Malia a campaña hiperagresiva que no período preelectoral desenvolveu o PP de Bueu presentando a imaxe , falsa , dun Bueu caótico e un goberno desleixado, o goberno segue funcionando e xestionando razoablemente ben, nun contexto difícil, os asuntos do Concello. Esta política do PP, nas localidades que non goberna, de formas e maneiras ultra agresivas nas etapas preelectorais xa ten pedigree .Sempre fan o mesmo, e logo, se non gañan, como que desaparecen ata que se achega unha nova cita electoral na que volven a bipolarizar as opcións existentes entre eles ou o caos. Un ano máis, nós conversamos co alcalde de Bueu, o nacionalista Félix Juncal, para coñecermos de primeira man o máis relevante da actualidade política municipal.
“ O problema máis importante que ten Bueu é de tipo estrutural e consiste na escaseza de persoal municipal”
Recentemente o delegado da Xunta en Pontevedra, o ex alcalde popular de Soutomaior Agustín Reguera, visitou Bueu.Chamoume poderosamente a atención ter visto nas redes sociais varias imaxes de Reguera coa xente do PP de Bueu, pero non co alcalde de Bueu. Non estivo contigo?
Coincidimos na feira de comercio local que el visitou.
Coincidistes de casualidade ou foi unha visita programada?
Estivo programada a través de FECIMO, a federación de comerciantes e industriais que son os promotores deste evento comercial. E si, estivemos xuntos.
Na época preelectoral as redes sociais do PP de Bueu amosaban unha actividade frenética tratando de presentar a imaxe dun Bueu caótico. Porén, agora mesmo, por moito que as peneires, non se atopa nada referente a ningún problema, só as imaxes deles mesmos asistindo a actos. Por que?
Terías que preguntarllo a eles. Posiblemente obedeza a que a estratexia que seguiron as pasadas eleccións non lles deu o resultado que agardaban. En calquera caso o traballo de desgaste cara a figura do alcalde seguen facéndoo a nivel de rúa.
Pero Bueu segue tendo problemas?
Si, claro que si. O noso problema principal obedece a unha eiva que é estrutural e polo tanto de difícil solución: a falta de persoal. Fíxate se o problema será grave que a día de hoxe, ano 2024, temos menos persoal no Concello do que tiñamos cando eu cheguei á alcaldía no 2007.E iso é así incluso tendo aprobado a RPT do ano 2022.Esta RPT permitiunos incorporar 17 persoas no servizo de limpeza pero aínda non son suficientes.
Entón esa RPT notouse en positivo no organigrama do Concello ?
Comeza a notarse. Durante moitos anos non nos foi posible contratar porque os informes de secretaría e intervención sempre eran desfavorables. Agora estamos no momento, unha vez aprobada a RPT, de dotar de orzamento aos postos de traballo que aparecen na RPT aprobada, para podermos comezar a cubrilos.
Como están a día de hoxe as relacións con secretaría e intervención?
Digamos que é moi difícil estar ao fronte dun concello cando non hai o persoal necesario para atender as necesidades. A modo de exemplo cóntoche que nalgunha ocasión o propio alcalde , algunha concelleira e concelleiro, e persoal de oficina tivemos que pornos a limpar. O gran tapón que temos nestes momentos está no departamento de secretaría pois hai un montón de asuntos pendentes de tramitar por falta de persoal.
Por que motivo non está aínda outorgada a concesión da piscina?
A piscina leva funcionando desde marzo do 2021.Nós temos encargado desde esa data os diferentes estudos de viabilidade e xa levamos creo que cinco ou seis versións e aínda non fomos quen de sacalos.
Por que?
Pois porque sempre hai algo que parece que a secretaría non lle vale. O modelo de funcionamento terá que ser a través dun contrato de servizos cunha empresa especializada que poida prestar o servizo nas mellores condicións posibles.
En que orientación temporal podemos movernos para poder ter o este asunto completamente regularizado?.
Eu creo que ao longo do 2024 o tema debería de estar xa resolto.
No que respecta á biblioteca?
O que é a obra xa leva tempo rematada. Estabamos pendentes de varias subvencións que pedimos para podela pór en funcionamento. De momento só conseguimos a que vai para o arquivo municipal que terá aí a súa sede. Esta actuación licitarémola proximamente.
Onde está arquivo do Concello agora?
Desde o ano 2003 está no Centro Sociocultural de Cela.
A biblioteca cando pode estar aberta a pleno funcionamento?
Nós non queremos abrir sen ter todo o equipamento. Todo vai depender das conversas que teñamos coa Xunta para podermos financiar o custe, sobre os 120.000€ dese equipamento máis os arredor de 40.000€ que leva a parte audiovisual. Se non somos quen de acadar o financiamento da Xunta haberá que utilizar outro tipo de recursos. Non me atrevo a dicir unha data precisa, pero agardo que ao logo deste ano sexamos capaces de resolvelo.
