
Forcarei, 4 de maio de 2018.
O BNG presentou onte, xoves 4, a candidatura completa para as vindeiras eleccións municipais nun acto público que abriu Manuel Barreiro cunha breve intervención coa que deu paso ao candidato á alcaldía, Roberto Jorge Correa, o encargado de pechar o acto foi o deputado no Parlamento de Galiza, Xosé Luís Rivas “Mini”.
O candidato e actual portavoz municipal, Roberto Jorge Correa, destacou na súa intervención que “Forcarei precisa un alcalde que escoite, que atenda as necesidades dos veciños e veciñas”, tamén lembrou que “estamos nun momento crítico xa que Forcarei perde poboación rapidamente e é necesario implementar urxentemente políticas que deteñan o proceso e fixen poboación para non perder servizos básicos”.
Correa, no seu discurso, avanzou as liñas mestras do programa electoral que resumiu en cinco ideas: “priorizar as políticas de fixación de poboación e desenvolver un programa municipal para paliar a escaseza de vivenda”, “facer políticas para incrementar o desenvolvemento económico sostíbel e a creación de emprego, fundamental para que o nosos mozos e mozas non teñan que emigrar”, “implementar políticas de urbanismo que prioricen ás persoas e a seguridade viaria”, “facer do sector cultural unha ferramenta de dinamización social e económica, cunha oferta para todas as franxas de idade e medidas que aproveiten a realimentación entre as distintas ofertas culturais, de ocio e turismo” e, finalmente, “a mellora da atención sanitaria, o incremento de dotacións materiais e humanas para os centros de saúde, o reforzamento das políticas sociais, de igualdade e mocidade e a reclamación dun centro de día”.
O BNG de Forcarei afronta as vindeiras eleccións renovado e cun equipo no que se combina a experiencia coa ilusión por construír un concello con entidade propia e dotado de servizos de calidade para os veciños e veciñas.