O BNG denuncia a política cruel e neoliberal do PP que drena recursos á privada e desoe as recomendacións de Contas

Montse Prado

Montse Prado: “Cada novo informe do Consello de Contas amosa o despilfarro e falta de transparencia dun PP que converte a sanidade en negocio para uns poucos”

Santiago de Compostela, 22 de maio, 2025.

A deputada BNG, Montse Prado, denunciou a deriva neoliberal do PP en Sanidade, que segue a drenar recursos cara á privada mentres desmantela o sistema público de saúde galego.

Criticou o incumprimento das recomendacións do Consello de Contas no seu informe de fiscalización da Conta Xeral do Sergas de 2023 sobre as actuacións da Consellería de Sanidade, que, segundo afirmou, “amosa, de novo, a realidade dunha xestión sanitaria marcada polo “despilfarro, a opacidade e a falta de transparencia, ao tempo que desvela a folla de ruta do PP, que converte os servizos públicos esenciais, como a sanidade, en negocio para uns poucos”.

“Esta é a folla de ruta ideolóxica do Partido Popular, puro e cruel neoliberalismo que o único incentivo é actuar para facilitar o negocio ás empresas privadas mentres os galegos e as galegas teñen cada día peor asistencia sanitaria”, criticou Prado, acusando o PP de “crear un relato que non se corresponde coa realidade “ e que non poñen empeño en solucionar os problemas”. “Ese é o auténtico drama. E baixo montañas de titulares non son capaces de agachar a realidade, “durísima” para a maioría” atreveuse a dicir.

“Durísima cando se ve que hai os problemas e non hai resposta na sanidade pública. E o grave é que a sanidade pública de calidade nos iguala a todos e o que vostedes están practicando todos os días o que fai é aumentar a fenda de desigualdade sobre todo para os galegos e as galegas que teñen máis dificultades para acceder por problemas económicos, tecnolóxicos ou sociais”, recriminou á secretaria xeral técnica da Consellería de Sanidade, Natalia Lobato.

O Consello de Contas, órgano fiscalizador independente do gasto público, publicou recentemente dous informes que volven desvelar a política sanitaria do PP, ratificando as denuncias do BNG sobre o deterioro e a perda de calidade dos servizos sanitarios en Galicia. Estes informes subliñan que a situación non é unha casualidade, senón o resultado das constantes decisións do PP na Xunta.

O informe de fiscalización da Conta Xeral do Sergas de 2023 resalta que, a pesar de que o orzamento consolidado do Sergas representa o 39% do orzamento total, persisten graves problemas de xestión financeira, como a opacidade e o uso de contratos menores, fraccionados sen xustificación, a falta de concorrencia competitiva na contratación e a desviación de recursos da Atención Primaria cara á atención hospitalaria e á sanidade privada.

A deriva da Atención Primaria e a sanidade privada

Un dos aspectos máis alarmantes do informe é a continua derivación e “drenaxe” de recursos públicos cara á sanidade privada. A cifra de 242 millóns de euros destinados á asistencia sanitaria privada durante o ano 2023 é unha “clara mostra da política neoliberal do PP” para favorecer as empresas privadas en lugar fortalecer a Atención Primaria, “xa deficitaria”. “Cando van deixar de ningunear a Atención Primaria, o auténtico piar da Sanidade pública?”, cuestionou, recordando que Galiza está á cola do Estado en Atención Primaria, só Madrid nos supera.

Neste punto, Prado fixo referencia aos últimos contratos asinados coa privada, como o do Hospital privado Vithas de Vigo para atender doentes de Ourense, cun investimento de case dez millóns de euros ao ano, que poderían ter sido destinados á mellora da sanidade pública en Ourense e que farían innecesaria esa derivación deses doentes.

O informe sobre o Plan de Saúde Mental

Outro informe relevante e que deixa unha “fotografía demoledora” é o que fiscaliza o Plan de Saúde Mental de Galicia pos-COVID-19 (2020-2024). O PP anunciou un orzamento de 83 millóns de euros para este plan durante a campaña electoral, pero os informes do Consello de Contas desvelan que só se destinaron 33,5 millóns de euros, unha diferenza significativa que non foi desmentida polo PP. “Ese si que é un titular, que o PP non foi capaz de desmentir”, expresou Prado preguntando “onde están eses 83 millóns”.

A responsable de Sanidade do BNG subliñou que os informes do Consello de Contas non só evidencian a falta de transparencia e a mala xestión dos recursos no Sergas, senón tamén a “nefasta política sanitaria do PP”, que pon en risco a calidade do sistema público de saúde en Galicia e favorece intereses privados á custa dos servizos públicos. A súa política, baseada no neoliberalismo, segue a deteriorar os servizos públicos, deixando a cidadanía sen os recursos necesarios para recibir unha atención sanitaria digna.

Fronte a isto, o BNG reitera a súa aposta por unha sanidade pública de calidade, e seguirá a traballar para que a saúde en Galicia sexa “un dereito accesible para todas as persoas e non un negocio privado para uns poucos”.

A cerca de admin 97 Articles
Xornal galego de información xeral Publicación mensual de novas de Galicia e en especial dos Concellos da sur da provincia de Pontevedra.