Ernesto será o candidato do nacionalismo nas vindeiras municipais neste concello do interior de Pontevedra, que ten a peculiaridade de resultar da fusión dos antigos concellos de Cerdedo e de Cotobade. El é un home sensato, sereno e lúcido que coñece o seu pobo curruncho a curruncho, e que se amosa esperanzado en que o BNG ten un inmenso potencial de crecemento nesta localidade, que agarda se concrete nun incremento notable de votos e concelleiros e concelleiras nos comicios de maio. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa.
“ Hai moitas cousas que mellorar en Cerdedo-Cotobade. E no BNG, no lugar que nos coloquen as urnas, queremos traballar arreo para melloralas”
Por desgraza, Ernesto, temos que comezar a conversa referíndonos ao horrible suceso acontecido en Pedre nos últimos días do pasado ano
A verdade é que foi unha nova espantosa, e desde o BNG local só nos queda expresar a nosa condolencia máis profunda ás familias das vítimas
Dáste de conta do sitio concreto no que se produciu o accidente do autobús?
Si, perfectamente
Está en mal estado a estrada nese punto?
Nese punto en concreto aparentemente non. Esa noite as condicións climáticas eran de extrema dificultade e supoño que ese sería o problema
Cando aconteceu o terrible accidente de Pedre nas redes sociais distintos veciños de Cerdedo-Cotobade queixáronse de que o estado xeral das estradas e camiños do voso concello é malo. Cal é a túa opinión?
O BNG leva máis de tres anos enviando peticións constantes ao concello para que reclamen á administración competente solucións urxentes para distintos puntos negros que si existen, e requiren dunha urxente solución. As estradas do noso Concello si son manifestamente mellorables.
Cando pondes en coñecemento do goberno local a existencia de puntos negro en concreto, cal soe ser a súa reacción?
Ás veces escúdase en que son estradas de titularidade non municipal, pero claro o concello ten que exixir á administración que teña a titularidade que actúe de contado para solucionar as deficiencias que haxa, e eu boto de menos unha actitude mais activa do concello a este respecto.
Como está o acceso a Internet nun municipio de núcleos tan espallados como o voso?
É moi deficiente. Hai zonas concretas en que chega ben, pero hai zonas en que a fibra óptica está sen estender o que ocasiona prexuízos notables a estudantes, empresarios, autónomos….á sociedade en xeral. Este é outro dos temas nos que boto de menos unha implicación máis contundente do goberno municipal.
Hai un par de anos falaramos ti e eu sobre a túa opinión acerca dos resultados da fusión entre Cerdedo e Cotobade e dicíasme que a túa valoración era negativa. Hoxe segues pensando o mesmo?
Si. Non resolveu nada. Foi unha perda de tempo e cando se rematen os cartos extras que recibimos como resultado da fusión, arredor de 1.000.000 € ao ano, imos ter problemas moi serios. O territorio de Cerdedo-Cotobade é inmenso e a ver como mantemos todos os servizos cando se acabe esa partida extraordinaria.
Ese millón de € extra que recibides da Xunta, de maneira momentánea por tervos fusionado, que porcentaxe representa sobre o total do orzamento anual de Cerdedo-Cotobade?
Arredor do 25%
E en relación ao sentimento de identidade algo mudou?
Non, nada. Unha persoa de Cerdedo síntese de Cerdedo, e unha persoa de Cotobade segue a sentirse de Cotobade.
Como está o asunto dos eólicos?
Xa vai facer dous anos que levamos pelexando. Neste tema a información é nula e o escurantismo absoluto. Grazas ás protestas da sociedade civil parece que está a aumentar a conciencia da brutalidade do impacto que suporía o que nos queren chantar. Nós estamos a favor das enerxías renovables,pero así non. Non pode ser que os nosos montes sexan para enriquecer ás grandes multinacionais da enerxía.
Que valoración fas deste mandato do alcalde Jorge Cubela?
O BNG sempre apostou por apoiar ao goberno cando entendiamos como razoable algunha das súas propostas, polo contrario o PP non fai o mesmo. Todas as nosas peticións son despachadas cun “ estamos niso”.Por outra parte semella que o alcalde ten un excesivo afán de protagonismo. .O PP ten 9 actas e todo pasa por el. Calquera tema, sexa da área que sexa, ten que pasar polas súas mans e esa non me parece unha forma correcta de gobernar
Cales son as perspectivas realistas que tendes para as eleccións de Maio?
Nós confiamos en que boa parte da sociedade de Cerdedo Cotobade valore o noso traballo, un traballo que toda a humildade digo que está sendo moi serio, e é resultado do esforzo do colectivo dun equipo de homes e mulleres que amamos os nosos lugares, as nosas parroquias a terra na que os nosos devanceiros amaron, sufriron, viviron e morreron, e queremos construír un Concello máis xusto e máis humano. Teño, o BNG ten, fundadas perspectivas de que imos experimentar un crecemento máis que notable.
Pero coa situación aritmética local 9 o PP e 4 a oposición( 3 PSOE e 1 BNG), pensar nun cambio de goberno resulta moi difícil?
Son consciente de que é difícil. Pero imposible non é. Cerdedo Cotobade precisa un cambio con urxencia, e se non é agora será nas próximas, pero nós imos pelexar para que sexa xa, porque en verdade o noso concello necesítao.
Que podería encontrar un veciño ou veciña en ti como alcalde?
Eu son un home moi traballador, que sempre prioriza o ben común sobre o particular. Son un home de consensos amplos que sempre procura que as decisións de calado fagan sentir cómodos a todos aos que lles afecten. E sobre todo : honestidade radical ao servizo do meu pobo.
E cales serían as principais liñas de actuación no caso de poderes gobernar?
O noso Concello require actuacións urxentes en eidos como:
- O Saneamento
- As vías de comunicación
- A Sanidade ( todo o noso apoio á plataforma pola sanidade de Cerdedo)
- Os servizos necesarios para poder desenvolver un proxecto de vida aquí
- A creación de actividade económica a través da potenciación racional e sostible das nosas potencias forestais e agrícolas
- O noso territorio ten atractivos inmensos para atraer turismo e están infra utilizados
- O Lecer
- A Cultura
- O acceso a Internet
En definitiva hai moitas cousas que mellorar e no BNG, no lugar que nos coloquen as urnas, traballaremos arreo para contribuír a facelo.