No Concello de Cangas a esquerda política mantivo nas municipais do 2023 a maioría absoluta polos pelos. 11 Actas suma á esquerda ( 6 BNG+3 PSOE+1 AV+1 EU) fronte ás 10 que teñen os populares. O sensato sería constituír un goberno de 11 no que estiveran representadas as catro forzas políticas de esquerdas que obtiveron representación. Pero as negociacións non conseguiron chegar a bo porto con Alternativa dos Veciños e lamentablemente , unha vez máis na política de Cangas temos que dicir lamentablemente, a esquerda goberna en minoría, pois hai empate a 10 e todo, ou case todo, depende do voto da concelleira de Alternativa que é a que desfai o empate. Unha das tres forzas do goberno é Esquerda Unida. E este feito é enormemente meritorio pois a situación global desa organización política en Galicia é moi mala. Tanto é así que nos 34 concellos nos que se distribúe ANP, Cangas é o único no que Esquerda Unida conserva representación. A súa Concelleira é Aurora Prieto, unha veterana militante de esquerdas coa que quixemos conversar. E non lle quero quitar mérito nin a ela, que o ten, nin á militancia de Esquerda Unida de Cangas, que tamén o ten, pero teño a convicción de que unha das razóns que explican que EU conserve representación en Cangas é o ronsel ético da pegada do gran Xosé Manuel Pazos.
“ A relación entre as tres forzas que formamos o goberno de Cangas é excelente”
Cando e como se inicia a túa relación coa política?
Hai moito tempo, hai máis de 40 anos. O meu primeiro contacto coa política iníciase a través das ANPAS cando os meus fillos comezan no colexio. A partir de aí sempre, mantiven a relación co activismo social. A miña militancia en Esquerda Unida comeza en 1989.
Ti xa pasaches por moitas etapas, digamos, complicadas na política local canguesa. Estiveches naquela xestora na época convulsa de Lois Pena, verdade?
Si,estiven. Cando Lois Pena desaparece do Concello créase unha xestora que foi presidida por Mariano Abalo e na que estabamos representados ademais de Esquerda Unida , o PP e Esquerda Galega.
E a túa militancia sempre foi en Esquerda Unida?
Si, sempre. Desde aquela xestora nunca deixei nin o activismo social nin a militancia. Pero non volvín ir nunha lista ata o ano 2015, aínda que en posto de non saída. Nas eleccións do 19 fun de número 5, e entrei como concelleira porque a persoa que ía de número 4 tivo que dimitir. E nestas últimas votacións do 2023 tiven a honra de encabezar a candidatura de EU.
Por que case sempre resulta tan complicado para a esquerda política de Cangas acadar unha situación de estabilidade?
Esa pregunte é de moi difícil resposta. Eu creo que, para a esquerda política, gobernar Cangas podería ser moito máis doado se se deixasen os egos a un lado. Esquerda Unida ten un proxecto de concello para Cangas e procuramos cinguirnos ao noso proxecto por riba das persoas que estean ou deixen de estar.
Para Esquerda Unida, a desgraza da perda de Pazos debeu de ser un golpe terrible?
Abofé que si o foi. Pazos, como se dixo no merecidísimo que premio que lle destes na vosa gala, foi un ser humano excepcional cuxa perda nos deixou orfos a todos.
Cando falece Xosé Manuel Pazos, e ten que entrar unha persoa a substituílo na corporación, Esquerda Unida foi enganada?
Non houbo negociación algunha, foi algo imposto. Eu díxenlle a Mariano Abalo que ía votar a Vitoria Portas, pero que había que respectar o estatus e que as dúas forzas de ACE tiñamos que estar representadas por igual no concello. Finalmente non foi así e eu sentinme enganada, si.
Pero continuaches no goberno?
Si, asumín a concellería de cultura porque esu sentía que tiña un legado que levar para adiante, o legado de Xosé Manuel Pazos. O outro grupo quería que fose Adrián Pena o concelleiro de cultura pero eu manifestei que era innegociable.
Estiveches case tres anos como concelleira, e logo o goberno rompe. Por que ?
