A fábrica de Vigo da firma de compoñentes de automóbil BorgWarner está a vivir un conflito debido á decisión da empresa de presentar un ERE para despedir a 103 empregados, o que representaba ao 20% do persoal. A dirección da multinacional estadounidense alegaba as previsións de descenso das vendas de vehículos como causa para este brutal recorte de persoal, exposto xusto cando se estaba negociando o novo convenio. A resposta dos traballadores non se fixo esperar e o comité de empresa, integrado por CGT, CIG, CCOO, UGT e USO, convocou folga indefinida a partir do luns 13 de xullo, denunciando ademais que este ERE tramitábase estando en vigor aínda o ERTE por causa de forza maior e en período vacacional. Ante a presión dos traballadores, a dirección da empresa recuó e anunciou do pasado xoves 9 que retiraba o ERE.
Os sindicatos decidiron desconvocar a folga, pero permanecen á expectativa e non baixan a garda, xa que a ameaza persiste, primeiro ante o uso do ERE como arma estratéxica da empresa para presionar por rebaixar as condicións dos traballadores na negociación do convenio e segundo, ante a crise que está a sacudir a nivel mundial o sector da automoción e que pode carrexar unha onda de ERE’s a curto prazo. Ademais, a dirección da empresa está deslocalizando unha parte da produción cara a Portugal, buscando custos de man de obra máis alcanzables, nunha empresa que leva declarando beneficios durante os 7 últimos anos (12 millóns de euros en 2019), á vez que recibe axudas públicas para investigación que logo non se invisten na planta galega, senón para producir noutros países.
O sector do automovil é un sector industrial clave na área de Vigo, xa que máis de 30.000 traballadores desta zona dedícanse a esta actividade. Este é só un primeiro aviso do que pode vir xa que ás empresas interésalles máis a súa marxe de beneficios que o sostemento de postos de traballo. De feito, os traballadores doutra empresa de compoñentes de automóbil de Vigo, Floco Ibérica, foron á folga este martes ante a intensificación dos ritmos de traballo que poñía en risco a súa saúde. Este sábado os traballadores de BorgWarner celebrarán unha asemblea para decidir colectivamente como actuar neste escenario no que o único certo é que non van dar nin un paso atrás.
Entre as principais preocupacións dos sindicatos, é que esta medida abra a porta a unha fervenza na industria auxiliar. Representantes do comité advertiron de que este non é un problema exclusivo de BorgWarner senón o primeiro dos expedientes de regulación de emprego (ERE) extintivos que prevén que se producirán en fervenza nas empresas da automoción de Galicia en cuestión de meses.
Falamos con Manuel Ángel Cabreira e José Antonio Gómez, delegados por CGT no comité de empresa de BorgWarner e a Carlos López, delegado sindical de CGT. Nesta entrevista en video fálannos do conflito na empresa, da situación do sector de automoción e as accións que teñen preparadas para defender o emprego e os dereitos laborais.