
G.Figueiredo
Neste contexto pandémico, no que a incerteza de non saber se mañá estaremos en disposición de manter a normalidade bate nas nosas almas como se os 60 minutos de cada hora fosen 60 agullas chantadas no corazón, non hai mellor analxésico para a nosa saúde emocional que mergullarnos nas fragas , camiños e corredoiras do paraíso natural que é un dos concellos máis bonitos do mundo, e que está a carón das nosas casas: Fornelos de Montes.
Fornelos de Montes pertence a comarca de Vigo, no centro leste da provincia de Pontevedra, formado por sete parroquias. Estas son as de Calvos, As Estacas, Fornelos de Montes, A Laxe, Oitavén, Traspielas e Ventín das que forman parte vinte e catro núcleos de poboación. Linda ao Norte coa Lama e Ponte Caldelas, ao Oeste con Soutomaior e Pazos de Borbén, ao sur con Mondariz e Covelo e ao Leste con Covelo e o concello ourensán de Avión.
Fornelos é un dos municipios máis chuviosos de Galicia e a auga xoga un papel moi importante nos espazos naturais de Fornelos, pois desde a presa de Eiras sae unha ruta BTT practicamente chaira que segue as canles de auga e chega ata Vigo. Hai rutas para facer sendeirismo moi interesantes, mesmo podemos ver varias pontes medievais e muíños para facer fariña. Combínanse no municipio os carreiros por espesos bosques e por zonas de montaña na Serra do Suído. Outros bosques de interese son a carballeira de Couso ou a Fraga de Couñago. Entre A Laxe e Airoa podemos ver unha bonita zona de fervenzas e pozas que merece a pena visitar, así como a Ponte da Laxe.
De feito, a súa gran riqueza natural está protagonizada pola Serra do Suído ao leste, nela localízanse as maiores cimas, como Couto Minuto (1061 m) e Outeiro Lanuxe (1008 m). Cara ao Oeste as altitudes van diminuíndo, pasando a un territorio caracterizado polos vales fluviais. O encoro de Eiras e os ríos Oitavén, que fai de fronteira con Ponte Caldelas, Parada e Barragán. É posible ver desde a fronteira con Ourense na Serra do Suído as Illas Cíes, aínda estando a 50 Km. de distancia en liña recta. Moitos visitantes son atraídos polos seus montes e recursos naturais, xa que conta cun gran potencial para gozar no seu territorio destes espazos. Esta senda tamén está bañada polos ríos que dela descenden nacidos a mais de mil metros, os do leste entre o Coto Minuto e o Outeiro Vello e os do oeste na Pena Aranda e no Coto do Corno. Dise que das fontes destes montes, nacen cen regatos diferentes que se van xuntar en dous ríos, Parada do Valdohome e Barragán, estes a súa vez alimentan o río principal, o Oitaven, do que se abastece o encoro de Eiras.
Do encoro de Eiras abastécese de auga a cidade de Vigo, e parte da súa comarca. O río Barragán, que desemboca na marxe esquerda do Oitavén, xa dentro do encoro de Eiras, e que separa, ao oeste, Fornelos do concello de Pazos de Borbén. Por último o río Parada, que nace dentro do municipio, na Serra do Suído, e é tamén afluente da marxe esquerda do Oitavén.
No último tramo do río Barragán antes de chegar a Eiras atópase un estreito val cun moi ben conservado bosque de ribeira.
Festa de San Lorenzo, imaxe tomada entre 1.933 e 1936 xentileza de Fernando Áspera
No transcurso de río Oitavén encontrámonos cunha bonita praia fluvial chamada “Praia de Portovilán”, conta cun areal e zona de recreo, tamén teñen unhas mesas de pedra para poder comer. É un sitio moi tranquilo, agradable e de fácil acceso para os que a praia no verán non lles sexa de bo gusto, esta é unha opción onde poder pasar o día e refrescarse nas súas augas frías e cristalinas.
