Nas pasadas eleccións municipais apareceu moi pouco antes dos comicios unha nova forza de modo un tanto sorprendente. Eles son Iniciativa polo rural e , de forma moi meritoria, acadaron representación no concello. Pero, de novo de maneira sorprendente, a súa cabeza de lista, Andrea Cordeiro, dimitiu antes de coller a acta que pasou a mans da persoa que ía de número dous na lista. El é Pepe Ogando un veciño da parroquia de Antas: lúcido, amable e cordial co que foi un pracer conversar.
“ A Lama é o 3º concello máis pobre de Galicia e parece que está loitando por ser o 1º ”
De onde es ti natural Pepe?
Eu son natural de Antas , malia que como tantas e tantos galegos son fillo da emigración. O meu pai e a miña nai, ambos de Antas, emigraron a Brasil, pois aquí non era posible que puideran gañar a vida e alí nacín eu. Volvín a Antas cando tiña 12 anos. Os meus pais sempre nos transmitiron o sentimento e o vínculo a Antas. Eles sempre tiveron moi claro que a estadía no Brasil era só temporal.
Unha vez que volviches que estudaches?
Estudei enxeñería industrial
E a que te dedicas profesionalmente?
Teño unha empresa de mobles de cociña.
Cando se iniciou a túa vinculación coa política?
Un mes antes das eleccións municipais de maio.
Como se tomou a decisión de montar IPR?
Foi algo totalmente espontáneo. No mes de abril houbo unha manifestación en Santiago para expresar a posición veciñal contraria ao parque eólico de Monte Peóns. Cando volviamos no autobús comezamos a conversar e houbo como unha coincidencia xeral en que estabamos sós, en que se queriamos defender os nosos intereses teriamos que ser nós mesmos os que os defenderamos porque ninguén o ía facer por nós.
Entón decidistes lanzarvos á piscina?
Pois si, decidimos facer unha agrupación de electores. Como sabes para podelo facer é preciso presentar o 1% de sinaturas do censo electoral. Nós conseguímolas nun día, no último día.
A vosa aparición foi totalmente inesperada. Naquel momento UCIN, a lista de Carlos Rivero, xerara unha expectativa de cambio razoablemente sólida e chegou a circular a teoría de que IPR era unha marca branca do PP creada para dividir o voto da oposición e facilitar un novo triunfo popular. Hai algo de verdade niso?
Nada en absoluto. É máis, dígoche con rotundidade que é radicalmente falso. Resulta asombroso que se nos acuse diso cando naquel momento sufrimos insultos e difamacións na parroquia de Antas como que queriamos dividir a parroquia.
Cal foi o obxectivo fundacional de IXR , só pelexar contra o parque eólico?
Non. Nós nacemos a partir de aí, pero fixémolo para chegar ás maiorías sociais do noso pobo e defender un modelo de xestión diferente. A Lama esmorece aos poucos, o actual goberno carece dun modelo de vila e non ten un plan para reverter a situación tan mala na que estamos. Cando comezas a espallar as túas preocupacións ves que é unha inquietude compartida e que IPR ten todo o sentido do mundo.
IPR nace con vocación de continuidade?
Si, sen dúbida. Agora mesmo estamos nunha fase expansiva para tratar de chegar a todos os currunchos do noso concello.
Cal é a orientación ideolóxica de IPR?
Somos unha forza transversal. Temos persoas que nunhas eleccións galegas poden votar desde ao PP ata ao BNG. O que nos une é o amor á Lama e a convicción de que o concello precisa un cambio político.
Ben, presentádevos a toda presa e sacastes unha acta, algo que ten moito mérito. O asento correspondíalle á vosa número un, Andrea Cordeiro, unha rapaza moi solvente que de maneira sorprendente non chega a tomar posesión do cargo e dimite. Por que?
Ben, a súa decisión foi estritamente persoal. E non vou entrar a valorar temas persoais. Só quero dicir que concordo contigo en que é unha persoa moi solvente e ademais engado que apreciada, querida e respectada na Lama. O que podo dicir é que se creo unha situación de certa incomodidade que non era grata para ela e finalmente decidiu dimitir. Andrea Cordeiro ten todo o noso aprecio e todo o noso respecto. Tamén quero dicir e isto é unha opinión estritamente persoal que Andrea ten todas as condicións para ser unha excelente alcaldesa e que no futuro acabará sendo alcaldesa.
Con que ánimos asumiches ti a acta de concelleiro?
Con todos os ánimos do mundo e con toda a ilusión de facer unha oposición construtiva , de propostas pero firme e decidida reclamando un novo modelo de goberno na Lama.
É tan necesario un cambio na Lama?
É imprescindible. A Lama é o concello máis pobre da provincia de Pontevedra e o 3º máis pobre de Galicia e parece que loita por ser tamén o 1º.
O resultado electoral na Lama pode chamar a engano. PP 7- Oposición 4 parece que indica unha vitoria abafadora do goberno, pero non é así. A diferencia entre os votos do PP e os da oposición son só 143. O PP está sobre representado pola división da oposición e polo sistema electoral español que sempre lle dá un plus ao partido máis votado. Non é que haxa unha situación de empate técnico entre os partidarios do goberno e os partidarios do cambio pero está moi cerca. Desde IPR ides traballar para que nos próximos comicios a oposición non estea tan divida e haxa opcións máis serias de cambio político?.
É moi pronto para contestar a iso. O que si pode ter absolutamente claro a sociedade da Lama é que desde IPR imos traballar arreo para mellorar as condicións de vida do noso pobo , e isto implica a necesidade imperiosa de que haxa un cambio político. Este goberno vai por un camiño diferente ao do interese xeral da poboación da Lama.
Que relacións tedes con UCIN, PSOE e BNG?
Moi boas.
Liches e entrevista a Carlos Rivero na última Peneira?
Si.
El opina que quen segue mandando na Lama é Jorge Canda. E ti?
Eu opino o mesmo.
El falaba de que existía falta de transparencia no goberno e que cando querían acceder a algún expediente tiñan moitas dificultades. Cal é a túa opinión a este respecto?
A mesma. De feito presentamos ante o valedor do pobo varias queixas pola falta de información do noso goberno.
Que faría IXR se tivera ocasión de gobernar?
Desenvolver un plan que contemple un modelo de pobo que aproveite as nosas potencialidades. Somos un concello rural temos unhas potencias inmensas e non podemos estar no podio dos máis pobres de Galicia. Isto , que é unha desgraza, só se pode explicar por unha moi deficiente xestión .Fomentar a cooperación do tecido asociativo de todas as comunidades do noso concello e outro dos nosos obxectivos máis importantes.
O votante progresista da Lama pode seguir mantendo a esperanza de cambio?
Si, radicalmente si. Esta situación non vai durar para sempre.