A Deputación aposta por entrar na rede Eurovelo e poñer a provincia no mapa europeo do cicloturismo

Eurovelo Deputación de pontevedra A Nova Peneira

O deputado Uxío Benítez anunciou que Pontevedra presentará candidatura para ter un itinerario ciclable homologado de 303 quilómetros por 26 concellos entre Tui e Catoira

O percorrido deberá ser aprobado pola Federación Europea de Ciclismo a primeiros de 2020 e unirá a ruta EuroVelo de Portugal coa ruta EuroVelo do Camiño de Santiago na Costa da Morte

Pontevedra, 18 de decembro de 2019

Poñer a provincia de Pontevedra no mapa europeo do cicloturismo e ofertar a calquera que lle guste percorrer un territorio en bicicleta unha ruta de calidade e segura homologada. Ese é o obxectivo da Deputación de Pontevedra, que hoxe presentou a candidatura da provincia para entrar no EuroVelo, unha rede de 16 rutas de longa distancia que conectan todo o continente europeo con itinerarios ciclables tanto de uso turístico como para a vida cotiá avalados pola Federación Europea de Ciclismo.

No día de hoxe realizouse unha reunión cos concellos beneficiados e colectivos ciclistas da provincia de Pontevedra na que estiveron presentes o deputado de Mobilidade Uxío Benítez –impulsor da iniciativa-, a presidenta Carmela Silva, a responsable de Turismo da Xunta Nava Castro, así como responsables da Coordinadora Estatal EuroVelo, da Federación Portuguesa de Ciclismo, e tamén representantes de axencias de cicloturismo internacionais.

O deputado Uxío Benítez explicou que a candidatura pontevedresa ao EuroVelo xurdiu hai tres anos na Mesa pola Mobilidade Ciclista, cando os colectivos ciclistas pediron ao departamento de Mobilidade da Deputación que tomara a iniciativa. Fíxose entón unha reunión con Turismo da Xunta de Galicia na que se chegou a un acordo para que a institución provincial elaborase un proxecto e definise por onde debía pasar. Ademais, tamén se instou á Deputación da Coruña para que se sumase á iniciativa e continuase o percorrido dende Catoira ata Fisterra, xa que a Xunta xa estaba a traballar coa extensión da R3 ligando as dúas rutas.

O obxectivo da candidatura, segundo explicou, é que a provincia de Pontevedra forme parte das rutas do EuroVelo cunha extensión da Ruta 1 coñecida como ‘Atlantic Coast’. Creouse, así, un percorrido duns 303 quilómetros e beneficiando a 26 concellos –sobre todo costeiros-, entre Tui e Catoira: Tui, Tomiño, O Rosal, A Guarda, Oia, Baiona, Nigrán, Vigo, Redondela, Soutomaior, Pontevedra, Vilaboa, Moaña, Cangas, Bueu, Marín, Pontevedra, Poio, Sanxenxo, Meaño, Cambados, Ribadumia, O Grove, Illa, Vilanova de Arousa, Vilagarcía de Arousa e Catoira. Desta forma continúase a actual ruta EuroVelo de Portugal que a día de hoxe remata en Caminha, para enlazar coa Ruta 3 (R3), do Camiño de Santiago, na Costa da Morte.

O deputado nacionalista amosouse confiado en que a Federación Europea de Ciclismo (ECF) dará o seu visto bo á candidatura no próximo trimestre de 2020. Subliñou a importancia e repercusións que terán os roteiros de cicloturismo en canto a rendemento económico a medio e longo prazo para os territorios polo que pasan, lembrando que o cicloturismo move moitísimos visitantes cun perfil económico medio-alto: “É unha oportunidade para a provincia”, insistiu, sinalando tamén que o fomento e utilización da bicicleta e a redución do uso do vehículo privado “é unha opción pola que agora estamos todos”.

Unha vez a ECF aprobe a candidatura haberá que definir máis polo concreto tanto o itinerario como as melloras a realizar, posto que nalgúns casos xa están identificadas as problemáticas e as alternativas na traza preliminar. Posteriormente será precisa unha importante coordinación entre administración para determinar actuacións e melloras.