A área de aparcadoiro de caravanas da Chadiza está en condicións óptimas?
Neste momento óptimas aínda non, pero con motivo do Son Rías logramos que estea en condicións razoables de funcionamento.
Falando de aparcadoiros alcalde: non é nada fácil aparcar en Bueu, por que?
No verán está moi complicado aparcar non só en Bueu, senón en calquera parte. E nunha zona turística como a da península do Morrazo é máis complicado aínda, pois son milleiros as persoas que nos visitan. Eu son consciente do problema e o noso, que é un goberno responsable, trata de buscar solucións. Cada ano habilitamos novas áreas de aparcadoiro. Este ano en concreto fixemos dúas novas zonas: unha en fronte da piscina que ten capacidade para arredor de 30 prazas, e onde está a entrada do CEIP A Pedra conseguimos tamén a cesión de dúas parcelas cunha capacidade aínda maior.
Tamén ampliamos a zona de aparcadoiro de Pescadoira, onte pasei por alí e contei arredor de 100 coches.
Aproveito a pregunta para agradecer desde o máis profundo a xenerosidade e boa vontade dos propietarios que permiten que nas súas fincas se fagan aparcadoiros disuasorios.
En inverno hai problemas para aparcar?
Agás algún acontecemento puntual non, en liñas xerais non o hai.
Tamén perdestes un espazo grande para aparcar, en pleno centro da Vila fronte á pastelería Nel Freire, pois se está a construír un edificio
Ese era un solar que xa estaba destinado á construción dun edificio. A xente aparcaba alí, si, pero non era un equipamento público. Tal como está o mercado de vivenda poder construír obra nova no centro urbano é un luxo. E esa actuación é consecuencia do bo traballo de planeamento urbanístico.
Estiven preguntando e dixéronme que xa estaban todos os pisos vendidos?
Non o sei, esa información a descoñezo.
A mocidade de Bueu, que se independiza e quere iniciar un proxecto de vida persoal na súa propia vila, ten difícil acceder á vivenda?
Si, teno moi difícil, a non ser que teña axuda da familia. Os prezos están disparados. O acceso á vivenda está realmente complicado e non só para as persoas mozas.
Que tal están as relacións cos socios do PSOE?
Moi boas. A coordinación e o funcionamento do goberno é moi positiva, e eu estou realmente satisfeito.
Notaches algún cambio de trato, en positivo ou en negativo, co novo goberno de Deputación de Pontevedra?
Non, en principio non notei ningún tipo de cambio. Incluso a cantidade económica que nos asignaron, ao cambiaren os criterios, é algo superior á que nos daba a Deputación anterior.
Por outra parte temos pendente dúas actuacións da DEPO sobre dúas estradas provinciais, xa pactadas coa Deputación anterior pendentes da autorización de patrimonio, e parece que sobre esas dúas actuacións renovan o compromiso e si se van executar.
O goberno da DEPO creou unha figura para mediar na relación cos Concellos. O posto exérceo o ex alcalde de Redondela Javier Bas. Contigo comunicouse nalgunha ocasión?
Non me consta.
Rematamos alcalde. Cales son os proxectos máis significativos que tes previsto para o que queda de mandato?
-Dotar de servizo de saneamento e abastecemento de auga ás praias de Area de Bon e á de Mourisca. Estas son dúas actuacións moi potentes.
-Temos varios solares destinados á construción de edificios e a nosa intención é sacalos para vivenda de protección pública, se así o considerase a Xunta.
-Temos arredor de 4.000 metros cadrados de solo no actual parque empresarial e a nosa idea e poder vendelos para podermos destinar eses recursos a financiar infraestruturas e servizos. Esta sería unha operación particularmente interesante. Temos desde o ano 2022 a documentación, contratada fóra, despois de esperar varios anos por secretaría: os pregos para poder quitar a poxa as parcelas e o informe xurídico. A ver se somos quen de sacar o proxecto para adiante.
-A renovación de todos os servizos da rúa Pazos Fontenla que ten os pavimentos en moi mal estado. Esa é unha vía titularidade autonómica que hai que renovar completamente. Seguiremos insistindo con este tema tam importante para Bueu, pois non aceptamos que a Xunta mire cara outro lado nunha rúa que, insisto, é de titularidade autonómica.
Seguides sen actualizar impostos?
Si, desde o ano 2005.Agás o IBI para poñer os mínimos que establecera no seu momento o ministro Montoro. O da actualización de impostos é algo que teremos que facer proximamente.