
“ Hai persoas que loitan un día e son boas.
Hai outras que loitan un ano e son mellores.
Hai quen loita moitos anos e son moi boas. Pero hainas que loitan toda a vida , esas son as imprescindibles”
Bertolt Brecht
Non, esta reportaxe non pretende facer apoloxía do valor individual nin da forza de vontade como os motores que poden impulsar a mellora das condicións de vida cando unha persoa tivo a mala fortuna de nacer e pasar a súa infancia nun contexto complicado. De feito estou radicalmente en contra desa forma de entender a realidade que basea o éxito na vida na pura actitude persoal , como se vivir fose unha pugna que fixese imprescindible competir para poder acceder a unhas condicións vitais minimamente dignas. Só resulta eticamente aceptable para min, unha sociedade artellada arredor da colaboración e da xustiza social, na que todos os individuos teñamos claro que todos temos que axudarnos a todos, porque nin unha soa persoa pode non ter unha vida digna .O contrario é un fracaso colectivo moralmente inaceptable.
Si, esta reportaxe pretende dar a coñecer a figura de Victoria González. Ela, que naceu e pasou a súa infancia nun contexto moi difícil, posúe non sei se de maneira innata ou se aprendida a base das feridas vitais persoais, cualidades que lle van permitir chegar sempre a onde queira chegar. Ela é, como cantaba Bertolt Brecht, das que loitan toda a vida, das imprescindibles. Victoria é unha persoa lúcida, ten unha enorme capacidade de traballo, moi boa conversadora, sensible e xenerosa. Ela é unha vella amiga da nosa casa que, moi nova como é, posúe dous negocios en Ponte Caldelas, a tapería Victoria e o Pub La Parada, e está en trámites de abrir un terceiro, a antiga discoteca Reivi. Había bastante tempo que tiña gañas de sentarme con ela e coñecela un pouco mellor. E a nosa conversa non me defraudou .Todo o contrario, foi un momento moi agradable deses que ás veces che agasalla a vida. Velaí vai o que deu de si.
Victoria González , Hostaleira
“Detrás dunha barra unha muller sofre actitudes que non sofren os homes”
Ti tes dous negocios en funcionamento e un terceiro en tramites de reapertura verdade Victoria?
Si, eu teño o pub La Parada, que foi o meu primeiro local en Ponte Caldelas, e a tapería Victoria. Hai un par de anos collín a histórica discoteca Reivi e quero reabrila por suposto conforme a todas as medidas de seguridade que esixe a lei. Este é un local moi antigo e tiña moitas necesidades e problemas pendentes de resolver. Aínda non logrei resolvelos de todo pero eu son unha persoa moi loitadora, das que nunca se renden, e seguirei ata que todo estea en perfecto estado para poder ofrecer este servizo á mocidade de Ponte Caldelas e de toda a comarca.
Naciches aquí?
Non, eu son de Vide nas Neves .Alí estiven moi pouco tempo, só catro anos, logo fomos vivir a Salvaterra ata que aos 19 anos collín a maleta e lanceime eu soa aos camiños da vida.
Sendo tan nova tivo que ser unha decisión de enorme dificultade. Imaxino que os motivos pertencerán ao campo estrito da túa intimidade e desde logo que non me quero meter alí, pero si teño curiosidade por saber baixo que parámetros unha moza tan nova decide botarse a peito descuberto, ela soa, á vida sen a axuda nin a protección familiar?
Tiven unha vida moi difícil si. Os primeiros anos foron realmente duros. Non vou entrar en detalles porque non ven ao caso, pero si quixera recordar con cariño ás miñas amigas que naquel momento me axudaron a poder coller un piso en Vigo e a poder vivir, literalmente así :a poder vivir, ata que comecei a traballar e puiden pagar eu os meus gastos.
Tiveches a oportunidade de estudar algo?
Si, soldadura e caldeirería. Era a única muller entre 22 homes.
E puideches traballar nese sector?
Non. Era a miña intención pero non puiden e o primeiro que encontrei porque o necesitaba foi un traballo de camareira. Estiven en varios locais de Vigo ata que a casualidade fixo que me coñeceran os antigos propietarios de La Parada. Eles ofrecéronme vir traballar aquí
Coñecías Ponte Caldelas?
Non, nunca estivera. De feito confeso que as primeiras veces que vin me perdín.
