A arte xorde das partes máis nobres da alma humana. A través da creación artística as persoas expresamos a nosa visión da realidade ,creamos un produto cunha finalidade estética ou comunicativa que persigue a conexión, a través do obxecto creado, do suxeito creador coas persoas perceptoras .
A expresión artística nace do noso eu sensible, e é como unha fervenza que lle dá saída ás nosas emocións máis profundas. A arte deixa pegada na alma humana, serve para axudarnos a comprender mellor o mundo que nos rodea, e as emocións das outras e dos outros. A arte , en calquera das súas diversas formas de expresión, fainos mellores persoas e a súa práctica, xa sexa creando xa sexa valorando o creado por outras e outros, permite vivir en comunidade de forma civilizada e non compatible coas partes monstruosas da nosa especie.
Na nosa cidade, nas galerías da rúa Colón número 7, coñecemos un moi interesante espazo para a a creatividade e a aprendizaxe das distintas técnicas artísticas. O espazo ten un nome precioso para aqueles que, coma min, estamos afeitos a nadar contra corrente:” Divergente”, e a súa alma mater é unha muller enormemente interesante coa que foi un pracer conversar. Ela é:
Ana Costas Frade
“ Nós construímos desde o propio desexo da persoa o que lle guste expresar”
Ana es natural de Vigo e estudaches na Coruña, é así?
Si.
Que estudaches?
Estudei Deseño na Coruña, ao rematar marchei a Barcelona a estudar Arte Terapia, algo moi descoñecido aquí, pero moi bonito e interesante.
En que consiste Arte Terapia? é arte para o benestar emocional?
É así, pero en realidade todas as artes son para iso. Esta terapia consiste en facer o inconsciente, consciente.
Para ti a arte debe ter unha finalidade só estética, ou debe implicarse no contexto social no que se insire?
As dúas cousas, contido e continente teñen unha enorme importancia. Se o artista ten unha mensaxe importante que dar pero a di dun xeito que non é comprensible, a mensaxe non chega. A arte é para sentir, trata de sensacións.
Despois de rematar os teus estudos como chegas a túa vida profesional?
Quería facer algo creativo e como daquela non había Belas Artes en Pontevedra comecei facendo deseño de vestiario escénico. Traballei co centro de arte dramático, con produtoras de cine, con teatro. Desenvolvendo estes traballos deime de conta que quería ir máis alá, chamábame moito a parte máis pedagóxica da arte. Quería poder explicarlle a esa xente que non entende a arte contemporánea, como a sinto e a vexo eu. Por iso marchei a Barcelona, para facer Arte Terapia que tiñan esa disciplina. Gustoume moitísimo a súa visión desta maneira de facer arte.
Cando remataches de estudar, fuches capaz de vivir de Arte terapia?
Si, fixen moitos talleres e colaborei cun coach de Barcelona que se chama Cris Bolivar. Agora tamén aplico todo isto que estudei nas clases que dou de desenvolvemento da creatividade a través da arte.
Desde que marchaches estudar a Barcelona non volviches para Vigo ata agora, canto tempo levas aquí?
Levo sobre uns seis meses.
Dás as clase aquí neste local?
Si, na Rúa Colón número 7.
Que horario tedes nos talleres?
Estamos de luns a venres de 11:00 a 20:00h.
Dime que fas nestes talleres.
Actividades artísticas, culturais e cursos. Estes cursos son de desenvolvemento a través da arte.
Desde que idades se poden facer estes cursos?
Desde os tres anos. Igual cós idiomas é moi interesante comezar desde pequenos para non aprender mal. A arte é expresión e nestas idades somos libros abertos, precisan de botar todo iso e plasmalo. A parte técnica vaise adquirindo pouco a pouco.
Que técnicas ensinas aquí?
Todas, pero fago moito fincapé en pintura e debuxo. Facemos volume, gravado, etc. Agora, Ruth Lodeiro vai impartir un curso de cerámica.
Que perfil teñen os teus alumnos e alumnas?
Xente con moitas ganas, se temos un contexto favorable todos temos a capacidade de coller a sensibilidade no noso desenvolvemento.
Asistir ás túas clases é unha actividade cara?
As miñas clases son accesibles a calquera tipo de persoa que este interesada.
En todo este tempo que levas dando clase atopácheste cunha sorpresa agradable, con algún alumno ou alumna que amosara ter un talento espectacular?
Todos e todas. Para min este é o traballo máis bonito do mundo e ademais é vocacional. Chegar a todas estas persoas para que entendan o que lles quero transmitir sen poñerlles un obxectivo, este é o meu cometido. Aquí construímos desde o propio desexo da persoa, do que lle gusta facer ou plasmar.
O talento é innato, ou pódese traballar?
Para min o talento ten que ver coa sensibilidade, penso que se pode traballar.
Buff, creo que non concordo contigo
Douche un exemplo, Van Gogh non sabía debuxar, tiña moitos problemas para facelo, pero tiña eses impulsos e pintaba e plasmaba.
Eu póñoche outro exemplo: As miñas aptitudes para o baile son lamentables. Casei no ano 2002 e uns meses antes da voda fun a clases de baile para non facer o ridículo. E por moito que me esforcei ,que me esforcei en grao superlativo, o resultado foi que fixen o ridículo.
Ha , ha, ha ,ha ha. Pero realmente apetecíache facelo? sempre digo que unha cousa sae cando queres que pase, se non queres ou non che apetece por moito que o intentes non sae.
Casar si que me apetecía, bailar non me apetecía o máis mínimo.
Aí está a cerna da cuestión .Eu penso que o talento ten que ver co desexo, tamén e verdade que hai xente moi talentosa pero, se non é constante no que fai e no tempo, esa xente non avanza, queda aí.