Farruco Sesto, diplomático da República Bolivariana de Venezuela no consulado de Vigo e membro do consello político do PSUV

Farruco Sesto

Conversamos o pasado 3 de agosto con Farruco Sesto ex ministro venezolano. El é escritor, pintor e na actualidade diplomático no consulado vigués. Quixemos coñecer a súa visión sobre o momento de enorme tensión que vive o seu país, despois das últimas eleccións cuxo resultado non recoñece a oposición. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa.

Podo asegurar de maneira rotunda e taxativa que en Venezuela non houbo fraude electoral”

En Vigo está un dos 5 consulados de Venezuela no estado español. Que xurisdición abrangue o consulado vigués?

Galicia, Asturias e a provincia de León.

Cantos venezolanos e venezolanas está rexistrados no consulado vigués?

34.200. Eses son os que están rexistrados porque fixeron algún tipo de trámite pero eu calculo que poden vivir, no territorio que abranguemos nós, arredor de 50.000 compatriotas.

Esas 34.200 persoas teñen dereito a voto?

Non, esa cifra inclúe tamén aos menores de idade. En Venezuela, como en España, pódese votar a partir do 18 anos. Para poder votar é necesario ser residente no país,non podes facelo se só estás de paso, e terse inscrito no CNE( consello nacional electoral).

Cantas persoas fixeron o trámite necesario para poder votar?

2.300. A abstención foi elevadísima

Por que tan poucos?

Non o sei. En Venezuela o voto non é obrigatorio.

Deses 2.300 inscritos cantos votaron?

Pouco máis que 500.

Cal foi o resultado?

Non che podo dicir o resultado exacto, pero a oposición gañou con claridade.

En Venezuela o CNE determina que Maduro quita o 51,95% dos votos, e a oposición o 43,18%.Houbo fraude?

Non.

Podes asegurar taxativamente que non a houbo?

Si que podo. Con certeza absoluta digo que non houbo fraude.

Sobre o que afirma a oposición de que non se ensinan as actas?

Iso é absolutamente falso.

Entón esas actas son públicas?

En Venezuela o sistema electoral é diferente ao español. Explícoo brevemente:Todo o sistema é dixital. Un votante identifícase coa súa pegada dixital, o que fai imposible a fraude, vota dixitalmente e o seu voto queda así recollido. Ao votante sáelle un papel no que consta o candidato polo que votou e ese papel introdúcese nunha caixa. Ao final do proceso cando se contan os sufraxios o que se fai é contrastar, diante dos apoderados dos partidos, os votos recollidos dixitalmente cos papeis introducidos nas caixas.

Diante dos apoderados de todos os partidos?

Por suposto, de todos os partidos , tamén a oposición, e dos observadores internacionais tamén.

Se é así, parece difícil a fraude

É absolutamente así, e non é que sexa difícil: é que a fraude é imposible.

En todas as mesas había apoderados de todos os partidos?

Venezuela é un país grande, con zonas moi remotas , incluso selváticas. Os partidos pequenos que se presentaron ás eleccións non teñen corpo de militantes suficientes para chegar a todos os sitios. Non creo que nin sequera Edmundo González puidese chegar a todos, polo menos aos sitios máis remotos , pero á maior parte si que chegou.

Se cadra nin sequera o PSUV pode chegar a todos os sitios?

O PSUV si, a nosa base de militantes é moi numerosa. Somos o partido máis estruturado de toda América Latina.

Os apoderados que a oposición tivo a a capacidade de mobilizar puideron asistir ao reconto con liberdade?

Con liberdade e con respecto absoluto, desde logo que si. Os apoderados asinan de maneira electrónica a acta, e todos saen do lugar de votación xa coas súas actas. Iso que di a oposición que non as queremos amosar é radicalmente falso.

Neste proceso electoral houbo 800 observadores internacionais de 107 países diferentes que asinaron un documento no que fan constar a súa visión de que as eleccións foron limpas. Eses observadores só eran de partidos afíns ao chavismo?

Imos ver: Venezuela é un estado soberano e convida á súa casa a quen lle parece oportuno. Desde logo que a uns provocadores que veñen, non a observar e a opinar de maneira honesta sobre o que o observaron senón a provocar e a quitarse a foto para promocionarse eles mesmos, como esa delegación do PP español, non os imos convidar. Pero respondendo á túa pregunta dicir que neses observadores, que asinaron o documento ao que te refires, hai de todo. Incluso persoas de enorme prestixio académico, rigor moral e solvencia intelectual que non van asinar nada que non sexa certo.

A fundación Carter sempre avalou as eleccións de Venezuela, incluso nalgunha ocasión chegou a referirse ao sistema electoral do voso o país como “ o mellor de todo o mundo”, pero nesta ocasión non. Desta volta non avalou este proceso. Por que?

