A versión máis estendida sobre a procedencia etimolóxica do nome da nosa cidade está en que Vigo procede do latín :”Vicus” que no noso idioma significa aldea. E en efecto, Vigo foi ata hai moi pouco tempo, falando en sentido estritamente histórico, unha aldea. E, aínda que hoxe sexa a cidade máis grande do país , é posible atopar restos daquel pasado cálido, no que todo ía moito máis a modo, en formas moi diversas. Unha delas preséntase en forma de pequenos comercios , dos de toda a vida, cun produto de enorme calidade que contribúen a dinamizar os nosos barrios, a distribuír a riqueza de maneira equitativa e xusta e fan que a vida sexa mellor para todas e as persoas.Todo o contrario do que supoñen as grandes cadeas comercias, que inevitablemente crean precariedade para moitos, e acumulación de riqueza para uns poucos. En pleno corazón da cidade viguesa , nas galerías da rúa Colón número 7 está o local protagonista desta reportaxe: A Bruxa dos Fíos. Eles son un negocio especializado en fíos encerados para artesáns e artesás do coiro. As persoas interesadas en coñecelos poden facelo a través da visita física á súa tenda ou da visita virtual á súa web: abruxadosfios.com. A nosa amiga Marga é a propietaria e nós fomos conversar con ela.
Marga Villar
“Animo aos lectores e lectoras a que coñezan os marabillosos negocios que hai nas nosas galerías”
De onde es Marga?
Son de Chapela pero vivo en Mos.
En Mos tiveches negocio moito tempo verdade?
Si, primeiro comecei na casa reparando calzado, despois dun tempo a xente deixábanme o calzado con notas na casa cando non estaba e decidín abrir o local na Rúa Ludeiro, alí estiven dez anos.
En Mos tiñas un negocio consolidado cunha clientela moi estable. Por que decidiches instalarte en Vigo?
Porque alén da reparación de calzado, teño outra liña de negocio que é a venda de artigos para marroquinería como peles e tinguiduras, e fío para macramé.
Que é a marroquinería?
A marroquinería é unha arte baseada na manipulación e traballo co coiro co obxectivo de fabricar produtos funcionais ou decorativos. Esta arte data desde a época dos romanos, por tanto conta cunha antigüidade de máis de 2.000 anos.
E o macramé?
A técnica do macramé é un traballo realizado a man, totalmente artesanal, e consiste na creación de tecidos a partir da realización de nós decorativos con fíos de diferentes tecidos. Segundo a dificultade dos nós obtéñense formas distintas. Aquí na zapatería vendo os materiais necesarios para poder realizar traballos nestas dúas confeccións artesanais.
En que ano te mudaches para Vigo?
No ano 2019.
Foi duro tomar a decisión de cambiarte?
Si, en Puxeiros estaba ao carón de casa, levaba dez anos e coñecía a clientela.
Aquí na Rúa Colón de Vigo levas cinco anos e colliches a pandemia neste tempo. Cal é a valoración global deste lustro?
A valoración é moi boa, teño máis clientes. Aquí a xente vive na zona con edificios e veñen directamente, en Puxeiros tiñan que vir a propósito.
Este local e de alugueiro?
Si.
E dáche ben para cubrir gastos e poder vivir con estas dúas ramas de negocio?
Si, teño máis volume de negocio aquí que en Mos. A maiores a partir de outubro tamén damos talleres para a xente que queira iniciarse no coiro.
Impartes ti estes talleres?
Non, ven unha moza artesá a impartir as clases.
Canto tempo levades facendo os talleres?
Levamos dous anos. O propósitos deste talleres é que o oficio do coiro non desapareza e que sexa unha saída profesional tamén para esas persoas que están sen emprego e lles gusta facer traballos manuais confeccionando bolsos ou carteiras. É verdade que temos unha escola aquí ao carón pero non toda a xente dispón de tempo para dedicarse a estudar parte do día. Aquí os talleres facémolos normalmente as fins de semana para que a xente que traballa ou teña outras actividades pola semana poida asistir a clase.
Que tipo de clientela tes aquí no negocio?
Teño xente de todas as idades. Para a reparación de calzado a clientela é maior, pero para facer os talleres de marroquinería o que máis teño é xente nova.
Tes máis mulleres ou homes?
Teño máis mulleres ca homes, a verdade.
Este negocio está na Rúa Colón número 7, dentro das galerías Colón 7. Cal é a situación destas galerías?
A verdade é que están ben, si é certo que antes aquí estaba Retales Lidia. Pero antes a este negocio tan coñecido podíase entrar tanto desde Rosalía de Castro como desde Colón e a xente que entraba pola nosa rúa en moitas ocasións paraba nos negocios desta parte. Agora a Lidia só se entra desde Rosalía, se cadra iso prexudicounos un pouco
Tedes algunha problemática a maiores?
Quero facer un chamamento á xente que pasa pola rúa, miran as galería pero non entran. Quero animalos a que entren e coñezan estes negocios que son diversos e interesantes, son comercio local, comercio de proximidade e os animo a que entren a coñecernos e que invistan no comercios de proximidade que é beneficio para todas as persoas do barrio.
Que tipo de negocios hai dentro das galerías?
Hai un escola de arte, unha tenda de bixutería, unha tenda de zapatos para nenos, unha modista, unha tenda de roupa, un negocio de nutrición, un salón de peiteados e a miña zapatería.