Conflito no metal de Pontevedra

Conflito no metal de Pontevedra

Con este convenio un traballador ou traballadora eventual vai cobrar de media 92€ menos cada mes”

CCOO E UXT veñen de asinar o convenio provincial do metal coa patronal do sector. O acordo xerou un nivel de malestar moi elevado no outro sindicato con representación na mesa de negociacións, a CIG , que acusa aos sindicatos asinantes de pasar unha liña vermella como é ceder na pretensión patronal de abonar o plus de eventualidade ao remate do contrato, e non de maneira mensual como se viña facendo ata agora. A central sindical nacionalista convocou unha folga parcial para o pasado día 12 de maio e nós falamos co seu SC de industria para que nos explicase a súa visión sobre o convenio, os motivos da folga e a valoración do seu resultado

XULIO FERNÁNDEZ, SECRETARIO COMARCAL DA CIG INDUSTRIA.

Valórame o contido do recente convenio Provincial do Metal de Pontevedra.

A nosa valoración é de frustración. Tiñamos unha folga convocada por non pasar unha liña vermella que decidiramos os tres sindicatos. Esta era seguir pagando mes a mes o plus de eventualidade. A partir de agora vaise cobrar todo xunto ao finalizar o contrato.

Porque dis que o tiñades todos os sindicatos definido como unha liña vermella?
Así está reflectido nas actas das reunións das negociación e así era o acordo. Falo de memoria pero fixemos unhas doce reunións.

Fixerámolo así porque a patronal aproveitaba para non pagalo. E ao rematar o contrato dicíalles aos traballadores que se querían renovar tiñan que prescindir do plus.

Tes constancia de que iso era así?

Si, iso era así. Sometían a ese tipo de chantaxes aos traballadores. E ademais, ao pasar o plus ao finalizar o contrato non cotiza nin para as baixas nin para o paro.

Explícame como foi o proceso de sinatura do convenio.

Tiñamos programada unha folga para o sector do Metal para o día 22 de abril. O luns 19 teño unha reunión con CCOO e UXT ás dúas da tarde onde acordamos xa deixar convocada a seguinte folga para os días 4 e 6 de maio xa que a patronal non se puña en contacto con nós para negociar nada. Ao remate desta reunión recibimos un mail da patronal convocándonos para o día seguinte, martes, para sentarnos a negociar. Aceptamos esta negociación e unha hora antes de entrar á mesa negociadora comezamos a recibir mensaxes de wasp internos que envían CCOO e UXT aos seus delegados sindicais de que hai un preacordo coa patronal grazas a eles. Cando nós entramos na reunión, mándolle unha mensaxe aos secretarios de industria de CCOO e UXT para preguntarlle que está pasando e me contesta CCOO que tiñamos que falar.

Cando a patronal comeza a desagregar a proposta de convenio que nos fan, ofrécennos un receso para que o pensemos e levántanse da mesa para deixarnos debater. Aquí CCOO comeza a vender as virtudes deste convenio. Nós alporizámonos co que estamos a escoitar e afloran as discrepancias. Neste intre xa nos damos de conta de que está todo vendido.

Estabas ti só como representante da CIG?

Non, estabamos catro compañeiros da CIG, tres de CCOO e dous da UXT.

Nestes momentos de tensión onde os enfadades , cal é a reacción de UXT de CCOO?

Baixan a cabeza e seguen dicindo que o acordo é positivo. UXT queda descolocada porque non se esperaba a torpeza de CCOO de filtrar o preocordo.

Dixémoslles que non nos fixeran perder máis o tempo, que sabiamos que ían asinar o acordo, que negociaron coa patronal pola porta de atrás e que íamos facer o que nos tocaba para defender un convenio no que os traballadores e traballadoras non perdan dereitos conseguidos con moito esforzo.

A min chegoume unha desas mensaxes internas de CCOO onde falaban de que tiñan un acordo con UXT para solucionar o asunto e rematan tirándovos un ataque a vós dicindo: ”A CIG fai o circo mediático de sempre”. Que tes que dicir a isto?

Isto é un “latiguillo” constante de CCOO e UXT cando fan a vendida de sempre.

Para un traballador ou traballadora do Metal que poida ler esta entrevista, en que cres que lle pode afectar a súa vida cotiá este convenio?

Entendemos que a subida é insuficiente, pero o salario non o pomos tanto en valor como as oportunidades perdidas nestas negociacións. Un traballador ou traballadora eventual vai cobrar de media uns 92€ menos ao mes.. A outra idea que ten a patronal en mente, e así nolo comunica, é o tema das ETT. Hoxe perdemos e renunciamos a unha parte importantísima, que nos custou moito pelexar, e para o 2023 a patronal está nunha situación de moita firmeza para negociar o das ETT.

Cal é a pulsión maioritaria que percibides no corpo de traballadores e traballadoras sobre a sinatura deste convenio?

Frustración. Ao corpo dos compañeiros e compañeiras transmíteselle unha mensaxe de que todos os sindicatos somos iguais algo que é obxectivamente falso.

E vós fixestes folga o pasado día 12?

Si, como che dixen ese convenio vulnera dereitos históricos. E o sindicalismo de clase ten que dar unha resposta. Refírome ao sindicalismo de clase real, non ao que así se auto denomina pero logo non o amosa con feitos

Como valoras o resultado da folga?

Un éxito. Foi un exemplo notable da unidade e da fortaleza do sector

Malia que esta entrevista é para falar da folga e do convenio non quero deixar pasar a oportunidade de preguntarche por Barreras. A decisión que tomou a compañía de trasladar o barco, que están construínd,o para rematalo en Santander non é un síntoma perigosísimo e un indicio máis que notorio de que Barreras pode estar en perigo de morte?.

O sector naval está totalmente vendido polas administracións públicas. Non hai ningunha visión industrial para o sector naval na Comarca de Vigo.

Pensas Xulio que corramos o risco de que as seguintes xeracións dos nosos fillos e fillas poidan crecer en Vigo sen o sector naval?

Pode darse o caso si. O risco témolo aí, e cada ve ten máis probabilidades de facerse realidade.