O turismo verde ten unha grande importancia en Fornelos, grazas a variedade de rutas para percorrer que presentan unha riqueza paisaxística de máxica beleza, poboada de carballos centenarios e castiñeiros, pero ademais no percorrido podemos atoparnos con especies tan emblemáticas coma bubelas, becadas, aguias culebreiras, falcóns pelingríns, londras europeas, xabaríns, corzos, raposos, lobos, lagartiña galega, cobra viperina, víbora, etc.
Tamén falar do patrimonio histórico-artístico e etnográfico de Fornelos de Montes é moi interesante, entre os que destacan os xacementos castrexos do Monte da Cividade en San Vicente de Oitaven, os restos de gravados rupestres do Coto do Galo, situado no monte Castelo na parroquia de Calvos, ou os restos arqueolóxicos do Monte Castrove na parroquia da Laxe. Destacarvos:
A “mámoa de Borraxeiros”.
Sitúase no límite das parroquias de Laxe e San Bernabé da Graña do concello de O Covelo, é un túmulo megalítico de período Neolítico.
“Os Petróglifos de Xampardiño”.
Na parroquia de S.Adrián de Calvos, representan diversos gravados rupestres da Idade de Bronce o que indica a presenza humana dende tempos moi pretéritos que indica xa aquí un poboamento anterior á dominación romana. Os petróglifos están ben indicados, é fácil chegar a eles. Dende a igrexa de San Adrián de Calvos vaise ata as últimas casas e despois hai unha pista que se interna no monte, a uns 2 km, e moi arriba hai un momento no que se divisa a ría de Vigo…….entón aparece a rocha cos gravados.
Este petróglifo, orientado cara ao leste, presenta unha combinación circular na parte máis alta da rocha. Xunto a ela podemos ver cazoletas, liñas e cruces. Na parte superior do penedo, na rocha lindeira cara ó N, aparecen tamén diferentes cazoletas desligadas do gravado principal.
“O Monte da Cidade”.
Subindo a Fornelos dende Pazos , antes da ponte que atravesa a presa de Eiras, en fronte do segundo cruce a Calvos, hai unha indicación que sinala un camiño estreito que nos leva directamente. (300 m).
O espazo do Monte da Cidade presenta numerosos elementos patrimoniais datados en distintas épocas. Como resto arqueolóxico máis importante existe un castro da Idade de Ferro. Este castro presenta alteracións provocadas polo seu uso como zona de poboamento estable en distintos períodos históricos. Atópanse restos dun parapeto
(etapa castrexa), así como unha construción de area e pedra que se podía tratar dunha estrutura para o control visual ( época medieval) e na época moderna constrúese un poboado agro-gandeiro que ocupa boa parte do foso, composto por pequenas edificacións de pedra.
O acueduto, datado en 1787, canalizaba as augas e rega para as terras de cultivo dispostas en terrazas sobre o río. A muralla da entrada, desempeñou a función de acueduto, o cal pódese observar ascendendo polo lateral para ver a canalización existente para dirixir a auga.
Na parte alta dereita da porta de entrada, aínda se poden distinguir restos de edificacións circulares Celtas.
Mais sen dúbida a xoia arqueolóxica de Fornelos de Montes é o sarcófago antropoide escavado na rocha, que se atopa en Vilán. Na mesma parroquia, en Chans de Viláns, consérvanse os restos do Castelo-Fortaleza de Alemparte asolada polos irmandiños en 1467.
“Os irmandiños contra o castelo de Alemparte”:
Como dato histórico vouvos contar que na parroquia de Fornelos no lugar de Chans de Vilán, no 1467, este lugar converteuse no centro da revolta social dos campesiños galegos contra os abusos feudais. Os irmandiños atacaron a torre medieval de Alemparte. Non venceron, pero avisaron. Era unha fortaleza difícil.
Quince anos máis tarde foi cercado, por orde do bispo de Tui, polas tropas do correxidor de Baiona que non lograron apoderarse das ruínas polo que tiveron que recorrer a Pedro Madruga quen, finalmente, conseguiu conquistalo. No ano 1893, os poucos restos que quedaban foron desfeitos definitivamente.
“Como vedes un auténtico paraíso natural onde poder perderse e pasar o día, comer e gozar dunha contorna natural inmellorable”.