“A costa que nos temos debe ser a mellor de Europa e é incrible que aquí na provincia aínda non exista a ruta EuroVelo, no que é un dos puntos máis oeste de Europa e unha costa de referencia con características de sinuosidade espectaculares. Temos un valor enorme para que se acepte a candidatura”, afirmou Benítez.

Carmela Silva: “A sustentabilidade ten que estar no centro das políticas”

Na reunión, pola súa banda, a presidenta Carmela Silva amosouse ilusionada polo proxecto, xa que tal e como recalcou, “a sustentabilidade ten que estar no centro de todas as políticas e este proxecto cumpre á perfección cos nosos obxectivos neste eido, pois en cuestións de mobilidade temos claro que todas as decisións teñen que estar inxeridas no cambio de modelo cara unha transición ecolóxica”.

Sobre EuroVelo Carmela Silva apuntou que “queremos formar parte desta rede europea porque nos vai dotar de máis visibilidade e porque sen dúbida vai perfectamente ligado ao turismo sostible que queremos para a nosa provincia”. Amais, sinalou que “as bicicletas teñen que ter cada vez máis espazos, é unha demanda social que asumimos como propia porque realmente creemos nunha mobilidade na que as e os peóns e as bicicletas teñan un papel prioritario”.

A directora de Turismo Nava Castro, sinalou, así mesmo, que a candidatura conxunta da Xunta coas deputacións de Pontevedra e A Coruña dará lugar a un “percorrido interesantísimo que é o que solicitan os amantes do cicloturismo”. Instou a aproveitar a oportunidade que se lle presenta a Galiza e indicou que o EuroVelo é tamén unha vía pola que se poderá atraer a máis peregrinos, lembrando que a ECF ten calculado que cada ano se realizan 2.300 millóns de viaxes en bici cun impacto económico de 44.000 millóns de euros.

A natureza, primeira motivación de visita a Galiza

Pola súa banda, Guti Martín, autor técnico da candidatura da provincia ao EuroVelo, sinalou que o turismo deportivo é a terceira motivación pola que a xente visita España, e que o turismo de natureza vencellado ao turismo deportivo é a primeira razón pola que se visita Galiza.

A partir de aí, indicou que EuroVelo significa ofrecer unha nova proposta ás persoas que lle gusta descubrir un territorio en bicicleta, tanto para persoas que utilizan a bicicleta como medio de transporte etapa a etapa, para aquelas que van a un campo base e logo se desprazan na contorna coa bici, ou incluso para a poboación local que fai unha excursión.

“EuroVelo é a oportunidade de que as persoas amantes da bici teñan a oportunidade de descubrir a costa da provincia de Pontevedra por un percorrido o máis preparado para eles tanto en termos de seguridade e de ciclabilidade, así como de experiencias, coñecendo todo o patrimonio que ten a costa”, explicou.

A candidatura, segundo o seu punto de vista, “é un proxecto moi ambicioso, xa que Galiza pasará ser a segunda comunidade autónoma en España ademais de Andalucía que comunique dúas rutas EuroVelo e estamos a falar de conseguir 800 quilómetros de roteiros de cicloturismo para ofrecernos ao mercado do cicloturismo e que nos vexan como un destino atractivo dando pedais”.

Estudos sobre o EuroVelo do 2018 falan de que o cicloturismo ten un mercado senior (40-75 anos), onde o 64% son homes e o 36% mulleres, cun nivel medio alto de estudos e socioeconómico que buscan aloxamentos de primeira calidade e queren probar a gastronomía. “Estamos a falar de que incluso o cicloturismo está a gastar incluso máis diñeiro por día que o turista estándar que vai en coche. E estámonos a adaptar a ese mercado tendo en conta que é unha rede transnacional pero que é tamén unha rede local. A calquera que lle guste coñecer un territorio na bici é a quen nos diriximos”, finalizou Martín.