De que ano estamos falando?
Do 2015. Comecei a traballar alí e realmente estaba eu soa entón falei con eles e compreino. Comecei de empregada en xuño, e en agosto xa era a propietaria.
Mi maaa Victoria vaia ovarios lle botaches
A vida obrigoume a ser moi valente Tino, asegúroche que non me quedou máis remedio.
Levas 8 anos con actividade ininterrompida na Parada ?
Si. Agora mesmo só abro os venres á noite. Ata a pandemia abría todos os día, pero realmente o día forte de facturación era a noite dos venres, polo tanto decidín facelo así e adecuar o horario á demanda.
Que horario e que servizo tes?
Abrimos os venres de 12 da noite ás 5 da mañá. Somos un PUB convencional con cubatas, cervexas e refrescos. Temos un produto de calidade e penso que os prezos son bos.
En todos estes anos no mundo da hostalaría notaches actitudes machistas?
Si, desde logo que si. Unha muller detrás dunha barra sofre actitudes que non sofre un home.
E como te defendes do machismo e o baboseo?
Marcando as distancias de maneira nidia. Deixando absolutamente claro ata onde se pode chegar, e dende onde non permito que ninguén pase.
Ben, falemos agora da tapería. Como chegaches a adquirir ese negocio?
A miña ilusión sempre foi ter un local de comidas xa de nena tiña esa idea. De feito cando só tiña o Pub tamén traballei nunha tapería de Fornelos de Montes. Logrei aforrar algo de cartos porque xa che digo que tiña a esperanza de coller un local de comidas e as ilusións están moi ben e son moi bonitas pero xeralmente custan cartos e hai que pagalas. Este local quedou libre no 2018 , coincidiume ben e collino.
Cales son as características da tapería Victoria?
Fundamentalmente pretendo que sexa unha bocatería , hamburguesería solvente, sólida cun produto de calidade e a un prezo razoable. Tamén temos menú, pizzas e outros pratos na carta pero o esencial son os bocatas e as hambuguesas.
Que valoración fas destes anos?
Unha valoración moi positiva. Sempre se pode ir mellor claro pero en xeral traballamos moito e eu quixera agradecer desde o máis profundo de min a todos os meus clientes e clientas a súa confianza e compañía. Sen eles isto non sería posible.
Cantas persoas traballades en “ Victoria”?
Cinco en total, contando comigo. No Parada teño outras dúas camareiras para os venres.
Caramba, non debe de ser fácil xestionar iso?
Pois houbo momentos que cheguei a ter 14 persoas empregadas. E iso que son unha persoa nerviosa, e ás veces as persoas do meu entorno dinme que me meto en demasiadas cousas .Pero eu son así, necesito ter metas .As ilusións son os motores da miña vida.
Es capaz de imaxinar a túa vida lonxe da hostalaría?
Son absolutamente incapaz. O camiño da miña vida creo que nunca se vai separar deste sector: que é duro claro que si, que ten cousas malas claro que si, pero que mo deu todo e do que nunca me quero separar.
A tapería Victoria é o negocio da túa vida?
Creo que si.
Dúas preguntas sobre Ponte Caldelas e acabamos Victoria:
Que relación emocional tes con Ponte Caldelas?
Eu son das Neves, nacín alí e é o que digo cando alguén mo pregunta porque é a verdade. Pero os meus vínculos afectivos con Ponte Caldelas son enormes e eu quero moito a este pobo . Vivo aquí, non considero irme a outro sitio e quero quedarme aquí para sempre.
Que valoración fas do traballo do alcalde Andrés Díaz?
Ben, el fai o seu traballo o mellor posible, ten feito cousas moi boas polo pobo e indiscutiblemente está moi implicado no benestar colectivo das veciñas e veciños de Ponte Caldelas. Falando en clave estritamente persoal dicirche que me gustaría que a administración municipal comprendera que poder abrir a discoteca sería beneficioso para todos, non só porque crearía postos de traballo, que tamén, senón porque nos daría un plus na mocidade, non só da localidade senón de todos os pobos da comarca, que incidiría en positivo no conxunto de Ponte Caldelas. A sala ten capacidade para acoller alén de ocio nocturno outro tipo de actividades :música, teatro, infantís, cultura nas súas distintas expresións….. Oxalá haxa boa vontade e poidamos superar todos os obstáculos para poder abrir pronto.