O noso amigo Koki está a piques de deixarnos por uns meses con destino aos EEUU, a súa segunda patria. E antes de marchar non perdemos a ocasión de tomar un viño con el, e gozar do pracer da súa compañía e da súa conversa. A manifesta incomodidade que supón as dúas horas de viaxe, unha de ida e outra de volta, que implica o desprazamento desde Vigo ata a fermosa localidade do Baixo Miño, queda de sobra compensada pola agradable conversa cun home lúcido, sensible e radicalmente honesto como el: Francisco Álvarez Koki, o grande poeta de A Guarda.
“Escribir literatura comprometida socialmente implica ter que pagar unha peaxe
En que fase creativa estás agora?
A medida que vas sendo coñecido vas sementando. E agora semella que estou nunha fase de recollida. Libros que xa teño editado están sendo obxecto de reedicións .Así é o caso de ” Ratas en Manhattan” ” Máis aló de Fisterra” ou unha antoloxía que se vai publicar en Toledo con autores moi importantes como García Montero ou Gamoneda na que tamén me incluíron…
Na túa produción creativa aparece ás veces implícita aquela máxima de que ninguén é profeta na súa terra. Ti sentes que na Guarda non tes o recoñecemento que mereces ?
Ben, o certo hai sitios como por exemplo Tomiño nos que nun par de monumentos si aparece recollida a miña palabra poética. Na Guarda nunca se fixo nada parecido.
E cal é o motivo ao teu xuízo?
Cando un escribe comprometido coa sociedade e de maneira crítica contra quen ten o poder ten que pagar unha peaxe. Eu tamén pago a miña peaxe polo contido da miña produción literaria.
No que se refire á creación literaria antes falábasme de reedición de obras xa escritas, pero tes pensado quitar algo novo?
Si, un conto en Castelán : “Pablo y la chilanga”.Xa o teño rematado e agardo que pronto poida ser editado. Esta é unha historia moi interesante dunha persoa que falsificou arte e estafou a grandes inversores de arte en USA, non para darlle a ninguén senón para quedarse el cos cartos. Os estafados son parte dunha clase de persoas que eu entendo moi numerosas no mundo da arte: aquelas que teñen cartos e os invisten en arte non por ningún tipo de sensibilidade senón por puro e duro snobismo.
Segues indo a festivais de poesía e feiras do libro?
Cando me convidan e sempre que podo si, claro. De feito en breve vou ir ao festival de Trujillo .E a finais de abril irei a Cuba a un festival que se chama ” La isla en Versos”
Que nome máis bonito” La isla en versos”…estou seguro que coñecéndote estás especialmente ilusionado por ese festival?
Abofé que si. Nunca estiven en Cuba e faime especial ilusión que a miña primeira visita sexa a un festival de poesía.
Pódese vivir da literatura?
Non, rotundamente non. Pode haber un número moi pequeno de persoas que si o fan pero en combinación con outras actividades, e un número aínda máis pequeno que si vivan da literatura pero teñen que ter un perfil moi concreto que está nas antípodas do meu.
Cal é?
Defender ao sistema e non meterse en absoluto con el. Son aqueles escritores que practican literatura de entretemento e ou que escriben co estómago. O sistema dá espazo ata un punto , se o pasas acabouse.
Vas estar un tempo en EEUU verdade?
Si, teño previsto volver en xuño
Cando volvas xa se terán celebrado as eleccións municipais de maio, e quero preguntarche a tua opinión ao respecto da situación política da Guarda?
A situación política de A Guarda é insostible. O noso pobo precisa un cambio con urxencia. O feito de que o partido no goberno presente como candidato ao actual alcalde lévame a pensar que, en realidade, o partido socialista está mentalmente errado polo poder e ten unha venda nos ollos.
Cales son as necesidades máis significativas que ten A Guarda ?
Moitas pero as máis urxentes son dúas:
-Que chegue a autovía ata A Guarda
-Que haxa unha ponte ata Caminha.
Aínda que esteas en EEUU seguirás con atención o que aconteza no teu pobo?
Si, claro, pero non só iso. Eu votarei no consulado, e votarei polo cambio.