UD. Ribera. 75 anos no corazón da veciñanza rosaleira

UD. Ribera

Este 2025 é un ano moi especial para os milleiros de rosaleiros e rosaleiras que levan á UD Ribera no corazón, pois este ano o equipo de fútbol do Rosal celebra o seu 75 aniversario. Ao longo destes 3/4 de século de vida houbo de todo: alegrías, tristuras, acertos, desacertos, acougo, nervios, ascensos, descensos, emocionantes vitorias e dolorosas derrotas, pero o que nunca mudou foi o profundo sentimento de identidade que existe entre o equipo e o seu pobo.

E o Ribera non podía escoller mellor ano ca este para lograr un obxectivo deportivo que levaban bastantes temporadas perseguindo: O ascenso á primeira categoría autonómica, que acadaron con brillantez nesta temporada 24-25 gañando a liga de 2º. Nós achegámonos ata o Rosal para coñecer como viviron o ascenso e as expectativas existentes para a vindeira temporada do ilusionante regreso á 1º categoría. Conversamos con Iago, o coordinador do fútbol base que esta temporada exerceu asemade de segundo adestrador do equipo sénior.

Iago Cruces

Coordinador de fútbol base e adestrador do equipo infantil A.

Afrontamos o regreso a primeira con enorme ilusión, e con todas as gañas do mundo de facer unha gran temporada”

Este é un ano especial para vós, verdade?

Si, neste 2025 o noso equipo celebra o seu 75 aniversario.

Fixestes algo especial para celebralo?

Pois si, esta temporada o equipo sénior competiu cunha equipaxe un tanto diferente. Mudamos un pouco as cores da equipaxe e puxemos o slogan do 75 aniversario. Por outra parte na nosa camiseta puxemos os nomes de todos os xogadores de todas as categorías do club.

Cantas categorías tendes?

17.

E fichas?

273 persoas practican fútbol con nós. A verdade estamos moi orgullosos.

En liñas xerais que tal foi esta temporada?

Foi un ano bastante bo. Nas distintas categorías nas que competimos, acadamos as metas deportivas que nos propuxeramos a principio de temporada, tanto nos equipos A como nos equipos B. Algo moi relevante para a nosa maneira de entender a organización do club.

Como é esa maneira de entender a organización do club?

Nós dámoslle unha relevancia superlativa á formación. Temos unha metodoloxía de traballo común para todas as categorías, con cuestións específicas para cada idade, pero cunha base idéntica para que aos rapaces lles resulte sinxelo e cómodo ir subindo de categoría.

Falemos do histórico ascenso do equipo sénior. Había unha previsión realista de ascender, ou foi unha sorpresa?

Nós atravesamos unha situación moi crítica hai uns anos que nos levou a descender á 3º categoría autonómica na temporada 16-17. Esa etapa tan difícil foi para nós un punto de inflexión que nos levou a un cambio profundo na forma de entender o club, e a poder poñer os alicerces para construír unha situación de solidez que nos permitise consolidarnos na 1º autonómica, que creo que é a nosa categoría natural.

Cambiamos o traballo na base, e mudamos o traballo cos sénior. Ascendemos a 2º, e non sabiamos se o ascenso a 1º sería nesta temporada ou no futuro, pero sabiamos que máis cedo que tarde tería que ser. Afortunadamente puidemos logralo este ano.

Algunha vez nestes anos estivestes a piques de ascender?

Chegamos a disputar algunha promoción de ascenso, si.

Antes de comezar a temporada cal era o obxectivo?

Pelexar polos postos de arriba. O ano pasado comezamos moi ben e acabamos fatal, case mirando cara a abaixo. Este ano tiñamos claro que debiamos estar loitando polos postos de cabeza.

O ascenso foi fácil?

Non, todo o contrario. Foi moi complicado. Ao principio de temporada non tiñamos campo, pois o arranxo do noso demorouse máis do previsto. Inicialmente tivemos que xogar en Oia. Comezamos regular, tirando a mal. De feito no mes de novembro o Candeán levábanos 14 puntos. E finalmente nós acabamos primeiros e eles segundos.

Logo comezamos a remontar e fixemos unha segunda volta espectacular cun nivel de fútbol moi alto.

Como reaccionou o pobo do Rosal ante o ascenso?

Moi ben. A identificación do pobo co equipo é moi elevada e nós sempre nos sentimos enormemente apoiados pola veciñanza do Rosal.

Cal vai ser o obxectivo na seguinte temporada?

Manter a categoría.

Dicíasme que a 1º autonómica era a vosa categoría natural?

Para min si.

O presidente do Tomiño manifestou nas nosas páxinas que el aspiraba a subir e a consolidarse na preferente. Por que o Ribera non?

Imos ver: Tomiño é unha localidade que ten o dobre de habitantes que O Rosal, e ten unha historia en preferente, que nós non temos. En calquera caso nós non renunciamos a nada, e se se dese o caso de que logramos armar un equipo competitivo que pelexe nos postos de arriba, desde logo que fariamos todo o posible por ascender.

Agora mesmo temos nivel para primeira?

Somos un equipo moi sólido, solidario e homoxéneo. Esas son as nosas virtudes colectivas que nos deron o ascenso e que estou convencido de que nos farán ter unha boa temporada tamén en primeira.

Imos perder algún xogador importante?

Non me consta. En calquera caso agora mesmo estamos na fase das renovacións e non podo concretar nada. Só que faremos todo o posible para termos un equipo moi competitivo.

Temos previsto facer algunha fichaxe?

Algunha fichaxe faremos, claro que si. Trataremos de reforzarnos o mellor que poidamos para conseguir o noso obxectivo de manter a categoría. Pero aínda non podo adiantar nada en concreto porque estamos a empezar coa planificación da temporada próxima.

Pero despois de tampo sen estar en primeira imaxino que a temporada abordarédela con moita ilusión?

Abofé que é así. Regresamos a primeira con toneladas de ilusión e con todas as gañas de facer unha temporada moi boa.

O adestrador Iván Rodríguez vai continuar?

Si, é unha persoa cunha traxectoria contrastada e de cuxa capacidade non temos ningunha dúbida.

E ti vas seguir como segundo adestrador?

Creo que non. Xa teño moitas frontes abertas e cústame compaxinar coa miña vida persoal. Seguirei na base e adestrando ao equipo infantil,e por suposto que continuarei colaborando en todo o que poida colaborar. No fútbol modesto cando chegas a un nivel de implicación afectiva tan importante como o que eu teño, non é posible desconectar.

Que tal co concello?

Moi ben. Fan grandes esforzos para que todo funcione correctamente. Estamos moi contentos.

As dúas últimas preguntas, obrigatorias para un madridista coma ti: Como valoras a temporada do Real Madrid?

Ha,ha, ha…pois valóroa como mala claro. Iniciamos un necesario cambio de ciclo que é algo do máis normal no mundo do fútbol, e que a todos os equipos lles pasa periodicamente.

E dos vídeos de Real Madrid TV que opinas?

Non me gustan desde logo. É máis ese tipo de comportamentos son os que fan que me desencante do fútbol profesional.