Marín é unha vila na que no 2019 o PP tirou un resultado espectacular que en grande medida foi produto da delirante fragmentación na que se presentou a esquerda política. Tres candidaturas de esquerda: Marea de Marín, Podemos e Ser de Marín sumaron 1.530 votos que non foron a ningunha parte, ningún dos tres obtivo representación, e que non tiveron máis resultado que inflar de maneira artificial o número de actas que obtivo o PP. Todo indica que esa situación non se vai volver repetir co que nos atrevemos a prognosticar que nin por asomo pode soñar a dereita marinense en repetir o resultado do 19. Por outra parte se calquera veciño ou veciña desta vila se pregunta “que fixo o goberno actual que lles leve a ser merecedores de repetir? “ vai ter moi difícil responder de maneira obxectiva a esa cuestión. Marín perde poboación de maneira alarmante. E non a perde nin por capricho nin por casualidade, senón porque as políticas públicas son tan malas que fan moi difícil desenvolver un proxecto de vida en Marín. A situación sanitaria de Marín é desastrosa, os espazos públicos moi mellorables, a programación cultural é a que desenvolve con moito mérito o tecido asociativo local, aparcar no pobo supón unha tortura para os visitantes….Si, Marín precisa un cambio con urxencia, e o nacionalismo galego presenta a opción máis seria e solvente para podelo executar.
Nós conversamos coas persoas que ocupan os 7 primeiros postos da candidatura e teño que dicir que foi un pracer coñecer a persoas tan ben formadas, competentes e comprometidas co seu pobo. Se a maioría social de Marín decide darlles unha oportunidade, a dereita tardará décadas en ter opcións de recuperar esta vila.
-A número 7 é Pamela Martínez. Ela traballa nunha autoescola, é natural de Marín, da zona da Laxe, e leva xa bastantes anos implicada no mundo político local.
Por que motivo tomaches a decisión de formar parte desta candidatura?
Marín precisa un cambio con urxencia .Eu son unha persoa emocionalmente implicada co meu pobo e quero dar un paso adiante para contribuír a ese cambio. Estou no BNG porque é unha organización política seria, solvente e fiable, que ten amosado ao longo da súa historia o seu rigor e eficacia á hora de gobernar, só hai que ver as localidades nas que goberna, e porque seu corpus teórico encaixa coa miña forma de entender a realidade.
Con que ánimos encaras a inminente campaña electoral?
Estamos en disposición de disputar co PP a maioría social do noso pobo. Non nos pomos ningún tipo de límite.
-O experto en política internacional Xurxo Agra é o número 6. El é natural de Mogor e traballa nun hospital de Pontevedra
Por que motivo decidiches formar parte desta candidatura?
Ao igual que a compañeira Pamela eu tamén estou emocionalmente implicado con Marín .E entendo que calquera persoa que teña ollos para ver, oídos para escoitar e non estea contaminada por algún tipo de apriorismo pode constatar que, por desgraza, o noso pobo ven sufrindo un deterioro constante de servizos e das condicións que farían atractivo construír un proxecto de vida aquí. Marín sofre unha moi importante perda de poboación. E ese deterioro que sofre o noso pobo non xorde por casualidade, nace dunha moi deficiente xestión política que precisa dunha viraxe de 180 graos.
As perspectivas realistas para as eleccións de maio?
De novo coincido con Pamela. Estamos en disposición de disputar a maioría social de Marín ao PP. O PP no concello de Marín está sobre representado. O número de actas tan elevado que ten non se corresponde coa realidade sociolóxica da nosa localidade, senón que foi posible por unha moi elevada atomización da esquerda nas eleccións do 19.Todo apunta a que iso non se vai volver repetir. E por outra parte nas últimas autonómicas superamos o 20% dos votos e fomos segunda forza. Marín ten gañas de BNG e cando facemos ben as cousas a xente non ten medo a votar ao BNG.
-A marinense Davinia Lojo é a número 5.Ela é politicóloga e traballa no campo da xestión de recursos pesqueiros.
Por que motivo decidiches formar parte desta candidatura?
Marín precisa un cambio, iso é unha evidencia obxectiva para calquera que non estea cego. E non só un cambio de xestión, que tamén, senón un cambio estrutural. O PP carece de modelo de vila. O único que fan , e para iso mal , é ir zafando os problemas do día a día como poden.
E o BNG si ten modelo de vila para Marín?
Rotundamente si. Tal como ten amosado en todas e cada unha das vilas nas que goberna. Nós queremos un Marín para as persoas: xusto, accesible e humano no que se trate a todas e todos por igual con independencia das súas simpatías ou antipatías políticas.
