
O BNG de Marín ven de escoller un novo consello local. E nos falamos co seu responsable, o marinense Xurxo Agra. As circunstancias do seu debut non foron as máis adecuadas pois aos poucos días a sede local do bloque sufría unha agresión anónima. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa
“O nacionalismo galego é emancipador, só busca o ben común das maiorías sociais. E por moito que nos agridan aos que molestemos non nos van facercalar nunca”
A primeira preguntaé obrigada Xurxo, vaia maneira de estrear o cargo; cunha agresión ao voso local?
Pois si, a verdade é que algo moi desagradable e totalmente inxustificable pero eu, que trato sempre de intentar comprender as razóns das cousas, teño claro que o nacionalismo galego é emancipador solidario, fraternal e só persegue o ben común das maiorías sociais. E ao longo da historia este tipo de movementos ,como o noso, sempre molestaron aos privilexiados que baixo a verniz da liberdade o que fan é defender os seus privilexios. En calquera caso , fose cal fose o motivo, e fosen quen fosen os agresores, baten en ferro frío; non van conseguir que nos calemos nunca de ningún modo.
Xurxo iso de chamarche novo responsable do BNG non é estritamente certo non?
Digamos que é unha nova etapa. Xa asumira esta responsabilidade no pasado e agora, despois dun tempo, retómoa con moita ilusión
Despois dunha serie de procesos electorais con malos resultados chegan as autonómicas e en Marín tivestes un resultado espectacular por que?.
Si, foron moi bos. Superamos ao PSOE e fomos a segunda forza máis votada. O BNG viña dunha época moi mala , algo que afortunadamente foi posible irmos mudando en todo o país, e na nosa localidade non fomos alleos á dinámica boa na que estabamos inseridos
Que hai que facer para que boa parte dese inmenso caudal que recibistes dos veciños e veciñas nas autonómicas se poida trasladar a outros procesos electorais ?
A dinámica do BNG a nivel xeral é infinitamente mellor e tamén se percibe a nivel local. Isto amosa que o BNG aínda non tocou teito, que é unha organización á alza. Tamén hai que dicir que nas eleccións municipais inflúe moitísimo o programa concreto para o concello, candidaturas e persoas que configuran a lista. Nós creemos que nas vindeiras eleccións do 23 imos recuperar moitos votos perdidos nestes últimos anos , sobre todo no último debido á inconcibible fragmentación da esquerda en Marín.
A extraordinaria atomización da esquerda marinense é efectivamente disparatada. Logo tamén é certo que o BNG de Marín tivo moitos problemas internos e escisións varias. Ves posible que o escenario político, da esquerda de Marín, sexa máis racional no futuro inmediato?, e este novo consello local que encabezas será por fin o inicio da paz interna no BNG local?
Creo que todos na esquerda de Marín fomos conscientes desde o minuto un ao coñecer os resultados que a división da esquerda entregoulle en bandexa a maioría absoluta ao PP e unha sobre representación. Neste proceso houbo tres candidaturas que entre todas tiveron case 1600 votos que non obtiveron representación, son moitísimos votos perdidos.
Falamos de podemos, Marea Marín e Ser de Marín non?
Si. Moitos concelleiros perdidos e creo que naqueles intres todos fomos conscientes de que este feito foi un completo erro. Eu agardo que isto non se volva repetir, pido un pouco de responsabilidade e de madurez para tratar de analizar as cousas neste contexto. En Marín hai fragmentación, pero tamén a hai en Cangas pero alí analizan as cousas en clave local, alí non teñen ao PP tan forte e iso permite que o reparto de votos reflíctase en cinco candidaturas no concello .
Contestada á primeira cuestión, tócache a segunda: A situación interna do BNG de Marín?.
É certo que a situación interna é de vaivéns, a min tocoume vivir un no ano 17. Agora mesmo a situación é boa, temos unha organización moi calmada e responsable a día de hoxe, temos a configuración do novo concello local moi potente, moi boa e con moita capacidade. O momento no que está o BNG a nivel local a min ilusióname enormemente. Desde o verán hai moitísima xente que está mirando cara o BNG, tivemos un número apreciable de altas na militancia.
As altas que tivestes Xurxo, son de xente que xa tiña pasado político e reenganchou, xente nova que se acaba de incorporar á política, ou ambos casos?
Maioritariamente xente nova que non tiña ningunha vinculación co BNG. Xente moi nova, con moitísima ilusión e moita capacidade e preparación. Estas cousas dan ilusión cunha combinación perfecta e moi boa cohesión tanto na experiencia dos militantes antigos coa capacidade, preparación e ganas de traballar das novas incorporacións. Espero que isto poida permanecer así e que se poida fortalecer con máis persoas que se acheguen.
Que fai maría Ramallo para gañar de maneira tan abafadora?
Pois está entre o mérito do PP e de María Ramallo e, a partes iguais, o que falamos da división da esquerda de Marín. Estes dous motivos son os que fan que María Ramallo acade estes resultados.
O maior activo que ten o PP de Marín é María Ramallo e a súa imaxe, non política, senón a nivel persoal. Ten unha relativa boa imaxe pública e isto fai que a xente a vexa próxima e amable e lle dean o seu voto. Tamén teñen unha rede moi ben estruturada a través de asociacións e colectivos afíns.
Ante isto o que temos que poñer enriba da mesa é un debate ideolóxico, a situación de Marín é un completo desastre. Os datos de perda de poboación desde que chegou o PP ao goberno municipal din o que pasa. Cando chega María Ramallo ao concello, Marín era o concello con maior poboación do Morrazo, actualmente lidera o ranking de concellos de máis de 20.000 habitantes en perda de poboación a nivel galego, co contexto de que os concellos de noso redor están gañando poboación, algo se está facendo realmente mal para que isto aconteza.
Ti como estás de ánimos e con que ilusións afrontas esta nova etapa como responsable local do BNG de Marín?
Con moitísima ilusión, desde que deixei a responsabilidade no 2019, aínda que formaba parte do consello local, din un paso cara ao lado para coller aire e enerxía. Agora mesmo afrontándoo dunha maneira moi ilusionada, por todo o contexto do BNG tanto a nivel local coma nacional e con toda a nova xente que nos acompaña. Todo se conbina para facer que sexa un momento especial e con gran optimismo de cara a afrontar os próximos desafíos con moitísima ilusión, moitísima forza e con moitas ganas de conseguir cousas para a organización e para o concello.