Elena Rodríguez de Deilán Praia e Ponte Caldelas Praia

Elena Rodríguez Deilán Praia Ponte Caldelas Praia A Nova Peneira

Elena é unha moza de Teis , sensible e cun punto de aventureira, namorada da natureza da nosa contorna e que desde moi nova sempre tivo ilusión por crear un proxecto empresarial que lle permitira pór en valor os marabillosos espazos que posúe o país galego. Os camiños da súa vida levárona a vivir en Amoedo e a explotar a concesión de dous negocios en dous lugares de auténtico paraíso, a praia fluvial da Calzada en Pontecaldelas, e a praia de Deilán en Santa Cristina de Cobres, no concello de Vilaboa. Nós conversamos con ela

PARA MIN É UNHA HONRA CONTRIBUÍR A PÓR EN VALOR OS MARABILLOSOS ESPAZOS DA NOSA CONTORNA”

Ti es viguesa, en concreto do barrio de Teis. Como unha moza viguesa veu parar ao Concello de Pazos?

Pois por amor, ese foi o motivo.

Esa é unha razón moi poderosa

Abofé. Eu coñecín ao meu compañeiro hai 16 anos e xusto cando o coñecín el mercara unha casa en Amoedo, e cando ma ensinou, encantoume. Tivemos que facer moitos arranxos, e xa levamos preto de 10 anos vivindo seguido aquí.

Case todo o rural galego ten dous problemas moi graves que dificultan que unha parella de mozos poidan desenvolver un proxecto vital; non hai servizos e non hai alternativas laborais. Non o debiches de ter fácil, supoño?

Coincido contigo, os servizos en Pazos son practicamente inexistentes. E é unha mágoa porque é un espazo marabilloso que ten unhas potencialidades inmensas. Levo moito tempo na procura de alternativas para desenvolver a miña vida laboral aquí, e costoume moito ata que atopei este camiño. Tentei emprender de varias maneiras, e dediqueime a coñecer todos os concellos da contorna.

E mentres que facías?

Traballei no eido das telecomunicacións que é a miña profesión.

Que tal vai internet aquí?

Ten moi mala calidade, outro importante problema paras as persoas que vivimos no rural.

Entre as distintas opcións que sopesaches, por que a do “chiringuito”?

Aínda que pareza un tanto estraño era unha ilusión que tiña desde hai tempo. A min gústame o trato coa xente, pero despois de diversas experiencias, apetecíame algo que me dera a oportunidade de tratar con xente relaxada e contenta, e o “chiringuito” parecíame a opción perfecta. Comecei a informarme das condicións e as oportunidades que podería haber na contorna.

E chegou Deilán a túa vida?

Pois si, afortunadamente un sitio tan fermoso como Deilán, situado en Santa Cristina de Cobres no concello de Vilaboa cruzouse no meu camiño. Gañei a concesión o ano pasado, téñoa por dous anos máis un prorrogable, e a verdade foi unha experiencia enormemente satisfactoria para min. Quero aproveitar a oportunidade para convidar a todas e todos os lectores que aínda non a coñezan a que se acheguen, é como estar noutra época, podes ver como as fincas de millo chegan ata a mesma praia.

A túa valoración do primeiro ano de Deilán é boa en todos os aspectos?

É marabillosa. Procurei enfocalo desde un prisma de respecto ao espazo de coidado pola natureza e de que todas as persoas que nos distinguisen coa súa compañía se puidesen sentir cómodas.

Que servizos ofertas?

Sobre todo bebidas, pero tamén algunha tapa e bocatas. Se o cliente ten gañas de comer algo, con fame non queda. E tamén procuramos ofertar unha programación musical ampla e variada, fundamentalmente con músicos locais.

Que horario temos?

Abrimos entre semana a partir das 16.00 ata o peche, e as fins de semana e festivos abrimos a partir das 12.00 da mañá.

Ben, e este ano temos unha novidade, Ponte Caldelas?

Pois si, unha novidade moi importante. Coñecín que se ofertaba a concesión do “chiringuito” da praia fluvial da Calzada, un espazo absolutamente fermoso. Presenteime ao concurso, formulei as miñas propostas, e tamén gañei a praza, 4 días antes do confinamento.

Miña nai, vaia papeleta!

Pois si, a verdade quedei abraiada e sen saber que facer.

Poderías ter renunciado?

Si podería telo feito, pero decidín tirar para adiante. O sitio é precioso, ten unhas potencialidades enormes e estou convencida de que imos facer algo moi bonito. Para min é esencial poder contribuír a darlle valor aos marabillosos espazos que temos na nosa contorna.

O horario vai ser igual ca en Vilaboa?

Si, esa é a miña idea.

Os servizos de Ponte Caldelas serán semellantes aos de Vilaboa?

Si, a idea é a mesma, dar un bo servizo, sinxelo pero con calidade e tamén apostando pola música en directo.

Deilán Praia

Ponte Caldelas Praia