Non rompe, continuaron as tres persoas do outro grupo. Eu no tempo que estiven nese goberno sentín que comigo non se contaba para nada. Fíxate ata que punto que cando me nomean tenenta de alcaldesa a min nin sequera se me informou antes.
Chegamos ás eleccións do 23 e ademais do BNG e o PSOE preséntanse outras 3 candidaturas de esquerdas:Podemos, Alternativa dos veciños( o grupo de Mariano Abalo e Vitoria Portas) e a vosa. Estas tres poderían máis ou menos corresponder ao antigo espazo ACE. Por que motivo non chegastes a un acordo con Alternativa e con Podemos?
Con alternativa xa che digo que era absolutamente imposible. As circunstancias vividas facíano inviable. En canto a Podemos tivemos conversas e non sei o motivo pero eles non quixeron saber nada e preferiron ir sós.
Como valoras os resultados de Esquerda Unida en Cangas?
Eu en ningún momento pensei que poderiamos obter representación porque a situación era tan complicada que por non facer case non fixemos campaña nin tivemos apoio algún de fóra. Tela acadado foi un inmenso orgullo para min e unha enorme satisfacción colectiva para toda a militancia de Esquerda Unida que nunca xamais me deixaron soa.
A negociación co BNG para facerdes o goberno foi fácil ou difícil?
A negociación entre o BNG PSOE e Nós foi tremendamente fácil. Eu o único que pedín á alcaldesa foi respecto e consideración para o meu traballo. No caso de Alternativa non están no goberno polo tanto parece que foi imposible. De feito Araceli Gestido, a alcaldesa, foi á súa investidura sen saber se ía ser alcaldesa ou non porque descoñeciamos o sentido do voto de Alternativa.
Estás encontrando na alcaldesa ese respecto e consideración que pediches?
Si, absolutamente si. A relación entre as persoas que formamos o goberno de Cangas é excelente. Eu traballo con absoluta comodidade.
Agora temos un goberno en minoría
Pois si, un goberno en minoría que depende do voto de Alternativa. Eh ben, a ver que pasa cos orzamentos pero de momento non están deixando traballar ao goberno.
A aprobación dos orzamentos que se levarán ao pleno de finais de maio é capital para o goberno. Non estades negociando con Alternativa?
Si, claro, desde hai moito tempo. O borrador teno Alternativa desde febreiro.
Que perspectivas tes sobre o sentido final do seu voto?
Non o sei. O único que che podo dicir é que aprobalos é vital para o Concello. Levamos cos orzamentos prorrogados desde o 2020, uns orzamentos de pandemia e é imperativo proceder a aprobar un orzamento novo.
Cales son os problemas máis importantes que padece o Concello?
A prioridade principal é a falta de orzamento. A situación económica é complicada en gran medida polas herdanzas envelenadas que nos deixou o PP como por exemplo o caso Promalar.
Ti levas a área de Cultura . Cales son as políticas máis importantes que estás a desenvolver nese campo?
O acceso universal á cultura é esencial para a dignidade dun pobo. E este é o eixo sobre o que pretendo estruturar a nosa política cultural. Somos un concello moi dinámico que programa numerosas actuacións,diversas e variadas, que pretenden que todo o noso pobo poida acceder a un dos elementos esenciais da dignidade humana.
Esta entrevista facémola antes do congreso de Izquierda Unida, aínda que se vai publicar despois( A candidatura do andaluz Antonio Maíllo foi a que gañou). A ese congreso van concorrer catro candidaturas diferentes. A cal ides apoiar as e os militantes de Cangas, e por que?
O que é unha mágoa é que non se puidese chegara unha lista de consenso. Sobre a quen imos apoiar nós aínda o estamos a valorar.
Das catro candidaturas que se presentan dúas manifestan abertamente a súa vontade de que Izquierda Unida abandone Sumar( ningunha das dúas foi a gañadora). Ti que opinas ao respecto?
Prefiro non valorar esa posibilidade de momento. A prioridade da agrupación local de Esquerda Unida é Cangas.