Forcarei foi un dos concellos nos que o PP se aproveitou do cambio legal que agora permite utilizar o voto de tránsfugas para poder executar mocións de censura, e co voto dun tránsfuga do PSOE, que neste momento forma parte do goberno do PP, desenvolveu unha moción de censura que permitiu substituír á alcaldesa socialista Verónica Pichel pola popular Belén Cachafeiro.
Forcarei xa leva moito tempo polarizado e tremendamente crispado. Parece que se non es identificado con claridade por parte dun dos dous partidos maioritarios como simpatizante, es un inimigo. E fronte a esa perigosa polarización que chega a enfrontar veciños, Roberto candidato do BNG, reivindica a seriedade e o rigor desta forza política e aposta por un proxecto integrador ao servizo da veciñanza.
O BNG de Forcarei non se pon ningún tipo de límite e convida á veciñanza a que dirixan a súa mirada a esta forza política firmemente chantada na realidade social do pobo galego.
Roberto Jorge Correa, voceiro do BNG de Forcarei.
“Forcarei xa está cansado da polarización entre o PP e o PSOE e precisa a seriedade e o rigor do BNG”
Entramos no último ano do actual mandato. Un mandado que se pode cualificar de calquera maneira menos de aburrido?
Si, foi un mandato moi movido e ateigado se sorpresas.
Eu destacaría dous feitos politicamente relevantes dos que quero coñecer a túa opinión: O voso abandono do goberno?
O noso abandono do goberno non foi motivado por ningún motivo concreto. Produciuse por mor dunha serie de feitos, ao longo de mandato e medio no que apoiamos á alcaldesa Verónica Pichel, que fixeron imposible que puidésemos seguir traballando xuntos. Basicamente o PSOE incumpriu absolutamente todos os acordos de goberno que pactara con nós. Non cumpriu nin a primeira coma do pacto de goberno. Non houbo nin cesión de competencias, nin asignación de áreas nin orzamentos. Considero que o BNG tivo paciencia de abondo e aguantou bastante máis do que debera antes de saírmos do goberno.
Cres que nin había vontade real de colaboración?
Non, non a había. Estiveron tomándonos o pelo. E para nós ter palabra na política e na vida é esencial.
A responsabilidade é de Verónica Pichel?
Ben, eu creo que a xestión do grupo municipal socialista foi nefasta en liñas xerais. Eu creo que quen debe asumir responsabilidades é Paula Fernández, a coordinadora provincial socialista e alcaldesa de Silleda, porque ese modus operandi repítese no funcionamento de distintos grupos municipais socialistas na contorna.
A segunda cuestión pola que che quero preguntar é obviamente a moción de censura?
Deuse polos problemas internos do PSOE. Eles mesmos xestionaron fatal o seu grupo ofrecéndolle o número dous a unha persoa, para nada máis gañar a alcaldía pasalo a número tres.
Esa persoa foi a que exerceu transfuguismo político e votou a favor fo cambio de goberno na moción de censura?
Si, Rafael Fiestras. Quero deixar claro que o BNG votou en contra da moción de censura, e se esta prosperou foi unicamente polo cambio do sentido do voto dunha persoa que se presentou na lista do PSOE e que agora está no goberno do PP.
Pero Rafael foi expulsado do grupo municipal do PSOE, non é que o abandonara el, verdade?
Si, foi expulsado nada máis comezar o mandato despois de que votara en contra das propostas socialistas no pleno de organización. Pero hai un dato que penso debemos ter en conta, e é que naquel momento a lei non permitía contar co voto de tránsfugas para promover mocións de censura. Logo a lei mudou e agora si se pode facer.
Aínda que a lei naquel momento lles favorecera eu non comparto en absoluto que, nunha situación tan xusta(6-5), se vaia a unha situación de conflito que deixa ao goberno nunha situación de minoría.
Como valoras os anos de mandato coa alcaldía de Verónica Pichel, e como está sendo para o BNG a alcaldía de Belén Cachafeiro?
Os anos de Verónica Pichel foron decepcionantes, non se lle pode por outro cualificativo. A nós non nos deixou facer nada e tratounos como se foramos o adversario en lugar de como a un aliado.
No que respecta á actual alcaldesa a valoración é moi negativa. Trátase do mesmo PP de toda vida. É un goberno escuro, sen alegría e carente dun modelo político que poida abordar cunhas mínimas garantías de éxito os graves problemas estruturais que padece Forcarei.
Explícanos a moción sobre a hostalaría que levastes a pleno?
Trátase dunha moción que intenta dinamizar o consumo na hostalaría local e a socialización e a vida da veciñanza e das persoas que nos visiten, levando actuacións musicais aos locais e ás súas contornas.
Noutros países como Irlanda ou Escocia é algo que se fai de maneira permanente e estou seguro de que en Forcarei funcionaría realmente ben. Todo o mundo gañaría: A hostalaría, a veciñanza e tamén a grande cantidade de músicos locais que fan música de enorme calidade.
Tamén pedides que se dinamice a festa do gaiteiro de Soutelo?
Si, porque esa é unha festa importantísima do noso pobo que cremos que se está descoidando dunha forma alarmante.
Nas redes sociais vexo comentarios, ao respecto da política en Forcarei, moi sorprendentes, pois revelan unha crispación moi preocupante. Hai tensión no clima político de Forcarei?
Si, por desgraza si. Hai unha crispación moi elevada causada polo PSOE e polo PP que non ten ningún sentido, e que é moi perigosa pois enfronta aos veciños.
Cal é a opinión do BNG sobre o proxecto de reforma da rúa Dúas Igrexas?
É unha mostra da tendencia que ten a actual alcaldesa de sinalar ás persoas que non identifica como súas.
Pero non entendo: Hai casas non beneficiadas pola reforma desa rúa porque se considera que alí viven persoas que non son do PP?
Eu creo que é obvio. Xa o tiñamos visto noutras obras no pasado.
Sobre as vivendas que se van facer nas antigas casas dos mestres de Forcarei que nos dis?
Digo que me parece incomprensible que as vivendas de Soutelo quedasen fóra e que só se actúe nas de Forcarei.
Por outra parte eu creo que se deberan construír outro tipo de vivendas en solo libre. Esas vivendas nas que se vai actuar son moi difíciles de reformar. Teñen unha escaleira interior e para as persoas maiores non me parecen moi apropiadas.
Vas ser o candidato do BNG nas municipais do 27?
Si, estou con moitas gañas e ilusión. Temos a percepción de que o noso traballo está chegando de maneira moi positiva á maioría social do noso pobo, e confiamos en que no 27 poidamos dar un salto moi importante en votos e en actas. Forcarei xa está cansado da polarización entre o PP e o PSOE e precisa a seriedade e o rigor do BNG.
Un salto ata o punto de acadar a alcaldía?
Non nos poñemos ningún tipo de límite. Cremos que podemos, sendo realistas, triplicar o número de concelleiros. Logo xa veremos como queda a corporación.

Dirección A Nova Peneira




