Matilda e o leite derramado

Matilda e o leite derramado

Asociación viguesa pola memoria histórica do 36

Matilda voltaba a casa leda coa leiteira chea. Resoaron uns disparos demasiado lonxe para ver onde pero o corazón de Matilda acelerouse, a desgraza cerníase sobre o seu fogar. A paso vivo sen soltar a leiteira achegouse buscando coa mirada a súa familia, aínda o aire estaba sucio de pólvora fascista,pero xa non había vida no seu fogar. O seu pai, a súa nai, os seus irmáns e incluso a súa nora en estado de boa esperanza foran arrastrados até o frontón para ser acribillados polo chumbo da barbarie. Abandoaron a Matilda abrazados nun charco de sangue. Asasinados polas bestas fascistas por darlle acubillo a homes e mulleres paladíns da liberdade. 

Matilde non necesitou ver para saber, e derramou o leite enxugado coas súas bagoas. Alí ficou a súa inocencia estragada e adentrouse no terror que a acompañaría o resto dos seus días.

O terror aínda surcaba a súa faciana cando setenta anos despois fumos en pos dela para que a súa historia saíra das sombras. Contóunola coa voz queda e rota que provoca o medo cerval. Contóunola e agora nos  mantemola ao socaire do esquecemento. Agardamos que Matilde atopara acougo compartindo o camposanto coa súa familia e que a onde sea que fora deixara atrás o terror.