O UNIVERSO DA BICICLETA A CARÓN DA NOSA CASA
Na entrada de Redondela, na estrada de Vigo número 14 está Hobbybike, unha tenda de venda e reparación de todo tipo de bicicletas, tanto eléctricas como convencionais que está a piques de cumprir os seus primeiros 10 anos de vida. O seu propietario Pablo, é un apaixonado do ciclismo ,xa desde moi neno, e posúe un coñecemento enciclopédico de todo o que atinxe a este mundo. Nós conversamos con el
PABLO VIDAL
“AÍNDA QUE A AFECCIÓN POLO CICLISMO ESTÁ EN CRECEMENTO, FALTA MOITO PARA CHEGAR AO NIVEL DOS PRINCIPAIS PAÍSES EUROPEOS”
De onde es ti natural?
Eu son da parroquia de Cedeira
Como comezou a túa relación co mundo do ciclismo?
Pois non tiña ningún antecedente na familia, pero xa desde moi neno gustábame moito todo o relacionado co mundo da bicicleta. Xa de crío tiña a teima de montar e desmontar as bicis na miña casa, e era o meu medio de transporte para ir e volver ao pobo
E os teus pais, sendo tan neno, deixábanche ir desde Cedeira ata Redondela en bicicleta?
Ben, aínda que soe a tópico, daquela eran outros tempos e o mundo concibíase de maneira moi diferente á actualidade, creo eu
Entón a relación persoal con este mundo comezáchela de neno, e cando decidiches facer da túa paixón a túa profesión?
Eu traballaba noutro sector, en concreto na automoción, e hai xa case dez anos tiven que cambiar e xurdiume a oportunidade de abrir este negocio
10 anos xa¡¡¡.Como pasa o tempo. E esta foi a túa primeira experiencia profesional relacionada co ciclismo?
Si a primeira, e a intención é que sexa para toda a nosa vida
Algunha vez nestes 10 anos chegaches a arrepentirte de ter montado o negocio?
Nunca xamais. Como en todo na vida houbo momentos bos e outros non tan bos, pero creo que podo dicir que son afortunado pois a miña actividade profesional é facer algo que me resulta enormemente atractivo. Aínda que teño que dicir tamén que é necesario traballar moitísimo.
Cantas persoas traballades en Hobby bike?
Tres persoas. Un empregado a miña muller e eu.
Cal é o principal problema que ten o sector?
Hai demasiada competencia creo eu
A afección polo ciclismo en Redondela é elevada?
Está en crecemento, eu creo que nos últimos vinte anos case se pode dicir que se multiplicou por tres.
En que abano de idades é máis habitual o uso da bicicleta?
En todas as idades, pero se cadra nas idades que se pode encontrar nun número máis elevado é entre os 25 e os 55 anos
Se un pai ou unha nai queren ensinar a un fillo a que idade recomendas comezar coa aprendizaxe?
Canto antes mellor, a partir dos tres anos é perfectamente factible
Cales son os servizos que oferta Hobby Bike?
Somos unha tenda referencia na bicicleta eléctrica, somos tenda taller, reparamos calquera bicicleta e as vendemos tanto eléctricas como convencionais. E por suposto se alguén precisa calquera tipo de accesorio aquí pode encontralo tamén.
Que ten máis aceptación a bicicleta eléctrica ou a convencional?
A convencional aínda funciona máis porque case todo o mundo ten unha na súa casa, pero a eléctrica está en franco crecemento.
E nas convencionais aínda vendedes de paseo?
Si, tamén, aínda que ese mercado non é moi relevante. Supoño que pola orografía, pero nós tamén as vendemos desde logo
Que vida poden ter as bicicletas eléctricas?
Eu aconsello renovalas cada cinco ou seis anos.
Supoño que a eléctrica será máis cara cá convencional?
Si, de momento si, malia que hainas convencionais que tamén teñen un coste elevado
En relación coa seguridade para os usuarios do ciclismo que os tes que dicir?
É mellorable, e eu entendo que sería necesario a construción de máis e mellores vías para a práctica do ciclismo
Entón ti pensas que os carrís bici como que por exemplo se fixo en Vigo son positivos?
Si claro, a min paréceme unha forma de concibir as cidades que é enormemente ventaxosa: foméntase a práctica do deporte, algo que é bo para todos, redúcese a contaminación, humanizas os espazos urbanos…de feito as cidades dos países máis avanzados de Europa, os nórdicos, danlle unha relevancia enorme ao tránsito urbano en bicicleta.
Iso que dis lémbrame unha conversa cun amigo meu que vive en Dinamarca e seica alí todo o mundo desprázase en bicicleta. Chegaremos algunha vez aquí a unha situación semellante?.
Non creo, pero canto máis se avance, mellor, claro.
O uso da bicicleta para o tempo de ocio é factible para todas as economías?
Absolutamente si. Desde moi poucos cartos podes acceder a unha boa bicicleta. Asemade nós temos moi boas condicións de financiamento
Se algún lector ou lectora quere contactar con vós?
Nós temos tenda on line, correo electrónico, wasp e logo está a visita física que será un auténtico pracer para nós atender a quen se achegue por aquí
Comentábasme antes que a túa ilusión era permanencia do teu negocio no tempo, se cadra ata chegar á seguinte xeración?
Iso terano que decidir os meus fillos claro
Rematamos Pablo, supoño que ti nos teus ratos de lecer practicarás o ciclismo?
Ha ha ha ha ha. Eu teño moi pouco tempo, pero no pouco que teño claro que o practico. É máis , permítome recomendarlle aos lectores e lectoras que proben. A bicicleta axuda a sentirse ben, tanto física como emocionalmente