María Ramallo Alcaldesa de Marín

Alcaldesa de Marín

María é alcaldesa de Marín polo PP. Na corporación marinense, o proxecto do PP que ela encabeza gozou nas últimas eleccións municipais da confianza dunha maioría abafadora da sociedade do seu pobo, pois con 15 concelleiros e concelleiras deixou reducida á oposición á mínima expresión. Supoño que atraídos polos grandes resultados que obtén nas eleccións locais, a dirección do PP decidiu que fose tamén candidata ao congreso nos comicios estatais. Agora compatibiliza o seu cargo como alcaldesa co asento no congreso español. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa

EN VOX HAI XENTE MOI INTERESANTE”

Pasaron case tres anos desde a última entrevista, agora a situación é diferente, mais ten vostede unha maioría absoluta moi ampla. Agardaba ese resultado?

Non. O día a día nun concello non ten punto final. As eleccións son un balance que transmite a sensación de que é bo seguir. As maiorías son difíciles de acadar. Imaxina canto máis pode ser facelo dese xeito.

Tamén teño que dicir que sei como funciona a lei electoral e as circunstancias favoreceron ese resultado ao ter un amplo abano de candidaturas que se presentaron, iso conxugado co traballo realizado e o proxecto que se presentaba, deu lugar a eses 15 concelleiros.

Tendo un grupo municipal tan amplo, puido chegar a ser difícil configurar o organigrama de goberno.?

Había xente que en ningún intre chegou a pensar que podería ser concelleira, de feito a número 14 renunciou incluso antes de chegar a tomar posesión. Aínda así foi bastante doado organizar a estrutura xa que o núcleo duro do goberno, que son as sete áreas que forman parte da Xunta de goberno, recaeron en persoas que xa tiñan unha experiencia de goberno, e á súa vez delegáronse algunhas competencias no resto de concelleiros, o cal nos permite chegar a máis lugares na administración local.

Pode chegar a ser esta maioría un caramelo envelenado?

Non o creo. Non son conformista, gústame escoitar opinións incómodas para mellorar e ter un grupo crítico desde o punto de vista positivo na procura da mellora constante. Cada un dos concelleiros quere sacar as súas iniciativas adiante e iso permite abarcar máis. Os resultados marcaron un nivel de esixencia alto que nos marca a nós mesmos.

Agora alén de alcaldesa é deputada en Madrid. Que a levou a aceptar a súa designación como cabeza de lista pola circunscrición de Pontevedra?

Era unha situación difícil. O ofrecemento veu marcado polos resultados acadados en Marín e aceptei na medida en que penso que é bo proxectar Marín máis alá dos limites físicos do concello. Non tería aceptado se non se me permitise compatibilizar os dous cargos.

Nalgún momento se lle pasou pola cabeza abandonar a alcaldía?

Non, foi un requisito indispensable para que eu aceptase.

Non se falou disto na Xunta directiva do PP de Marín?

Non. Nin o propuxeron, nin o propuxen.

Tendo en conta que estar en Madrid implica restarlle tempo á alcaldía, como compatibiliza os dous cargos?

Son bastante organizada, e como o Congreso permite seleccionar o traballo que se quere facer, non asumo máis participación da debida. No Grupo Popular do Congreso hai bastantes alcaldes nesta situación. A miña actividade principal é no Concello.

Volvamos a Marín a falar daqueles temas de actualidade municipal. Comecemos polo auditorio. En que punto estamos?

Iniciando a tramitación de estudo de detalle. O proxecto está ultimado e nos vindeiros meses, xa co estudo de detalle en marcha, licitaremos a súa construción.

Temos data á que acollernos para saber que poderemos facer uso del?

Despois do verán do 2021 comezarán as obras e no 2023 ten que estar si ou si.

A xestión cultural do auditorio vai ser pública ou privada?

Hai que analizar a xestión cultural porque asemade da sala principal, imos dispoñer de locais para as asociacións. A limpeza do edificio, por poñer un exemplo, si o van facer empresas privadas, como resto de edificios públicos, pero seremos nós os que temos xestionar a convivencia entre os programas culturais do concello e das asociacións.

Entendo que non se vai privatizar a xestión cultural?

Non hai esa intención.

O emprazamento do auditorio implica a supresión de case 400 prazas. Como se vai xestiónar iso?

O edificio leva aparcamento asociado ao auditorio. Na cuestión do aparcamento en Marín traballase en base a tres patas. Unha é a construción dun aparcadoiro soterrado de pago no parque Euguren, a outra pata son os aparcadoiros disuasorios e por ultimo a zona azul.

Na cuestión dos aparcadoiros disuasorios, é vostede consciente de que ao ser fincas que non están propiedade son concello están un pouco no aire. Poñamos o exemplo de que a propietaria do solar de Concepción Arenal vende a súa propiedade. Que facemos?

Habería que buscar outra finca.

O goberno municipal non ten pensado mercar fincas para dar seguridade respecto a esta cuestión?

Nestes momentos, desde o punto de vista económico non nolo podemos permitir.

Respecto á zona azul hai unha fonda polémica. Nun momento no que a zona azul se amosou ineficaz e por iso mesmo moitas cidades camiñan a contracorrente dando marcha atrás nese sistema, ten sentido poñela?

