Como denunciabamos con anterioridade Stellantis argumentaba que os custos laborais e enerxéticos representan o 70% do custe de produción. Porén, en 2023, Stellantis España S.L. gastou 14.502.067.000 en aprovisionamentos fronte a 620.713.000 en persoal, o que equivale a só 633 euros por vehículo. Entre 2004 e 2020, a plantilla reduciuse de 9.115 a 6.998 traballadoras, mentres a produción creceu de 458.200 a 498.000 vehículos, elevando a produtividade por traballadora de 50 a 70 vehículos, demostrándose unha narrativa enganosa sobre custos laborais.
Estas declaracións son unha falta de respecto para as persoas traballadoras que ven un incremento incesante da flexibilidade das condicións laborais das persoas traballadoras, que xa nas ultimas semanas padeceron xornada ampliadas e sábados obrigatorios de ata 9 horas, ademais coa extensión dunha hora adicional en certos días no Sistema 1 e a imposición da modificación dos descansos en FERRAXE. Todo isto representa un ataque directo ao benestar das traballadoras, limitando o dereito das traballadoras a un repouso adecuado, esencial para mitigar o desgaste físico e psiquico que padecemos.
Pero ao parecer isto non remata aquí, e presumiblemente pretenden un incremento de produción nas vindeiras semanas que vai facer si cabe uns ritmos de traballo mais extenuantes. Unha liña máis rápida só agravará estas doenzas, sobrecargando aínda máis ás traballadoras e aumentando o risco de baixas laborais. Estas medidas, xustificadas pola empresa como necesarias para manter a competitividade, demostran continuar con unha postura inflexible, priorizando a produción sobre a saúde laboral, que reflicte unha estratexia de maximizar a produción a costa do benestar e saúde.
Se a isto lle sumamos o que esta acontecer coa criminalización das traballadoras, coa persecución polas chamadas Andon (sistema de alertas para sinalar problemas ou dificultades na produción), ou incluso que as persoas traballadoras enfróntanse a restricións inaceptables, como a imposibilidade de beber auga durante o traballo, e das dificultades para acceder ao baño, especialmente en liñas de produción. Crean un ambiente laboral hostil, con prácticas que culpabilizan ás traballadoras por erros que a miúdo derivan de ritmos excesivos e falta de formación adecuada, en lugar de abordar as causas estruturais.
