A veciña de Pardavila, Lucía Santos Omil, volverá ser a candidata nacionalista nas municipais do 27.Despois de catro mandatos na alcaldía, o proxecto popular que encabeza María Ramallo amosou que está esgotado e que carece de capacidade para afrontar con unhas mínimas garantías de éxito os graves problemas estruturais que padece Marín. Non será doado, unha parte significativa da sociedade marinense está colonizada pola escola naval militar o que condiciona moito o seu voto, pero o necesario cambio parece máis preto que nunca. A candidata nacionalista está convencida de que esta vez si vai ser posible. Nós falamos con ela

Ves de ser nomeada candidata do BNG á alcaldía de Marín. Que significa para ti obter a confianza dos teus compañeiros e compañeiras?

Recibir a confianza de quen te acompaña no día día, de quen está aí nos momentos bos e tamén nos malos, é enormemente satisfactorio. E se esa confianza ven da man dun equipo de persoas humanamente soberbias, como as que me acompañan no BNG de Marín, traspasa en quilómetros os límites do emocionante.

Marín ten unha serie de problemas estruturais que non dá amañado. Se cadra un dos máis relevantes é o da perda de habitantes. Como está ese asunto?

Efectivamente , como ti dis, non o damos amañado. Marín leva 15 anos consecutivos perdendo poboación. Unha tendencia tan acusada non pode ser casualidade. As persoas en liñas xerais queren facer a súa vida no lugar onde nacen, e se non poden facelo e teñen que marchar é porque non teñen servizos adecuados e porque non poden acceder a unha vivenda. Este último é un problema de enorme gravidade no concello de Marín.

Cal sería a fórmula que aplicaría un BNG no goberno para tratar de reverter a tendencia á perda de poboación?

Esencial e urxente é buscar as alternativas necesarias para dotar a Marín de nova vivenda e rehabilitar vivendas vellas. Agora mesmo incluso é enormemente difícil atopar un piso para alugar.

Como está a situación dos dous centros de saúde de Marín, o do centro e o de Seixo?

A situación sanitaria de Marín segue con moitos problemas. Faltan médicos, as listas de agarda son moi elevadas e temos unha alcaldesa que lle dá ás costas a esta problemática.

Outro grave problema que ten Marín é a falta de aparcamentos. Mellorou algo?

Non, por desgraza non mellorou nada. Segue mal, incluso parece que vai a peor. Unha vía que non se traballa, pero que sería moi importante para axudar a solucionar este problema, podería ser a mellora do servizo de transporte público entre as parroquias e o casco urbano.

No seu momento fixerades campaña para que o Concello adquirira o antigo edificio Baladrón e que se convertera nun inmoble de titularidade municipal. Como quedou ese asunto?

O edificio foi comprado por unha empresa privada. Nese sentido alegrounos que se se lle dera unha saída, pero decepcionounos que Concello perdera a ocasión de gañar un espazo marabilloso para uso público en pleno centro de Marín.

Que finalidade teñen os novos propietarios ?

Penso que vai haber un banco no baixo e vivendas de luxo nos pisos superiores. De ser así, sería algo moi exclusivo que non resolvería o problema de acceso á vivenda que padece o centro de Marín.

En que fase está a vosa proposta de abrir Marín ao Mar?

Este proxecto do BNG, de recuperación de espazo público para a veciñanza, foi aprobado no parlamento do estado, e agardamos que pronto comece a executarse, porque Marín precisa recuperar a súa conexión co mar.

O que nos parece lamentable é que o goberno municipal non faga nada, pero nada en absoluto, para esixir ás administracións competentes o inicio das actuacións necesarias para comezar a que abrir Marín ao mar se faga realidade.

O proxecto dre URBASER en Pardavila está finalmente morto?

O proceso de alegacións xa rematou, pero nós seguimos alerta para que non se repita ningún tipo de actuación para facer ningunha clase de instalación que non é apropiada para ese lugar. O resultado final deste proxecto foi unha evidente vitoria da veciñanza. Se non houbese a presión social que houbo, seguramente tería ido para adiante.

Cal é a valoración do BNG dos orzamentos municipais?

É unha valoración moi negativa. Non son os que Marín necesita para avanzar. Son altos, si, pero o son porque hai débedas importantes que o Concello debe de asumir. Os orzamentos non contemplan nin a mellora de servizos nin a realización de investimentos estruturais necesarios para o noso pobo. Son uns orzamentos construídos para a xestión do día a día. Non hai nada máis.

Que tal vai de transparencia este goberno?

Moi mal. Este goberno non nos informa de case nada, en moitas ocasións coñecemos algúns dos seus proxectos pola prensa, e non chega a ningún tipo de consensos con ninguén.

Que pasa coa biblioteca Vidal Pazos?

Pasa que ás veces organízanse actividades para cativos que orixinan todo tipo de ruídos que impiden concentrarse aos mozos e mozas que van alí a estudar. O que non ten sentido é que se neguen a crear unha aula de estudo. Este é un exemplo máis da improvisación e da falta de xestión do goberno local.

A saúde interna do BNG de Marín é tan boa como parece?

É mellor do que parece. Como che dixen ao principio da conversa, estou tremendamente orgullosa da militancia do BNG de Marín.

Con que número de concelleiros e concelleiras daríaste por satisfeita nas municipais do ano que ven?

Co que sexa necesario para para podermos gobernar. Non nos poñemos ningún tipo de límites. Imos a por todas.

Agora mesmo a situación aritmética esixiría que o PP baixe dúas actas para que perda o goberno. É realista Lucía?

Si, sen ningún xénero de dúbida, si que o é. O PP leva 15 anos no goberno, non ten ningún tipo de modelo e limítase á xestión do día a día como pode. O PP non serve nin para acometer os graves problemas estruturais que padece Marín, nin para mellorar a vida da veciñanza. O cambio é necesario, e ese cambio vai vir da man do BNG. Estou convencida.

Que tipo de alcaldesa sería Lucía Santos?

Se o pobo e Marín me honra coa súa confianza comprométome a ser unha traballadora incansable, a tratar a todas as persoas por igual de maneira xusta e equitativa sempre, a non deixar a ninguén atrás nunca, e a abandonar para sempre o modelo de alcaldesa de postureo e photocall.