As rúas que se propoñen, son rúas nas que a día de hoxe non se pode aparcar indefinidamente, como é o caso da rúa Ponte. Penso que vai funcionar pero se non funcionase non tería problema en dar marcha atrás e buscar outras alternativas.

Que mecanismos de control van establecer para comprobar o funcionamento?

Teremos ao noso dispor unhas app de lectura de matrículas. Esa propia app, ás dúas xerará a multa no caso de continuar estacionados.

Iso ten un problema. Como se rexistra a matrícula?

Rexistrarana os propios policías locais que van no coche.

Entón os coches de policía teñen que estar pasando constantemente. Hai efectivos humanos e materiais para iso?

Penso que si. Non é tanto como poida parecer xa que cun par de veces que pasen ao día xa se controla. Ten en conta que parte desta proposta vén da policía local mais tamén do comercio local. Grazas a eles elaboramos unha ordenanza onde finalmente se estableceron dúas horas de estacionamento dada a situación da COVID – 19.

Por que Marín leva xa dous anos sen orzamentos?

No 2019 ao ser ano de eleccións optamos por ordenar o servizo de intervención e deixar todo pagado. No 2020 condicionou todo a pandemia. Agora estamos traballando no orzamento do 2021 onde hai que axustar algunha partida.

Poñemos data?

No primeiro trimestre do ano debería estar.

Falemos da pandemia e dalgunhas medidas que adoptaron. Ata que punto funcionou o semáforo das praias tendo en conta que algúns días de madrugada marcaba praia chea.?

A app funcionou ben, os semáforos non tanto se temos en conta que tamén houbo actos vandálicos. O semáforo funcionaba co criterio de 4 metros cadrados por persoa e desde ese punto de vista funcionou á hora situar á xente. Con todo debemos ter en conta que as praias de Marín son bastantes especiais, son grandes e iso permitía moito aforo.

Foi o semáforo un placebo?

Si porque era un cuestión indicativo respecto aos aforos. Pero con respecto a isto eu sempre insisto en que se hai persoas que están incómodas é mellor que non vaian.

É un aforo axeitado 238 persoas para o parque infantil da alameda?

Están medidas polos técnicos e nalgúns casos rebaixados. A min paréceme moita xente, pero insisto en que está medido polos técnicos e que se hai quen non está cómodo e mellor non ir.

Volvamos a Madrid. É acertada a estratexia do PP de dicir “non” a todo?

Máis ben a estratexia do goberno é situar ao PP no “non” a todo e xunto a VOX. Chegar a acordos e responsabilidade de todos pero sobre todo de quen goberna. Aquí en ningún momento se buscaron consensos. Máis ben aproveitaron a pandemia para outras cousas.

Por que se bloquea a renovación do Consello xeral do poder xudicial?

O que hai que saber é por que se atranca un acordo que estaba a piques de sair.

Por que?

Ao mellor porque quería intervir alguén máis que o goberno. Agora queren modificar a lei do 85, unha lei de consenso, e que está a provocar as críticas de Europa.

A filosofía do 85 é o bloqueo?

A cuestión é que elemento foron introducidos para que un acordo que estaba case feito, fose pola borda. O goberno cede con BILDU, ERC, PNV pero non co PP. É o goberno quen necesita o pacto e para iso hai que poñer vontade.

Mais hai partidos democristianos en Europa que apoian na pandemia a gobernos de esquerdas. Caso de Portugal.

O goberno portugués é moi diferente a este. Aínda así nos aprobamos os primeiros catro estados de alarma pero había que facer unha serie de modificacións lexislativas que non se executaron, de ai que non puidesen confinar Madrid. Había que mudar a normativa e non desentenderse cun goberno desaparecido todo o verán.

As competencias son das Comunidades autónomas.

Nunha pandemia o competente é o goberno central e non só cun estado de alarma. Quixeron amarrar todo, despois tiveron que soltar e finalmente se desentenderon.

Que diferencias hai entre PP e VOX?

En violencia de xénero e en inmigración, por exemplo.

O PP diferénciase de VOX en temas de inmigración?

Se me falas de persoas como Albiol non, pero no PP non todo somos uniformes, hai sensibilidades diferentes. VOX tomou a rúa con estratexias populistas. A moción de censura é unha estratexia de cara ás eleccións catalás. Iso non o faría o PP e iso é unha diferencia respecto a eles. VOX fai as cousas en función do rédito electoral que lle poidan dar. Con todo direiche que en VOX hai xente moi interesante.

Hai unha pregunta, incluso persoal, que teño que facerche. Por que te puxeches de lado, mediante a abstención nunha votación que pretendía vulnerar os dereitos democráticos de partidos como o Anova e BNG?

Eu creo que iso ía polo tema catalán e de Bildu. Esa proposta tiña moito da lei de partidos. Teñamos en conta que en países como Portugal os partidos independentistas están prohibidos. Abstívenme por disciplina de grupo e porque algo habería na proposta. Tería que miralo.

Está o PP dividido en dous?

Nin en Marín, Galicia ou Madrid observo esa división. Hai moitos perfiles, voces e opinións. Non hai un pensamento único, mais o que si hai é unha directiva que está dar un proceso de transición moi bo.