Eles en ningún momento din que houbese fraude. Din que, ao seu xuízo, non houbo a transparencia suficiente. Pero eles fóronse de Venezuela antes de que rematase o proceso. Eles saberán o por que dese comunicado e o papel que queren xogar.

En calquera caso se por algo se caracteriza a oposición en Venezuela é por cuestionar os resultados electorais sempre, verdade?

Sempre non. Só cando eles non gañan. Desde a chegada do presidente Chávez celebráronse 33 procesos electorais. Nós gañamos 31 e perdemos 2.A oposición só recoñeceu o resultado de dúas eleccións: as que gañaron. Ambos procesos que eles gañaron eran moi importantes para nós: un cambio constitucional que propuxo o presidente Chávez, e a constitución da a asemblea nacional que lles deu a maioría á oposición. Se nós fixeramos trampa , por que non o fixemos neses dous procesos tamén?.

Nunca xamais, nos 31 procesos electorais que perderon, a oposición recoñeceu a vitoria do Chavismo?

Nunca, xamais. O que acontece en Venezuela neste momento é un novo intento de golpe de estado planificado a priori que ten por obxecto descoñecer a vontade maioritaria do pobo de Venezuela.

Onde está Juan Guaidó?

O de Guaidó foi unha ridiculez na liña característica da oposición de Venezuela de tratar de acadar o poder por todos os medios posibles. Agora estamos vivindo outro episodio que vai no mesmo camiño. Quero recordar que o CNE chamou a todos os candidatos antes do proceso electoral e todos acudiron con excepción de Edmundo González.

Por que non foi?

Ele xa afirmaban a existencia da fraude antes incluso da celebración das eleccións. É dicir xa tiñan preparada a estratexia no caso de que perderan.

E como vai reaccionar o goberno de Maduro?

A oposición de extrema dereita non acepta o ditame do CNE , pois ao presidente Maduro non lle queda outra que levar o asunto ao tribunal supremo de xustiza

Que fixo o tribunal?

Aceptar o recurso e citar a todos os candidatos. Edmundo non foi. Foron todos os candidatos, toda a oposición, menos Edmundo Gonzalez que representa a extrema dereita subordinada a os EEUU, que son os donos do circo.

E se tamén se cuestiona o seu veredicto?

Xa, xa se está a dicir que se son xuíces chavistas…Pero imos ver quen nomea aos xuíces en EEUU?..Incluso en España os xuíces do poder xudicial non so propostos polos grandes partidos?..E que se non se acepta nada, se se cuestiona todo o que non sexa favorable aos teus intereses, quen son os golpistas e antidemócratas?. Quere ser una versión de golpe parecida a do Maidán de Ucraína. Pero que aquí non terá éxito.

A tensión é tan elevada?

Houbo 24 horas de moita violencia desatada pola oposición fascista de estrema dereita, como parte do plan para impoñer outro Guaido, en versión 2.0. Pero hoxe a situación está totalmente controlada, porque o pobo venezolano quere a paz. Moitos deses agresores son venezolanos que viñeron en avión desde EEUU. Non sei que pasará, todo depende do que queiran facer os norteamericanos. Nós temos moi claro que hai multinacionais que teñen moito interese no noso petróleo. O que si podo afirmar con certeza absoluta é que nas eleccións non houbo ningún tipo de fraude.

Hai presidentes latinoamericanos de esquerdas que tamén cuestionan o proceso electoral

Non, non é verdade. Convídote a que leas o comunicado que asinaron Petro, Lula e López Obrador.

O goberno de Venezuela exerce represión contra o seu propio pobo?

Non, de ningunha maneira, radicalmente non. A policía Venezolana exerce a súa función de asegurar a orde , a liberdade e a vida en paz nas nosas cidades. Que represión hai nun país no que un tipo que se autoproclama presidente, visita países estranxeiros presentándose como presidente, e que atenta contra os intereses do estado pode circular libremente por Venezuela?.Imaxínate que en EEUU, ou en calquera outro país alguén fixera algo parecido ao que fixo Guaidó. En España o proceso independentista catalán do ano 17 acabou con parte dos seus líderes no cárcere e outros escapados .En Venezuela Juan Guaidó se autoproclama presidente ,vai por todo o mundo presentándose como tal e estivo en Venezuela con liberdade, pero resulta que os que exercemos a represión somos nós¡¡¡¡¡¡

Quen é María Corina Machado?

A representante dunha das familias máis corruptas da oligarquía económica venezolana. Ela pide reiteradamente a intervención do Comando Sur dos EEUU en Venezuela. De maneira tal que esa é unha campaña que os seus partidarios levan adiante en todo o mundo, como puidemos constatalo persoalmente nunha pancarta na protesta ás portas do noso consulado: SOS COMANDO SUR, INTERVENCIÓN XA. Hai imaxes diso.

Pregunto: que tipo de persoas son esas? Que tipos de patriotas son, que piden intervención militar estranxeira contra o seu propio pas?