As perspectivas realistas para Maio?
Son unha muller coa mente moi ancha. Non me poño ningún tipo de límite.
-Tino Iglesias é o número 4. El naceu en Francia. É fillo da emigración marinense pois a súa familia , como tantas e tantas no país galego, tivo que padecer o drama que supón marchar a gañar a vida fóra de Galicia. Traballa no sector dos seguros.
Tino ti es un home enormemente implicado no asociacionismo. Desde moi rapaz fuches activista cultural, social, da memoria histórica, ambiental…..Entón a pregunta para ti é obrigada: Como se porta o concello de Marín co tecido asociativo local?
O Concello de Marín é unha administración que se aproveita do traballo das distintas asociacións. Por outra parte non trata por igual ás asociación que entende como amigas que ás que entende como non amigas.
Cal é o motivo que che levou a formar parte da candidatura do BNG?
Ao igual que manifestaron Paloma, Xurxo e Davinia afirmo de maneira rotunda que Marín precisa un cambio. Eu síntome moi implicado nas miñas emocións máis íntimas con Marín, e quero participar dese cambio .Sinto que llo debemos aos que estiveron antes e aos que virán despois.
Os ánimos para Maio como están?
Eu, como Davinia, tamén teño a mente moi ancha: Sen límites.
-O prestixioso paisaxista Jose Souto é o número 3. El é de San Xulián e ten un traballo precioso: crea e deseña espazos exteriores
Esta é a túa primeira experiencia política e ti tes un negocio. Supoño que non sería unha decisión fácil?.
Non foi fácil non. Pero foi unha decisión moi meditada. A vida persoal é moi importante claro que si, pero a vida pasa rápido e se no noso camiño por este mundo podemos contribuír a mellorar a vida dos nosos veciños e veciñas estou seguro de que o noso paso polo mundo vai ser moito máis digno. Dígoo con toda humildade, pero creo que eu podo contribuír a mellorar os espazos exteriores de Marín.
Ti estás metido no sector comercial marinense. Como valoras a súa situación?
Ten carencias moi notables. Comezando porque as empresas non temos un lugar onde meternos. Marín fóra do porto acabouse.
-Celia García é unha moza da parroquia de Cantodarea que ocupará o número dous na lista dos nacionalistas .Ela rematou a carreira de políticas e na actualidade fai ou doutoramento .
Por que decidiches integrar a candidatura do BNG,e nun posto de tanta responsabilidade como no número 2?
Ben o do posto dá un pouco igual creo eu. Eu estou inmensamente honrada pola confianza dos meus compañeiros e compañeiras. Síntome unha muller galega libre , que quere contribuír a mellorar as condicións de vida das galegas e dos galegos porque a xestión pública é manifestamente mellorable e iso comézase a facer concello a concello.
Pon un exemplo do que entendes como “xestión pública manifestamente mellorable”?
A situación da sanidade. En Marín, ao igual que todo o país galego, en estado de precariedade absoluta.
As expectativas realistas?
Unha suba substancial. Eu tampouco me poño ningún tipo de límite
-E rematamos coa candidata á alcaldesa. Lucía Santos é natural de Pardavila, leva militando 15 anos no BNG e non sei se será alcaldesa desta volta, pero si sei que nalgún momento vai ser a mellor alcaldesa da historia de Marín.
Ti e eu xa temos conversado en numerosas ocasións Lucía. Coñezo o teu amor por Marín, a túa solvencia e a túa enorme capacidade de traballo .Nesta ocasión só che vou facer dúas preguntas moi breves
Como valoras ao equipo de mulleres e homes que te acompañan na candidatura?
Sen desmerecer a ninguén que no pasado pasara por aquí, si quero dicir que a súa compañía é un tesouro de valor incalculable. Nunca estiven rodeada dun grupo de persoas humana, profesional e politicamente tan boas.
Que podería encontrar en ti como alcaldesa un veciño ou veciña de Marín?
Humildade, honestidade, capacidade de traballo, vontade de consenso, interese en escoitar e aprender, e un compromiso inquebrantable coa xustiza. Comprométome a desterrar do noso concello o cancro que leva padecendo Marín e Galiza desde a noite dos tempos: o nepotismo. Comprométome a tratar a todas e todos por igual con independencia das súas simpatías políticas. E por descontado nós si temos un modelo de Vila para Marín. É necesario crear as condicións desde a a administración para que Marín sexa unha localidade atractiva para vivir, e deter dunha vez a alarmante perda de poboación que padecemos.