A Plataforma reclama “persoal médico no PAC de Marín, porque no Nadal tamén enfermamos e a Consellería está precarizando un servizo vital para 24.000 persoas”.

falta de persoal médico para atender as urxencias no PAC de Marín

A nosa vida sen persoal sanitario” é o concurso que impulsan dende a Plataforma para menores de 12 anos coa colaboración das ANPAS e con premios donados polo comercio local marinense.

Marín, 30 de decembro de 2022

A Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo, que agrupa a 21 colectivos das parroquias de Santomé de Piñeiro, O Campo, Ardán e Seixo, no concello de Marín, vén de denunciar a “penosa” situación do PAC que “día si, día tamén, non ten persoal médico para atender as urxencias da veciñanza de Marín e no que debera haber 2 médic@s en vez de ningún.”

A Plataforma sinala que “a Xunta segue a precarizar este servizo, e no Nadal tamén enfermamos. De feito, son habituais as denuncias de veciñ@s de Marín que acoden ás urxencias e atopan só persoal de enfermería e teñen que comezar unha peregrinaxe ás urxencias do PAC de Bueu, ou directamente ás urxencias saturadas de Montecelo ou o Hospital Provincial. Non son @s pacientes que buscan atención cando están mal quen satura os hospitais é a Xunta quen cos seus recortes colapsan todo o sistema sanitario público.”

A Plataforma expón que “parece que hai unha estratexia da Xunta para ir recortando profesionais o que causa problemas de atención médica e que acabemos indo aos hospitais. Despois, cando non vaiamos ao PAC, porque non saberemos se atoparemos profesionais médicos, non tardarán dende a Xunta en dicir que non é útil, nin rentable manter abertas as urxencias de Marín porque a xente non vai. Na Xunta tentan escaquear sempre, cando son quen contratan, quen amortizan prazas e quen as cobren.” Nese sentido, sinalan que “é chamativo que dende o goberno municipal sigan calados” e denuncian “a insensibilidade dos responsables políticos porque as fotos de Nadal non melloran a saúde de quen precisa atención, nin salvan vidas nunha urxencia e se este servizo non ten a dotación de persoal médico necesaria, a Alcaldesa debera denuncialo e moverse porque lle afecta á veciñanza do concello que ela goberna.”

Concurso “A nosa vida sen persoal sanitario”

A Plataforma convoca o concurso de debuxos “A nosa vida sen persoal sanitario” destinado a menores de 12 anos. Segundo explican “a temática está relacionada coa sanidade pública e o dereito de todas as persoas á saúde e deberán plasmar nun debuxo como sería a súa vida e/ou a de familiares se non houbese persoal sanitario (persoal médico, pediátrico, de enfermería, de saúde mental, de ambulancias etc) para atendelos, tanto nos centros de saúde como nos hospitais. Unha situación que non é difícil de imaxinar e que xa lle afecta directamente a moitas familias.”

Dende a Plataforma explican que “contamos coa colaboración das ANPAS do colexios públicos do concello de Marín así como de comercios de Marín que doarán os premios consistentes en libros e material escolar.” Haberá tres categorías de 3 a 5 anos, de 6 a 8 e de 9 a 12 e o prazo remata o venres 20 de xaneiro de 2023.