Francisco Álvarez. Presidente da federación de Anpas de Redondela

Francisco Álvarez. Presidente da federación de Anpas de Redondela
Marcos Santos

Non hai arma máis poderosa para combater os abusos do poder económico, e do poder político que actúa ao servizo do poder económico, que a loita da sociedade civil unida e organizada. E nós alegrámonos moito de que as anpas de Redondela decidiran traballar man a man, e cóbado a cóbado constituíndo unha federación. Falamos con Francisco, o seu presidente. En plena pugna pola implantación do bacharelato de artes en Redondela conversamos deste tema en particular e do estado da educación en xeral. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa.

Na concentración que fixemos o día 4, reclamando o bacharelato de artes en Redondela, o PP local, malia ser convidado, foi o único grupo que non asistiu”

Todas as anpas de Redondela forman parte da federación?

A práctica totalidade. Só falta unha , pero porque aínda non tiveron oportunidade para convocar unha asemblea para tratar o tema. Incluso hai a anpa dun cole de Pazos que tamén está integrada

Cando vos constituístes?

En decembro do ano pasado. De feito aínda estamos en proceso de rexistro agardando a autorización da Xunta

O motivo de constituídes a federación foi a problemática derivada do bacharelato de artes?

Non. Xa o estabamos falando desde hai tempo e non só con motivo dese tema senón co obxecto de tratar distintos problemas. Se cadra o motor que nos deu o impulso decisorio para a nosa constitución foi cando, na época da pandemia, a Xunta responsabilizábanos da saúde nos comedores escolares. Algo absolutamente inaceptable

Cales son os problemas máis significativos que percibides?

O transporte é un dos máis significativos. Só é gratuíto na etapa obrigatoria o que deixa fóra ás educacións infantís e ao bacharelato. Ets situación supón unha importante discriminacións para as e oes estudantes da nosas parroquias.

Os comedores escolares tamén son manifestamente mellorables. Nós presentamos un proxecto ao Concello para facermos un comedor escolar municipal que se nutrise de produtos locais, é dicir consumo de proximidade, e que incluso podería ser xerador de postos de traballo

Cal foi a resposta do Concello?

Están estudándoo. Cando fixemos a proposta, hai xa un ano, pareceunos atopar receptividade positiva, pero xa pasou o tempo e a verdade non se albisca ningún avance. Estamos agardando á convocatoria do consello escolar a ver se alí poden darnos algunha resposta.

Que pasa co bacharelato de artes?. Semella que xa estaba todo feito co unánime acordo político , pero non se dá concretado…………..

En primeiro lugar quero dicir que esta modalidade de bacharelato é necesaria non só en Redondela senón en todos os sitios nos que se imparta o Bacharelato. Todos os rapaces e rapazas deben de ter os mesmos dereitos e as mesmas oportunidades con independencia do lugar no que vivan. O contrario é inxusto e discriminatorio.

Redondela leva moito tempo reclamando este bacharelato e nós pensabamos que este tema estaba xa resolto pero resulta que desde a consellería de educación non hai ningunha instrución ao respecto da súa implantación na nosa vila. Nós imos seguir mobilizándonos para reclamalo desde logo.

Redondela non ten un bacharelato de artes porque non ten un goberno do PP?

Non o sei. Pode ser

Percibides o apoio da sociedade civil redondelá?

Nós fixemos un manifesto que foi asinado por todo tipo de asociacións e colectivos. Asemade no noso traballo cotián si que percibimos un apoio maioritario dos nosos veciños e veciñas

E do pleno?

En teoría tamén o temos unánime malia que na última concentración que fixemos, o pasado día 4, reclamando o bacharelato de artes o PP foi a única forza que non asistiu.

Pero convidástelos?

Si claro, como a todos os demais

E cal foi o motivo?

Non o sei terás que preguntarllo a eles.

Finalmente teremos bacharelato de artes en Redondela?

Eu agardo que si. Nestes momentos o deputado do BNG , o profesor Manu Lourenzo está a preguntar por iso, e máis cedo que tarde esta carencia que ten o noso pobo ten que amañarse. No caso contrario sería unha discriminación flagrante para as mozas e os mozos da nosa comarca pois , quer terían que desprazarse a outras localidades a cursalo, coa dificultade que iso supón para xente tan moza, quer terían que renunciar a facelo impedíndolles dirixir as súas vidas cara ao camiño que eles e elas libremente elixan , e quen o quixera elixir non tería a oportunidade de facelo.

Vós notades que o recorte de recursos á educación pública é unha realidade?

Notámolo substancialmente un ano si e outro tamén. Nótase en moitos eidos pero o fenómeno é especialmente significativo no recorte de profesorado de reforzo para quen o precise, e de persoal específico de axuda ao alumnado con necesidades especiais.

A escola é un axente que castelaniza á mocidade galega?

O que é un feito indiscutible, porque se observa de maneira empírica miles de veces, é que hai milleiros de nenos e de nenas que entran no colexio falando en galego e saen falando en castelán.

Nota da redacción

O mesmo día da realización desta entrevista no parlamento galego o conselleiro de educación contestaba ao deputado do BNG Manu Lourenzo negando a oferta do bacharelato de artes a Redondela. A sesión parlamentaria rematou coa expulsión do hemiciclo dos representantes das anpas da nosa vila.