A Comisión de Traballo do Congreso aproba a iniciativa nacionalista para exixir ao Goberno a necesaria modificación da proposta de Regulamento do Fondo de Compensación
Néstor Rego: “É de xustiza pór fin a esta demora. Queremos que se resolva canto antes e se resolva ben”
Madrid, 21 de maio de 2025
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, procura o apoio do Congreso para reclamar ao Goberno a posta en funcionamento do Regulamento do Fondo de Compensación das Vítimas do Amianto e a necesaria modificación da proposta feita pública polo executivo. A Comisión de Traballo da cámara baixa apoia a totalidade da proposta da organización nacionalista sen ningún voto en contra.
“É de xustiza pór fin a esta demora de máis de dous anos e ofrecer garantías a todas as persoas afectadas polo amianto” sinala o deputado nacionalista durante a defensa da iniciativa. Segundo lembra Rego, van máis de dous anos e medio da aprobación do texto lexislativo que recollía que no prazo de tres meses se estabelecería un regulamento do Fondo de Compensación das Vítimas do Amianto. “Lamentabelmente, hai persoas que xa non poderán percibir estas axudas pola tardanza do Goberno” di Rego.
Por outra parte, o deputado do BNG no Congreso sinala que a proposta que agora realiza o Regulamento “non é adecuado” e mesmo “deixa fóra a moitas persoas”, chegando a non cubrir as necesidades das vítimas.
“Houbo achegas -sobre todo da CIG e de AGAVIDA- que deberan ser tomadas en consideración dado que na Galiza, especificamente no caso de Ferrol, hai moitas persoas afectadas” recorda Rego.
“Queremos que se resolva canto antes e que se resolva ben” di Rego
Na iniciativa defendida polo BNG, reclamaba ampliar as patoloxías do anexo I incluíndo o cancro de útero, a fibrose, as placas pleurais e a asbestose sen repercusión, así como ampliar as patoloxías para ser persoa beneficiaria pola vía do artigo 3.c) a todas as do anexo I reformado, así como eliminar o requisito de estar inscrita no RETEA.
Reclama así mesmo, dotar ao Fondo dunha estrutura descentralizada resolvéndose as solicitudes ao Fondo desde organismos de carácter provincial. “Non ten sentido que sexa a Administración Autonómica a que faga os informes e despois todo se centralice en Madrid” xustifica Rego.
Así mesmo, a proposición non de lei recolle estabelecer que a Xurisdición social sexa a competente para coñecer en vía xudicial dos recursos presentados contra as resolucións do Fondo así como de calquera outro asunto relacionado. Do mesmo xeito, demanda tamén, a constitución de Comisións de Seguimento a nivel autonómico con idéntica composición que a comisión estatal mais reservando 4 dos 8 postos adxudicados á Administración Xeral do Estado para a administración autonómica que, así mesmo, nomeará ás persoas representantes da comunidade científica.
“Na iniciativa aprobada tamén se reclama que as compensacións económicas teñan que ser calculadas como promedio do que veñen decretando os xulgados e tribunais para cada unha das patoloxías nos últimos 24 meses antes da entrada en vigor do Regulamento, así como permitir que unha mesma persoa poida ser beneficiaria de máis de unha compensación aplicando os criterios xudiciais vixentes a este respecto, que as indemnización percibidas sexan consideradas exentas de tributación e, por último, que a resolución favorábel da solicitude por parte do Fondo dea lugar ao dereito de recargo de prestacións” sinala Rego.
