“ Nas rúas de A Lama percíbese unha importante pulsión de cambio, e o BNG quere ser protagonista dese cambio”
Antón Barreiro será o candidato dos nacionalistas á alcaldía do concello de A Lama. Antón é veciño do pobo. Naceu na Lama, vive na Lama e traballa na Lama. El sinte ao seu pobo, e encabezará a lista do BNG na procura do cambio necesario que este concello precisa despois de tantos anos nas mans dos representantes desa forma de entender a realidade, que padece Galicia desde sempre, que divide á sociedade en amigos e inimigos. Antón é un home no que se pode confiar. É serio, solvente e rigoroso. E estou seguro de que será un representante político extraordinario deses que veñen a política a servir aos demais e non a facer da política un medio de vida.
Antón, queremos coñecerte un pouco máis
Ben, pois eu son unha persoa da Lama, da propia parroquia da Lama. Vivo e traballo aquí. Teño 43 anos e traballo na banca en liña para unha importante entidade bancaria. De formación son enxeñeiro forestal.
E como acaba un enxeñeiro traballando en banca?
Os camiños da vida que che levan a sitios inesperados.
Cando empeza a túa andaina no mundo da política?
No 2004, fai uns 20 anos que me fixen militante do BNG.
Sempre estiveches neste partido?
Si.
Por que?
Porque entendo que Galicia iría moito mellor se os asuntos de Galicia foran xestionados por nós mesmos. E iso comézase a facer Concello a Concello. O BNG é unha formación política que non obedece a ningún outro interese có ben común do pobo galego. E esa é a miña forma de entender a realidade e a política tamén.
Cal é a túa valoración da situación política do Concello da Lama?
Cada vez vai peor. A relevancia que o noso concello chegou a ter no seu momento estase a perder a pasos axigantados.
Por que está a perder relevancia?
Os problemas endémicos do rural galego; falta de servizos e oportunidades que impiden desenvolver un proxecto vital digno , están presentes de maneira permanente, por desgraza, no noso concello.
Cales son as carencias máis importantes que ten A Lama?
A falta de traballo e oportunidades para a xente nova. Este é o principal problema. Se fósemos capaces de facer deste concello un sitio atractivo para vivir con oportunidades e servizos suficientes conseguiriamos reverter a tendencia de perda de habitantes.
Jorge Canda leva desde 1995 como rexedor deste concello. Que opinión lle merece ao BNG a súa xestión?
A valoración é manifestamente negativa. Como che dixen antes perdemos poboación dunha maneira alarmante, diminúen os servizos de maneira preocupante e as oportunidades son inexistentes. Algunha responsabilidade terá quen leva máis dun cuarto de século de alcalde , digo eu¡¡
O goberno actual trata con xustiza a todos os veciños e veciñas, independentemente da cor política ao que pertenza?
Se o BNG ten a oportunidade de participar do vindeiro goberno municipal iso vai ser inequivocamente así. O PP da Lama é un exemplo notorio do modus operandi que ven padecendo o país galego desde a noite dos tempos.
Recentemente saíu unha noticia referente a unha denuncia sobre unha suposta oposición para presuntamente crear un posto de traballo, ad hoc, na biblioteca da Lama para o actual responsable da radio deste concello e candidato do PP á alcaldía de Ponte Caldelas. Como valoras esta situación?
Gustaríame pensar que esta noticia é mentira, pero isto ten toda a pinta de ser a típica cacicada.
Cal é a posición do BNG nos intentos de montar máis parques eólicos neste concello?
Estamos totalmente en contra dese modelo de mega parques eólicos invasivo, depredador e e pseudo colonial. A nosa posición é inequívoca : estamos a carón da veciñanza e o BNG pelexará ata o final para defendelos.
Cales son as liñas programáticas básicas da candidatura que vas encabezar ?
-A loita contra o espolio dos eólicos.
-Aumentar as partidas de atención social en xeral e en particular as dirixidas a adquisición de vivenda para facilitar o asentamento de poboación.
-Fornecer a atención sanitaria no noso Concello, que está nuns niveis paupérrimos.
-Desenvolver un modelo de vila con servizos e oportunidades suficientes.
-Unha política cultural adecuada e solvente.
-Potenciar os atractivos naturais do noso pobo, absolutamente infrautilizados.
Despois de moitos anos, o PP presenta un candidato diferente a Jorge Canda. Como valora o BNG ao candidato David Carrera?
David forma parte deste goberno, por tanto, é tan responsable político como Canda nas políticas tan desastrosas que levaron ao Concello á situación tan lamentable na que se encontra.
Para acabar, Antón. Ves posibilidade de que o PP perda a maioría absoluta?
Posibilidades hai si, claro que si. Na rúas da Lama percíbese unha importante pulsión de cambio e o BNG quere ser protagonista dese cambio .
No caso de que o PP perda a maioría absoluta, para formar unha maioría alternativa habería que artellar un pacto con outras forzas. Cal é a túa disposición ao respecto diso?
A disposición do BNG é absolutamente positiva ao diálogo e ao consenso. Somos plenamente conscientes da necesidade de cambio que hai en A Lama. Agora ben,quen queira acordar co BNG ten que ter moi claro que nós temos unhas liñas básicas que temos que defender porque forman parte do noso ADN:. Coidar o galego, coidar a cultura, coidar as políticas sociais. Estas tres liñas son irrenunciables para nós.