OBloque Nacionalista Galego de Redondela anunciou hoxe de xeito oficial a elección de Xoán Carlos González como o cabeza de lista e candidato á alcaldía para as vindeiras eleccións municipais do ano 2027. A decisión foi referendada pola asemblea local da formación, nun proceso que destaca pola unidade e a ilusión de cara a ofrecer “unha alternativa real de goberno e un impulso transformador” para sacar a Redondela da parálise imposta por Digna Rivas.

Dende o BNG salientan que Xoán Carlos González representa a experiencia, solvencia e o compromiso firme coas demandas dos veciños e veciñas de Redondela. Coa súa elección, a formación quere consolidar un proxecto político que sairá a gañar as próximas eleccións municipais.

“Asumo esta designación con toda a ilusión e a firme determinación de traballar para converternos na forza que lidere o próximo goberno municipal de Redondela”. Foron as primeiras palabras que dirixíu á Asemblea Local, o xa candidato nacionalista Xoán Carlos González

Na sua alocución insistíu en que “as nosas propostas na defensa dos intereses dos e das redondelás convírtense no mellor aval para presentarnos como verdadeira alternativa”, referíndose as diversas alcaldías de Partido Socialista e Partido Popular.

“Frente á resignación que demostran as outras forzas no BNG acreditamos nas capacidades de Redondela para mellorar dende o goberno a calidade de vida dos nosos veciños e veciñas”, afirmou noutro momento da súa intervención.

Rematou invitando a todos e todas a participar neste proxecto ilusionante no que a vivenda, os servizos públicos, o benestar social, a conectividade entre as parroquias e apuntalando as dinámicas culturais e socias converteranse en piares da acción de goberno. “Imos aglutinar ao mellor grupo para presentar a mellor candidatura”

Nas vindeiras semanas, o BNG de Redondela iniciará unha rolda de encontros con colectivos sociais, veciñais e económicos do concello para elaborar unha alternativa aberta e participativa, deseñada por e para Redondela.