Restaurante A Chabola de Area Longa

Area Longa A chabola Redondela

Máis de medio século ao servizo dos seus clientes e amigos

A carón da praia de Area Longa , nun lugar privilexiado de luz,cor, acougo e beleza, está o restaurante A Chabola. Esta casa de comidas está rexentada na actualidade pola nosa amiga Antía, unha moza que anda ás beiras das 3 décadas de vida, e que leva case desde nena dando o mellor de si mesma para que cada cliente que cruce as portas da chabola se acabe sentindo tratado como se estivese na súa propia casa. A Chabola foi fundada en 1965 por Maximino e Carmen, o bisavó e a bisavoa de Antía. E hoxe despois de toda unha vida , 57 anos, mantén a filosofía de traballo que con tanto esforzo e cariño defendeu Mucha,a avoa de Antía, durante décadas; un produto de calidade extraordinaria , un prezo razoable e facer de cada cliente un amigo. Nós quixemos coñecer a Mucha, unha conversadora magnífica coa que resulta difícil non estar horas e horas falando. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa

Carmen Otero” Mucha”

O restaurante tédelo en Arealonga pero xa en Vigo, xusto no límite con Chapela. Ti de onde te sentes Mucha?

Eu son de Chapela. Nacín en Laredo, alí vivo, e en calquera parte do mundo na que estea falando sobre as miñas orixes sempre digo o que sinto: eu son de Chapela

E unha bereteira coma ti síntese de Redondela ou de Chapela?

De Chapela sen dúbida. A nosa parroquia ten unha identidade moi marcada

Por que lle puxestes A Chabola ao restaurante?

O meu pai tiña barco e isto era onde gardaba os aparellos, e de alí veu que lle puxeramos ese nome

Cando se fundou o restaurante?

Fai 57 anos, en 1965. Todo comezou un pouco por casualidade pois cando se ía celebrar a festa do Carme daquel ano os meus pais tiveron a idea de pór un bar na praia. E foi un éxito enorme

Pero en principio a idea era montar o bar só para a festa non?

Si, era só para esa festa en concreto. Pero tiñamos un amigo que vendía viño e como non tiña moita saída montou neste mesmo sitio un pequeno furancho. E xa desde alí continuamos de seguido co bar ata agora

Quen foron as primeiras persoas que atenderon A Chabola?

A miña nai, o meu pai e máis eu. O meu home traballaba no sector téxtil. Logo cando o meu pai se puxo malo xa collín eu as rendas do negocio. E o meu home acabou por deixar a empresa na que traballaba e veu para aquí a botarnos unha man

Cales eran as principais especialidades do restaurante naquel momento?

Moito peixe: chinchos, xoubas….E tiñamos unha especialidade que tiña un éxito impresionante; o bocadillo de alcriques .Recordo que antigamente había unha fábrica de conservas en Arealonga que cando o seu propietario a vendeu lle compramos 30 caixas

Caramba xa teriades alcriques para todo o ano?

Que vaa ¡¡ duraron pouco máis dun mes

Non me digas que vendestes case unha caixa de latas de alcriques por día?

E tanto que si. É que eran unha auténtica delicatessen. Hoxe xa non se fai a conserva como se facía antes

E do viño quen se encargaba Mucha?

Eu mesma. Sempre tiven moi padal para o viño e xa me encargaba eu de que o que se vendía no local fose de grande calidade. Ía ao Ribeiro a mercalo

Gustábache o teu traballo ?

Encantábame. O que máis me gustaba con diferencia era cociñar

Ben, e no rato que levamos de conversa xa me dá a sensación de que ti es das que che gusta falar. Seguro que falar cos clientes tamén che gustaba moito?

Ai siii, gustábame moito claro que si. Pero non me deixaban

Ha ha ha ha .E logo por que non che deixaban?

Seica me espraiaba moito a falar

ha ha ha ha pero seguro que ti non eras das que quedabas calada?

Abofé que non. En todos estes anos hai moitas anécdotas. Recordo unha vez que uns de Madrid querían cortar as nécoras con coitelo e garfo, outros que lle querían botar limón as nécoras, outro que lle quería botar mostaza ao centolo…Eu, cando vía unha cousa destas sempre saía da cociña a dicirlle aos clientes como tiñan que facer

Ata cando estiveches no negocio?

Ben, eu de cando en vez aínda veño a botarlle unha man á miña neta Antía que é quen o leva agora

Canto tempo leva Antía ao fronte da Chabola?

9 anos, desde o 2013

Caramba que noviña comezou?

Si, case unha nena .Pero ela é unha rapaza moi traballadora e responsable, desde sempre, e unha profesional magnífica

Alén de Antía cantas persoas traballan aquí?

Bótalle unha man Iria, a súa irmá e ten dous camareiros e un cociñeiro

O cociñeiro é do teu gusto Mucha?

Si, totalmente

Ti es máis de cociña tradicional ou innovadora?

A min gústame innovar pero se teño que elixir escollo, sen dúbida, a cociña tradicional

Agora mesmo cales son as especialidades máis importantes da Chabola?

As luras , as empanadas e as croquetas. Todo caseiro, exquisito e de calidade extraordinaria. Por outra parte aconsélloche que veñas por aquí a probar o noso arroz con lumbrigante. Con toda a humildade che digo que non creo que o encontres tan rico en ningún sitio.

Caramba que boa pinta. Conta comigo para probalo un día do verán con seguridade. Marisco seguides vendendo non?

Tómoche a palabra, xa verás como che encanta. Si, seguimos vendendo pero preferiblemente por encarga. Os tempos cambiaron moito e por desgraza a xente xa non pode tomar marisco coa frecuencia que se tomaba antes.

A relación calidade prezo como é?

Para a calidade que ten todo o noso produto nós somos baratos

Creo que tiñades algún famoso que era cliente habitual verdade?

Laxeiro foi un gran cliente noso, viña por aquí con moita frecuencia. Na época na que o celta era un habitual da copa da UEFA os xogadores viñan tamén moito por aquí

Cóntame algunha anécdota de Laxeiro?

Esta mesa na que estamos agora a falar era a súa. Encantáballe comer aquí. Era un home moi simpático podiamos estar horas e horas de leria. Lembro un día que chegou á unha da tarde e marchou pasadas as dúas da mañá. Gustábanlle moito os chistes, especialmente os picantes. Contoume moitas historias, algunhas non as podo contar. El non se levaba nada ben con Camilo José Cela

Tes unha foto con Lina Morgan?

Si, tamén veu por aquí. Unha muller encantadora, tal cal aparecía na TV era na vida real

En tantos anos supoño que terdes clientes de varias xeracións?

Si , e cando ven o avó o pai e logo o fillo é un auténtico orgullo

Acabamos Mucha. O futuro?

Antía é aínda moi nova e quédanlle moitos anos por diante , logo xa se verá. A min gustaríame que o negocio seguise sempre na nosa familia claro