dos concellos da contorna contra a agresión medioambiental que se plantexa sobre os ríos Verdugo e Oitavén
Ponte Caldelas, 8 de maio de 2022
Ao berro de ‘Nin trasvase nin encoro” preto de 2.000 persoas sairon hoxe ás rúas de Ponte Caldelas para evidenciar o rexeitamento social contra a gresión medioambital que se plantexa sobre os ríos Verdugo e Oitavén. A concentración partiu ás 12.00 horas de diante da Casa do Concello e discorreu polas rúas Avenida de Galicia, Avenida de Pontevedra, Rúa da Ponte e Rúa Emigrante para rematar na Alameda de Ponte Caldelas, onde o alcalde, Andrés Díaz, fixo lectura do manifesto elaborado polo Goberno de Ponte Caldelas á veciñanza participante na multitudinaria manifestación.
Con silbatos, bubucelas, cacerolas, sartén e latas, a veciñanza amosou o desacordo e a falta de respecto que amosan coa poboación de Ponte Caldelas e dos concellos da contorna as tres administración implicadas en dar solución ós problemas de auga do sur da provincia de Pontevedra. Xunta de Galicia, Goberno do Estado e Concello de Vigo uníronse e pagaron a escote un estudo que propón solucións para dotar de maior abastecemento de auga a once concellos, pero en embargo ningún dos tres da a cara para amosar o estudo ou falar de outras alternativas co Goberno de Ponte Caldelas.
“Dende o sillón dun despacho pintan no mapa un trasvase, debuxan encoros e parques eólicos e incluso trazan liñas de alta tensión. Para eles o rural son catro casas, catro veciños que non importamos nada. Pero non é así, e hoxe estámolo demostrando xuntos, unidos”, indicou Díaz, que recordou que en 2017 o Goberno pontecaldelán conseguiu frear o trasvase e en 2022 farao de novo. “Onte, hoxe e sempre defenderemos o río Verdugo porque é o noso futuro. Porque Ponte Caldelas ten 33 lugares, 33 aldeas con traídas veciñais que en anos de seca precisan auga e este concello ten que darlla. E de onde lla damos? Do río Verdugo. É a nosa fonte, a nosa vida. O presente e o futuro do noso pobo depende de que teñamos auga”.
A manifestación rematou con todos os participantes entonando o Himno Galego na Alameda de Ponte Caldelas, logo de berrar “para que nos escoiten en Santiago, en Madrid e en todo o mundo: O rural ten voz. O rural ten vida. O rural ten futuro”.
DISCURSO DO ALCALDE DE PONTE CALDELAS, ANDRÉS DÍAZ
Quero comezar dando as grazas a todas e cada unha das persoas que participades hoxe nesta manifestación. É unha protesta necesaria para protexer os ríos Verdugo e Oitavén e á vez importantísima para reivindicar o valor do rural, porque as persoas que apostamos polo rural, que vivimos nel, vemos como temos as mesmas obrigacións ca calquera veciño da cidade, pero sentimos que as grandes administracións non gobernan para nós e as grandes empresas buscan sacar un rendemento da nosa terra a custe cero.
Dende o sillón dun despacho pintan no mapa un trasvase, debuxan encoros e parques eólicos e incluso trazan liñas de alta tensión. Para eles o rural son catro casas, catro veciños que non importamos nada. Pero non é así, e hoxe estámolo demostrando xuntos, unidos.
Fai tres semanas que nos enteramos a través dos medios de comunicación que a Xunta de Galicia, Goberno de España e Concello de Vigo se uniron para pagar a escote un estudo que busca solucionar o problema da sequía en once concellos do sur da provincia de Pontevedra. Ningunha das tres administracións tivo a decencia de comunicar ó Concello de Ponte Caldelas, ó Concello da Lama ou ó Concello de Fornelos de Montes que unha desas propostas é a construir un encoro en terreos da nosa competencia, en terreos que viven persoas, nos que temos patrimonio, nos que temos un río vivo que queren arrasar.
E o que xa me parece unha falta de respecto total é que cando esiximos que nos reciban, que nos envíen o estudo para saber a que nos enfrontamos, todos miran cara outro lado: despois de case un mes nin nos recibiron na Xunta, nin no Ministerio de Transición Ecolóxica, nin a Confederación Hidrográfica nos enviou o estudo de alternativas pese a terllo pedido por escrito. Paréceme intolerable.
E que dicir do noso río Verdugo? Un río que vive nun constante desafogo temendo unha nova proposta de trasvase. En 2017 xa estivemos manifestándonos aquí mesmo porque nos querían roubar o noso río. Xa tiñan o proxecto e Augas de Galicia enviara xa os topógrafos a facer as medicións e o trasvase era inminente. Pero destapamos un informe de 2011 que dicía que o río Verdugo non ten auga suficiente para manter o caudal ecolóxico 7 de cada 10 anos e, o máis importante, toda Ponte Caldelas saiu á rúa a defender o seu río.
Agora o trasvase xa o plantexan augas abaixo de Ponte Caldelas, en Soutomaior, pero continúa o ataque contra o noso río e non llo imos permitir. Onte, hoxe e sempre defenderemos o río Verdugo porque é o noso futuro. Porque Ponte Caldelas ten 33 lugares, 33 aldeas con traídas veciñais que en anos de seca precisan auga e este concello ten que darlla. E de onde lla damos? Do río Verdugo. É a nosa fonte, a nosa vida. O presente e o futuro do noso pobo depende de que teñamos auga.
Por iso, non queda outra que berrar alto e claro, con rotundidade, que non imos permitir que se cometa ningunha barbaridade ambiental sobre o río Verdugo nin sobre o río Oitavén. Os encoros foron as grandes obras da dictadura, pero en pleno século XXI non imos permitir que asolaguen terras fértiles, patrimonio, flora, fauna e vida baixo as augas dunha presa. Nin que nos leven a auga que non temos, porque a Galicia dos mil ríos esmoreceu.
Entendemos que hai 11 concellos que teñen un problema de auga, agora ben, ninguén está pendando no problema que xa temos nós. Debemos cambiar hábitos de consumo e de xestión da auga por parte das administracións e barallar seriamente outras alternativas a travases e encoros menos agresivas co medio ambiente, como as potabilizadoras ou desalinizadoras,
Xa basta de asoballarnos con centos de parques eólicos fragmentados, sin estudos de impacto ambiental rigorosos, con muiños de 200 metros pegados ás casas e con liñas de alta tensión atravesando os nosos concellos. Deixan aldeas enteiras dentro das poligonais dos parques, devalúan os nosos terreos e incentivan a despoboación do rural.
Vivimos aquí e queremos vivir sempre aquí. Estamos fartos de que vacíen Galicia, de que vacíen España. E por iso hoxe berramos dende Ponte Caldelas, para que nos escoiten en Santiago, en Madrid e en todo o mundo:
O rural ten voz.
O rural ten vida.
O rural ten futuro
Grazas!!!