O pasado 4 de maio no seu local da Veiguiña os candidatos e candidatas do BNG de Marín, encabezados por Lucía Santos, fixeron a presentación do seu programa electoral aos medios de comunicación.
No acto os representantes nacionalistas salientaron que este é un programa froito de centos de horas de traballo nas que se consultou a opinión das veciñas e veciños, e se fixo unha análise rigorosa e solvente das necesidades e problemas que padece a vila marinense, que sofre unha alarmante perda de poboación.
O programa electoral consta de 264 medidas concretas que , no caso de gobernar, os nacionalistas comprométense a executar para facer fronte ás necesidades de Marín. As máis de 250 medidas artéllanse arredor dunha serie de ideas chave como por exemplo a de abrir Marín ao mar, e están construídas pensadas para gobernar e facer un novo Marín con cada veciño e con cada veciña.